Capítulos 1-5

 

INTRODUCIÓN

 

CAPÍTULO 1

 

Predicación de Xoán Bautista (Mt 3, 1-12; Lc 3, 1-18)

 

1Comezo do Evanxeo de Xesús Cristo, Fillo de Deus.

2Como está escrito no profeta Isaías:

Mira: mándoche por diante un mensaxeiro,

para que prepare o teu camiño.

3Unha voz clama no deserto:

preparade o camiño do Señor,

endereitade os seus vieiros.

4Presentouse Xoán no deserto bautizando: pregoando un bautismo de conversión, para lograr o perdón dos pecados. 5E ía onda el xente de toda a provincia de Xudea e de Xerusalén; confesaban os seus pecados e el bautizábaos no río Xordán.

6Xoán ía vestido con pelos de camelo e cun cinguideiro de coiro arredor do van, e mantíñase de saltóns e mel bravo. 7E proclamaba:

‑Detrás miña está a chegar o que é máis forte ca min, ante quen non son digno de prostrarme para lle desatar os amallós do seu calzado. 8Eu bautizo con auga, pero el havos bautizar con Espírito Santo.

 

Bautismo de Xesús (Mt 3, 13-17; Lc 3, 21-22)

 

9E aconteceu por aqueles días que chegou Xesús desde Nazaret de Galilea, e Xoán bautizouno no Xordán. 10E de seguida, mentres saía da auga, viu abrirse o ceo e baixar sobre el, coma unha pomba, o Espírito Santo. 11E unha voz deixouse oír desde o ceo:

‑Ti es o meu fillo benquerido, o meu predilecto.

 

As tentacións  (Mt 4, 1-11; Lc 4, 1-13)

 

12Axiña o encamiñou o Espírito ó deserto. 13Alí permaneceu corenta días, alí o tentou Satán; vivía entre as feras, e servíano os anxos.

 

 

PREDICACIÓN EN GALILEA

 

A Boa Nova (Mt 4, 12-17; Lc 4, 14-15)

 

14Cando prenderon a Xoán, marchou Xesús a Galilea a anunciar a Boa Nova de Deus, 15dicindo:

‑O tempo está cumprido, e chega o Reino de Deus; convertédevos, e crede na Boa Nova.

 

Os primeiros discípulos (Mt 4, 18-22; Lc 5, 1-11)

 

16Camiñando pola ribeira do mar de Galilea, viu a Simón e mais a Andrés, seu irmán, largando o aparello no mar: eran pescadores. 17Díxolles Xesús:

‑Vide comigo, e fareivos pescadores de homes.

18E deixando de contado o aparello, seguírono. 19Un pouco máis adiante viu a Santiago, fillo de Zebedeo e mais a Xoán, seu irmán; estaban arranxando o aparello na barca. E de seguida os chamou. 20Eles, deixando a seu pai, Zebedeo, e mais os seus tripulantes na barca, seguírono.

 

Curación na sinagoga (Lc 4, 31-37)

 

21Viñeron a Cafarnaún, e, ó chegar o sábado, púxose a ensinar na sinagoga.

22Todos estaban abraiados da súa doutrina, pois ensinaba coma quen ten autoridade, non coma os letrados. 23E cadrou que había naquela sinagoga un home posuído por un mal espírito, e púxose a berrar:

24‑¿Que temos que ver contigo, Xesús de Nazaret? ¿Seica viñeches para acabar connosco? Ben sei quen es ti: ti es o Santo de Deus.

25Xesús mandoulle:

‑Cala, e bótate fóra dese home.

26O espírito malo sacudiuno, pegou un berro moi alto e saíu del. 27Todos ficaron pasmados, e discutían entre si, dicindo:

‑¿Que é isto? Unha nova doutrina, e con autoridade; enriba, dálles ordes ós espíritos malos, e eles obedéceno.

28E a súa sona espallouse de contado por toda a rexión de Galilea.

 

Curación da sogra de Pedro e doutros enfermos  (Mt 8, 14-17; Lc 4, 38-44)

 

29Despois de saír da sinagoga, foi á casa de Simón e mais de Andrés, con Santiago e Xoán. 30A sogra de Simón estaba na cama con febre, e axiña lle falaron dela. 31E, achegándose, colleuna pola man e ergueuna; desapareceulle a febre e púxose a servilos.

32Chegada a tardiña, xa de sol posto, leváronlle todos os enfermos e endemoñados; 33a vila enteira se amoreou na porta. 34E sandou a moitos enfermos de varias doenzas e botou moitos demoños. Pero ós demoños non os deixaba falar, porque o coñecían ben.

