CAPÍTULO 16

 

Timoteo únese á misión de Paulo

 

1Chegou tamén a Derbe e Listra. Había alí un discípulo, chamado Timoteo, fillo dunha xudía crente e de pai grego, 2do que falaban ben os irmáns de Listra e de Iconio. 3Paulo quixo que fose con el e circuncidouno por mor dos xudeus daquela bisbarra, pois todos sabían que o pai era grego.

4Polas cidades que pasaban transmitíanlles as decisións tomadas polos apóstolos e responsables en Xerusalén, para que as cumprisen. 5Deste xeito as Igrexas quedaban confirmadas na fe e medraban en número cada día. 6Impedidos polo Espírito Santo de predicar a mensaxe en Asia, atravesaron Frixia e a rexión de Galacia; 7chegados de fronte a Misia, tentaron de entrar en Bitinia; pero o Espírito de Xesús non llelo permitiu; 8así que, atravesando Misia, baixaron a Tróade.

9Durante a noite, Paulo tivo unha visión: estaba alí de pé un macedonio, suplicándolle: "¡Pasa a Macedonia e axúdanos!"

10Logo desta visión procuramos partir de contado para Macedonia, sabedores de que Deus nos chamaba a lles anunciar a Boa Nova.

 

 Conversión de Lidia

 

11Embarcamos en Tróade, dereitos a Samotracia; para o outro día a Neápolis, 12e de alí a Filipos, que era das principais cidades da rexión de Macedonia. Alí aínda botamos uns días.

13O día de sábado saímos fóra da porta cara á beira dun río, onde supoñiamos que había un lugar de oración; sentámonos, e comezamos a falar coas mulleres que se xuntaban alá. 14Unha delas, que se chamaba Lidia, tratante en púrpura, da cidade de Tiatira, que seguía o xudaísmo, púxose a escoitar, e o Señor abriulle o corazón, para que fixese caso do que dicía Paulo. 15Despois de se bautizar cos seus, rogábanos así: "se me tedes por unha fiel do Señor, vide parar na miña casa". E obrigounos.

 

Prisión de Paulo e Silas

 

16Un día pasounos que, indo nós cara ó sitio da oración, atopamos unha escrava que tiña espírito de adiviña e dáballes moitos cartos ós seus amos coas súas adiviñacións. 17Seguíanos a Paulo e a nós, berrando: "estes homes son servos do Deus Altísimo, que vos anuncian o camiño da salvación". 18Levaba así moitos días. Entón Paulo, xa farto, volveuse e díxolle ó espírito: "ordénoche no nome de Xesús Cristo que saias desa muller". E no mesmo intre saíu.

19Vendo os amos que se lles ía a esperanza do negocio, botaron man de Paulo e Silas e arrastráronos á praza pública á presenza dos xuíces. 20Presentáronos ás autoridades, dicindo: "estes homes andan perturbando a nosa cidade; son xudeus 21e predican uns costumes que coma romanos non podemos admitir nin practicar".

22A xente arrepúxose en contra deles; e os pretores, despois de facer que os espisen, mandáronos azoutar con vergallos. 23Cando xa lles deran moitos lategazos, metéronos na prisión, ordenándolle ó carcereiro que os gardase con moito tino. 24El, ó recibir tal orde, meteunos na cela de castigo e prendeulles os pés co cepo.

 

Conversión do carcereiro. Liberación e partida

 

25Pola media noite, Paulo e Silas oraban, cantando loanzas a Deus. Os outros presos escoitaban. 26De súpeto veu un terremoto tan grande que abalaron os alicerces da prisión; de golpe abríronse as portas todas e desprendéronse as cadeas de todos eles.

27Cando acordou o carcereiro e viu abertas as portas da prisión quitou a espada para se matar, coidando que os presos xa fuxiran; 28pero Paulo berroulle: "non te firas, que estamos todos aquí". 29El pediu unha luz, entrou dentro e, tremendo, botouse ós pés de Paulo e de Silas, 30levounos para fóra e díxolles:

‑Señores, ¿que teño que facer para me salvar?

31Respondéronlle:

‑Cre no Señor Xesús e salvaraste ti e mais os da túa casa.

32E anunciáronlle a palabra do Señor, a el e mais a todos os da súa casa. 33E naquela mesma hora da noite levounos consigo, lavoulles as feridas e seguidamente bautizouse el e todos os seus. 34Despois fíxoos subir á súa casa, preparoulles a mesa, e celebraron unha festa por crer en Deus con todos os da súa casa.

35O ser día, os pretores mandaron os alguacís para lle dicir ó carcereiro: "ceiba a eses homes". 36Entón o carcereiro transmitiu a Paulo a mensaxe:

‑Os pretores mandan dicir que vos poña en liberdade; saíde, logo, e marchade en paz.

37Pero Paulo replicoulles:

‑Ou sexa, que primeiro nos azoutan á vista de todo o mundo, despois métennos no cárcere sen xuízo, a nós, que somos cidadáns romanos, ¿e agora quérennos botar ás agachadas? Pois non. Que nos veñan ceibar eles en persoa.

38Os alguacís fóronlles dar o recado ós pretores, que colleron medo ó sentiren dicir que eran cidadáns romanos. 39Fóronlles pedir desculpas e, acompañándoos para fóra, pedíronlles que marchasen da cidade.

40O saíren do cárcere, foron á casa de Lidia; viron os irmáns, animáronos e marcharon.

 

 

 

CAPÍTULO 17

 

En Tesalónica. Problemas cos xudeus

 

1Atravesando por Anfípolis e Apolonia, chegaron a Tesalónica, onde había unha sinagoga dos xudeus. 2Como de costume, Paulo foi para onda eles e durante tres sábados discutiron. Apoiándose nas Escrituras, 3explicáballes que o Mesías tiña que sufrir e resucitar de entre os mortos, e que ese Mesías "é Xesús, a quen eu vos anuncio".

4Algúns deles convencéronse e uníronse a Paulo e Silas, así coma moitos gregos seguidores do xudaísmo e bastantes mulleres de categoría.

5Non obstante, os xudeus, cheos de envexa, xuntando algúns pillabáns dos peoriños, armaron un rebumbio na cidade, e presentáronse en casa de Iasón en busca deles, para levalos diante do pobo. 6Como non os encontraron, arrastraron a Iasón e algúns dos irmáns diante das autoridades locais, berrando:

‑Eses, que andan revolucionando o mundo enteiro, tamén viñeron aquí, 7e Iasón recibiunos na súa casa. Todos van contra os decretos do emperador, dicindo que é rei un tal Xesús.

8Con isto desconcertaron ó pobo e ás autoridades locais que tal oían. 9Pero, despois de recibiren unha fianza de Iasón e dos demais, soltáronos.

 

En Berea. Boa acollida

 

10E axiña, de noite, os irmáns fixeron marchar a Paulo e Silas cara a Berea. O chegaren, dirixíronse á sinagoga dos xudeus. 11Es-tes eran máis nobres cós de Tesalónica e recibiron a palabra con todo interese, investigando todos os días as Escrituras, para veren se aquilo era así. 12Moitos deles creron e tamén bastantes señoras gregas das máis distinguidas, así coma os homes.

13Cando os xudeus de Tesalónica souberon que tamén en Berea anunciara Paulo a palabra de Deus, foron alí enlizar e axitar a xente. 14Entón os irmáns, sen tardar, mandaron a Paulo cara ó mar. Silas e Timoteo ficaron alí.

 

Paulo en Atenas

 

15Os que conducían a Paulo levárono a Atenas e volveron coa encomenda de que Silas e Timoteo fosen con todo o apuro onda el. 16Mentres Paulo agardaba por eles en Atenas, consumíase por dentro, vendo que a cidade estaba chea de ídolos. 17Comezou, logo, a discutir na sinagoga cos xudeus e os seguidores do xudaísmo e na praza todos os días cos que aparecían por alí.

18Algúns filósofos epicúreos e estoicos conversaban con el; uns dicían: "¿que quererá dicir este lingoreteiro?". E outros: "parece ser un predicador de deuses estranxeiros". (É que anunciaba a Xesús e a resurrección). 19Entón levárono con eles ó Areópago, dicíndolle:

‑¿Podemos saber que é esa nova doutrina que ensinas? 20Porque ti dis cousas que nos sorprenden e queremos saber de que se trata.