35Erguéndose moi cedo, aínda de noite, saíu para un lugar arredado, onde se puxo a orar. 36Simón e mais os seus compañeiros fórono seguindo, 37e cando o atoparon, dixéronlle:

‑Todos te andan a buscar.

38El respondeu:

‑Vaiamos a outro sitio, ás aldeas veciñas, para predicarmos tamén alí, que para isto vin.

39E foi predicando polas sinagogas de Galilea, botando fóra os demos.

 

Curación dun gafo  (Mt 8, 2-4; Lc 5, 12-16)

 

40Acercóuselles un gafo, e rogoulle de xeonllos:

‑Ti, se queres, pódesme limpar.

41‑Xesús, estremecido, alongou a man, e tocouno, dicindo:

‑Pois quero, queda limpo.

42E no instante desapareceulle a lepra, quedando limpo. 43E despediuno, e, poñéndose moi serio, mandoulle:

44‑Mira, non lle vaias dicir nada a ninguén; preséntate ó sacerdote, e fai pola túa purificación as ofrendas mandadas por Moisés, para que lles conste.

45Pero, mal se foi, aquel home botouse a pregoar a nova, espallándoa de tal xeito que Xesús xa non podía entrar en vila ningunha, senón que quedaba fóra, nos arredores apartados. Pero aínda así acudían a el de todas as partes.

 

 

 

CAPÍTULO 2

 

Curación dun paralítico (Mt 9, 1-8; Lc 5, 17-26)

 

1De alí a uns días entrou de novo en Cafarnaún, e sóubose que estaba na casa; 2tantos se xuntaron que nin diante da porta había xa sitio. El expoñíalles a Palabra. 3Entón, entre catro, trouxeron un home tolleito. 4Pero, non podendo chegar ó pé del, pola moita xente que había, levantaron o teito onde el estaba, e abriron un furado ata poderen meter o leito co enfermo, e descolgalo. 5Xesús, vendo a fe que tiñan, díxolle ó tolleito:

‑Meu fillo, quédanche perdoados os teus pecados.

6Pero alí sentados estaban algúns letrados, que matinaban para os seus adentros:

7"Pero, ¿que está a dicir este home? Está blasfemando. ¿Quen pode perdoar os pecados, senón unicamente Deus?"

8Xesús, decatándose axiña do que estaban cavilando, díxolles:

‑¿Por que razoades así nos vosos adentros? 9¿Que é máis fácil: dicirlle a este tolleito: "quedan perdoados os teus pecados", ou dicirlle: "érguete, colle a padiola e vaite?" 10Pois para que vexades que o Fillo do Home ten poder para perdoar os pecados 11‑dille ó tolleito‑, colle a padiola, e vaite á túa casa.

12E así foi: no instante, ergueuse, colleu o leito, e foise diante de todos; de tal modo que todos ficaron pasmados, e daban gloria a Deus dicindo:

‑Nunca tal cousa vimos.

 

Vocación de Mateu (Mt 9, 9-13; Lc 5, 27-32)

 

13Volveu saír para a beira do mar, e a xente toda seguía acudindo. E el ensinábaos. 14O pasar, viu a Leví, o de Alfeo, sentado no mostrador a cobrar a contribución, e dille:

‑Sígueme.

El ergueuse, e seguiuno.

15Aconteceu que estando Xesús á mesa de Leví, acompañado dos seus discípulos e mais outros recadadores de impostos e pecadores ‑pois eran moitos os que o seguían‑, 16os letrados e fariseos, véndoo comer con eles, dixéronlles ós discípulos:

‑¿Como é que come cos recadadores e pecadores?

17Xesús sentiunos, e contestoulles:

‑Non son os sans, senón os enfermos, os que precisan médico. Eu non vin chamar polos xustos, senón polos pecadores.

 

Discusión polo xaxún  (Mt 9, 14-17; Lc 5, 33-39)

 

18Un día no que os discípulos de Xoán e mais os fariseos gardaban o xaxún, viñéronlle preguntar:

‑¿Como é que mentres os discípulos de Xoán e mais os dos fariseos gardan o xaxún, os teus non o gardan?

19Xesús contestoulles:

‑¿Pero, logo, poden os convidados á voda xaxuar mentres dura a voda? Mentres teñan consigo o esposo non poden xaxuar. 20Xa virá o día no que lles leven o esposo, e daquela si que xaxuarán.

21Ninguén lle bota un remendo de pano novo a un vestido vello, porque o novo tiraría polo vello e a rachadura faríase máis grande. 22Tampouco ninguén bota viño novo en pelellos vellos, porque o viño rebentaría os pelellos, e perderíanse pelellos e viño. Xa sabedes: a viño novo, pelellos novos.