21(Os atenienses e estranxeiros que vivían alí pasaban o tempo contando ou escoitando a última novidade).

 

Discurso de Paulo no Areópago

 

22Entón Paulo, de pé no medio do Areópago, dixo:

‑Atenienses, vexo en todo que sodes moi relixiosos, 23pois andando por aí e mirando para os vosos monumentos de culto, incluso atopei un altar con esta inscrición: "O deus descoñecido". Ben, pois o que venerades sen o coñecer, é o que eu vos anuncio: 24o Deus que fixo o mundo e todo o que nel hai, o Señor do ceo e mais da terra, non habita en santuarios feitos pola man dos homes, 25nin o serven mans humanas, coma se precisase de cousa ningunha El, que a todos dá vida e alento. 26Dun só home quitou a raza humana, para que habitasen toda a terra, e estableceu os lindeiros dos seus tempos e mais dos seus territorios, 27para que o buscasen a El e o encontrasen, aínda que fose atoutiñando. En realidade non está lonxe de cada un de nós, 28posto que nel vivimos, nos movemos e existimos, como algúns dos vosos poetas dixeron: "porque somos incluso da súa caste". 29Así que, sendo da liñaxe de Deus, non debemos pensar que a divindade sexa semellante ó ouro, á prata ou á pedra, traballados pola maña e a imaxinación do home. 30Ora ben, pasando por alto os tempos de ignorancia, agora manda Deus ós homes que todos en todas partes se arrepintan. 31Porque estableceu un día no que ha xulgar o mundo con xustiza por medio do home que El determinou, dándonos a todos a garantía disto, resucitándoo de entre os mortos.

32O sentiren falar de "resurrección de mortos", uns burlábanse e outros dicíanlle:

‑Ben, home, ben. Diso xa te escoitaremos noutra ocasión.

33Con estas, Paulo marchou do medio deles. 34Mesmo así, xuntáronselle algúns homes e creron, entre eles Dionisio Areopaxita, unha muller chamada Dámaris e outros.

 

 

 

CAPÍTULO 18

 

Paulo en Corinto. Problemas cos xudeus

 

1Despois disto Paulo deixou Atenas e foise para Corinto. 2Alí atopou un xudeu chamado Aquila, natural do Ponto, que acababa de chegar de Italia con Priscila, a súa muller, por cousa dun edicto de Claudio, que mandaba que todos os xudeus marchasen de Roma. Xuntouse con eles, 3e como eran do mesmo oficio, quedou a traballar na casa deles (eran tecedores de lonas).

4Cada sábado discutía na sinagoga, tratando de convencer a xudeus e a gregos. 5Cando Silas e Timoteo chegaron de Macedonia, Paulo dedicouse de cheo á palabra, atestando perante os xudeus que Xesús é o Mesías. 6Pero como eles se lle repoñían xurando, díxolles, sacudindo a roupa:

‑Que o voso sangue veña sobre a vosa cabeza; eu non teño culpa. De agora en diante voume ós pagáns.

7E marchando de alí, foi á casa dun tal Ticio Xusto, seguidor do xudaísmo, que vivía a carón da sinagoga. 8Crispo, o xefe da sinagoga, creu no Señor con toda a súa familia, e moitos corintios que escoitaban a Paulo abrazaron a fe e bautizáronse.

9Unha noite, en visión, díxolle o Señor a Paulo: "non recees, sigue falando e non cales; 10que eu estou contigo e ninguén arremeterá contra ti, que teño un pobo numeroso nesta cidade". 11Entón botou alí ano e medio, ensinándolles a palabra de Deus.

12Sendo Galión procónsul de Acaia, os xudeus todos á xunta foron contra Paulo e levárono diante do tribunal, 13dicindo:

‑Este home anda a convencer na xente para que dean culto a Deus dun xeito contrario á Lei.

14Aínda Paulo non abrira a boca e Galión díxolles ós xudeus:

‑Se se tratase dalgunha inxustiza ou delito grave, sería de razón atendervos con paciencia; 15pero como é cuestión de palabras, de nomes e da vosa Lei, amañádevos vós. Eu non quero ser xuíz desas cousas.

16E mandounos saír do tribunal. 17Entón, botaron man de Sóstenes, o xefe da sinagoga, e déronlle unha malleira diante do tribunal, pero Galión non quixo saber nada.

 

Regreso a Antioquía por Éfeso

 

18Paulo aínda botou alí ben días. Despois despediuse dos irmáns e embarcou para Siria en compaña de Priscila e Aquila. En Céncreas rapou a cabeza, porque se ofrecera. 19Chegaron a Efeso e alí separáronse. Entrou na sinagoga e discutía cos xudeus; 20pedíronlle que ficase máis tempo, pero el non quixo, 21e despediuse dicindo:

‑Hei volver onda vós, se Deus quere.

E marchou de Éfeso. 22Logo de desembarcar en Cesarea, subiu a saudar a Igrexa e baixou a Antioquía.

 

 

TERCEIRA  VIAXE  DE  PAULO

 

23Pasado algún tempo, marchou e percorreu sucesivamente o país gálata e a Frixia, fortalecendo a todos os discípulos.

 

Predicación de Apolo en Éfeso e Corinto

 

24Chegou a Éfeso un xudeu chamado Apolo, natural de Alexandría, que falaba moi ben e dominaba as Escrituras. 25Ins-truírase no camiño do Señor e con espírito afouto predicaba e ensinaba con exactitude no tocante a Xesús, aínda que só coñecía o bautismo de Xoán.

26Púxose a falar barilmente na sinagoga. Priscila e Áquila, que o sentiran, levárono consigo e expuxéronlle con máis precisión o camiño de Deus. 27Como el quería ir para Acaia, os irmáns animárono e escribíronlles ós discípulos, para que o acollesen. De chegado, foilles de gran axuda ós que pola graza abrazaran a fe, 28pois con forza refutaba en público ós xudeus, demostrando polas Escrituras que Xesús era o Mesías.

 

 

 

CAPÍTULO 19

 

Paulo volve a Éfeso, onde bota dous anos evanxelizando

 

1En tanto Apolo estaba en Corinto, Paulo, logo de atravesar o 2interior do país, chegou a Éfeso. Encontrou alí a algúns discípulos, e preguntoulles:

‑¿Recibistes o Espírito Santo, cando abrazastes a fe?

Eles respondéronlle:

‑Nin sequera sentimos dicir que haxa un Espírito Santo.

3Díxolles:

‑E logo, ¿que bautismo recibistes?

Eles responderon:

‑O bautismo de Xoán.

4Entón díxolles Paulo:

‑Xoán bautizaba cun bautismo de conversión, dicíndolle ó pobo que cresen no que viña despois del, é dicir, en Xesús.

5Despois de sentiren isto, bautizáronse no nome do Señor Xesús; 6e logo que Paulo lles impuxo as mans, veu sobre eles o Espírito Santo e comezaron a falar en linguas estrañas e a profetizar. 7En total eran uns doce homes.

8Foi Paulo para a sinagoga e durante tres meses falou abertamente, discutindo e convencendo no tocante ó Reino de Deus. 9Pero, como algúns estaban endurecidos e non crían e falaban mal do Camiño diante da xente, arredouse deles. Tomando á parte os discípulos, falaba cada día na escola dun tal Tirano. 10Isto durou dous anos, de xeito que sentiron a palabra do Señor todos os habitantes da Asia, xudeus e gregos.

11Deus facía milagres extraordinarios polas mans de Paulo; 12a tal punto que poñéndolles ós enfermos os panos da man ou pezas del que tocaran o corpo, desaparecían deles as enfermidades, e marchaban os malos espíritos.

13Tamén algúns xudeus, exorcistas ambulantes, probaron a invocar o nome do Señor Xesús sobre os que tiñan os espíritos malos, dicindo: "esconxúrovos polo Xesús que Paulo predica".

14(Os que isto facían eran sete fillos dun certo Escevas, sumo sacerdote xudeu). 15Pero o mal espírito respondeulles: "coñezo a Xesús e sei quen é Paulo; ¿pero vós quen sodes?" 16E o que estaba posuído polo espírito malo botouse a eles dun brinco e fixo deles un pandeiro, de tal xeito, que tiveron que fuxir da casa aquela en coiro e cheos de feridas.

17Isto soubérono todos os que vivían en Éfeso, xudeus e gregos. Todos tomaron moito respecto e recoñecían a grandeza do nome do Señor Xesús. 18Moitos dos que creran foron confesar e declarar as súas meiguerías 19e moitos dos que foran meigos levaban os libros e queimábanos diante de todos. Calcularon que valerían unhas cincuenta mil moedas de prata. 20Deste xeito medraba e fortalecíase a palabra de Deus.

21Despois destas cousas, Paulo decidiu ir a Xerusalén, pasando por Macedonia e Acaia, declarando: "despois de estar alí, teño que visitar tamén Roma". 22Entón mandou a Macedonia dous dos seus axudantes, Timoteo e Erasto, mentres el pasaba algún tempo aínda en Asia.

 

O Evanxeo choca cos intereses da industria pagá

 

23Daquela armouse un gran balbordo por causa do Camiño. 24O caso foi así: un prateiro chamado Demetrio, que fabricaba reproducións en prata do santuario da deusa Artemisa e que proporcionaban ós artesáns non pouca ganancia, 25reuniunos con outros da mesma arte e díxolles:

‑Compañeiros, ben sabedes que a nosa prosperidade depende desta industria; 26pero estades vendo e sentindo que non só en Éfeso senón tamén en case toda a Asia, ese Paulo convenceu a bastante xente, dicíndolles que non son deuses os que se fan coas mans. 27Isto pon en perigo non só o creto da nosa industria, senón incluso do mesmo templo da gran deusa Artemisa, acabando por desprestixiar a aquela a quen veneran Asia e o mundo enteiro.

28O sentiren isto, alporizáronse e deron en berrar:

‑¡Viva a Artemisa dos efesios!

29Armouse unha algueirada por toda a cidade; a xente botouse en masa cara ó teatro, arrastrando consigo ós macedonios Gaio e mais Aristarco, compañeiros de viaxe de Paulo.

30Paulo quería presentarse naquela manifestación pero os discípulos non o deixaron, 31e incluso algúns das autoridades que eran amigos del, mandáronlle aviso de que non aparecese polo teatro.

32Cadaquén berraba polo seu lado, pois a asemblea estaba revolta e a maioría nin sabía por que se xuntaran. 33Entón, saíu de entre a xente Alexandro, animado polos xudeus, que, acenando coa man, pediu a palabra para darlle explicacións á xente. 34Pero cando se decataron de que era xudeu, estiveron berrando todos á xunta case dúas horas:

‑¡Viva a Artemisa dos efesios!

35Entón o maxistrado calmou á xente e dixo:

‑Efesios, ¿quen non sabe que a cidade de Éfeso é a garda do templo da grande Artemisa e da súa imaxe baixada do ceo? 36Sendo isto indiscutible, convén que teñades calma e non fagades as cousas ás toas, 37porque trouxestes uns homes que non son sacrílegos nin blasfeman da nosa deusa. 38Polo tanto, se Demetrio e os artesáns que van con el teñen queixa de alguén, xa hai audiencias e procónsules; que preiteen. 39E, se queredes algunha outra cousa, xa se resolverá na asemblea regulamentaria. 40Mesmo nos arriscamos a que nos acusen de insurrección polo que pasou hoxe, pois non hai motivo ningún que xustifique semellante rebumbio.

En dicindo isto, disolveu a asemblea.

 

 

 

CAPÍTULO 20

 

Comeza o regreso de Paulo a Siria. Pasando antes por Macedonia

 

1Cando pasou o boureo, Paulo mandou chamar polos discípulos, animounos, despediuse deles e marchou cara a Macedonia. 2Despois de percorrer aquela bisbarra, animándoos moito, chegou a Grecia, 3onde botou tres meses. Cando estaba para embarcar cara a Siria, como os xudeus lle argallaran unha emboscada, resolveu volver por Macedonia. 4Levaba de compañeiros a Sópatro, fillo de Pirro, natural de Berea, ós tesalonicenses Aristarco e Segundo, Gaio de Derbe, Timoteo e os asiáticos Tíquico e Trófimo. 5Estes adiantáronse e esperaron polos outros en Tróade. 6Pola nosa banda, embarcamos en Filipos despois das festas da Pascua, e logo de cinco días fomos dar con eles en Tróade, quedando alí sete días.

 

En Tróade. Episodio do rapaz accidentado

 

7O domingo estabamos reunidos para partir o pan. Paulo, que ía marchar para o outro día, comezou a falar con eles e prolongou a prédica ata a media noite. 8Había moitas lámpadas no cuarto alto, onde estabamos reunidos.

9A un rapaz, chamado Eutiquio, que estaba sentado na ventá, foille pegando o sono, mentres Paulo alongaba a súa práctica; e así que adormeceu de vez, caeu en baixo desde o terceiro piso e recollérono morto.

10Paulo baixou, botouse sobre el e, apertándoo, dixo: "non vos asustedes, que aínda alenta". 11Subiu, partiu o pan e comeuno e, despois de conversar aínda ben tempo ata o amencer, marchou. 12Entón levaron o rapaz vivo e tiveron un gran consolo.

13Pola nosa banda, adiantámonos a embarcar rumbo a Asos, onde tiñamos que recoller a Paulo, pois el dispuxera facer a viaxe por terra. 14Cando nos alcanzou en Asos, recollémolo a bordo, e chegamos a Mitilene; 15de alí fixémonos á vela, e ó outro día chegamos fronte a Quíos. Para o outro día navegamos a Samos, e para o outro chegamos a Mileto.

 

Despedida dos presbíteros de Éfeso en Mileto

 

16Paulo tiña decidido pasar por Éfeso de largo, para non perder tempo en Asia. Apuraba por ver de estar en Xerusalén o día de Pentecoste.

17Desde Mileto, mandou chamar polos responsables da Igrexa de Éfeso. 18Cando chegaron cabo del, díxolles:

‑Ben sabedes como me portei convosco desde o primeiro día que cheguei a Asia, 19servindo ó Señor con toda humildade no medio das bágoas e probas que me viñeron das maquinacións dos xudeus; 20non tiven reparo en instruírvos e predicarvos, publicamente e polas casas, todo o que vos fose de proveito, 21insistindo solemnemente a xudeus e gregos que se convertesen a Deus pola fe no noso Señor Xesús.

22E agora vouvos a Xerusalén, obrigado polo Espírito, sen saber o que me espera; 23só sei que o Espírito Santo me avisa de cidade en cidade que me agardan cadeas e tribulacións. 24Pero non estimo en nada a miña vida, con tal que poida rematar a miña carreira e o  servizo que me encomendou o Señor Xesús: dar testemuño da Boa Nova da graza de Deus.

25Sei que ninguén de vós, entre os que pasei predicando o Reino, me volverá ver. 26Por iso, asegúrovos hoxe que non me sinto responsable da perdición de ninguén, 27porque non me gardei de anunciarvos todo o plan de Deus. 28Coidade de vós e de todo o rabaño do que o Espírito Santo vos constituíu inspectores, para pastoreardes a Igrexa que Deus comprou co sangue do seu propio Fillo.

29Xa sei que despois da miña marcha se han meter entre vós lobos carniceiros, que non terán mágoa do rabaño. 30E incluso de entre vós mesmos sairán homes que ensinarán cousas perversas, para arrastraren os discípulos tras eles. 31Por iso, vixiade, lembrándovos que, por tres anos, día e noite, non parei de vos aconsellar con bágoas a cada un de vós.

32Eu déixovos nas mans de Deus e da súa palabra de graza: El ten poder para construír e darvos a herdanza entre todos os santificados. 33Non cobicei de ninguén prata, ouro nin roupa: 34ben sabedes todos que para as miñas necesidades e as dos meus compañeiros gañaron abondo estas miñas mans. 35En todo vos mostrei que é, traballando así, como cómpre valerlles ós necesitados, recordando as palabras do Señor Xesús, que dixo: "é máis felicidade dar que recibir".

36En dicindo isto, axeonllouse con todos eles, e rezou. 37Todos choraron moito e, dábanlle apertas e bicos a Paulo, 38aflixidos, sobre todo porque lles dixera que non o ían ver máis. E foron con el ata o barco.

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com