 

Xesús defende os seus discípulos (Mt 12, 1-8; Lc 6, 1-5)

 

23Un sábado cadrou que pasaron por uns terreos sementados; os seus discípulos, mentres ían de camiño, empezaron a arrincar espigas. 24Entón dixéronlle os fariseos:

‑Mira para aí, ¿por que fan o que non lles está permitido facer nun sábado?

25El respondeulles:

‑¿Seica non sabedes o que fixo David, cando el e mais os seus acompañantes se viron apurados e con fame? 26No tempo do Sumo Sacerdote Abiatar entrou na casa de Deus e comeu o pan ofrecido ‑pan que só podían comer os sacerdotes‑ e repartiu incluso cos seus compañeiros.

27E concluíu:

‑O sábado fíxose para o servizo do home, e non o home para o servizo do sábado. 28Así que o Fillo do Home é Señor incluso do sábado.

 

 

 

CAPÍTULO 3

 

A curación nun sábado  (Mt 12, 9-14; Lc 6, 6-11)

 

1De novo entrou na sinagoga; alí atopou un home que tiña a man tolleita. 2Todos estaban atentos, a ver se se atrevía a curalo en pleno sábado, para o poderen acusar. 3Entón díxolle Xesús ó home da man tolleita:

‑Érguete e ponte no medio.

4E preguntoulles:

‑¿Que está permitido no sábado: facer o ben, ou facer o mal; salvar a vida ou matar?

Pero ninguén falou palabra. 5E botándolles unha ollada, chea de carraxe e tristura, debido á dureza dos seus corazóns, díxolle ó enfermo:

‑Estende a túa man.

El estendeuna, e a man curou. 6E xa ó saíren da sinagoga, os fariseos empezaron a maquinar cos herodianos no xeito de acabaren con el.

 

Novas curacións na ribeira do mar de Galilea  (Mt 4, 24-25; Lc 6, 17-19)

 

7Xesús foi cos seus discípulos para a ribeira do mar, seguido por unha grande multitude, chegada de Galilea e Xudea. 8Tamén de Xerusalén, Idumea, da outra banda do Xordán e mais da comarca de Tiro e Sidón. Acudiron a el, despois de oíren as cousas que facía. 9El encargoulles ós seus discípulos que lle tivesen preparada unha lanchiña, para que a xente non se lle botase enriba; 10porque curara a tantos que todos o querían tocar e ficar así ceibos das súas doenzas. 11Mesmo os malos espíritos, cando o vían, se prostraban ante el, proclamando:

‑Ti es o Fillo de Deus.

12Pero el ameazábaos, para que non o descubrisen.

 

A elección dos Doce (Mt 5, 1; 10, 1-4; Lc 6, 12-16)

 

13E subindo ó monte, chamou os que el quixo, e xuntáronse con el. 14Logo designou Doce para que o acompañasen, e para envialos a predicar 15con poder de botar o demo fóra.

16Estes foron os Doce que designou: Simón, a quen lle puxo de nome Pedro; 17San-tiago, o fillo de Zebedeo e mais o seu irmán Xoán, ós que lles puxo de sobrenome Boanerxes, que quere dicir fillos do Trebón; 18Andrés e Filipe, Bartolomeu e Mateu, Tomé e Santiago ‑o fillo de Alfeo‑, Tadeu e Simón o Zelota, 19e Xudas Iscariote, o traidor.

 

Calumnias dos letrados, e desconfianza dos seus parentes  (Mt 12, 24-32; Lc 11,

15-23;  12, 10)

 

20E foron para a casa; alí xuntouse de novo tanta xente, que nin podían comer. 21E cando o souberon os seus parentes, foron buscalo á forza; porque a xente dicía que perdera o sentido.

22Os letrados que baixaran de Xerusalén, dicían: "ten dentro a Belcebú; bota fóra os demoños co poder do príncipe dos demoños". 23El chamou por eles e púxolles estas comparanzas:

‑¿Como pode Satán botar a Satán? 24Se un reino está dividido en contra de si mesmo, non se pode manter en pé. 25Se unha casa está dividida en contra de si mesma, non pode subsistir. 26Así que, se Satán está dividido e loita contra si mesmo, non pode subsistir e está perdido.

27Ninguén pode entrar na casa dun home forte, e roubarlle canto ten, se primeiro non o amarra; só entón poderá arramplar con canto hai na casa.

28Tede por seguro que todo se lles perdoará ós homes, os pecados e cantas blasfemias digan; 29pero a quen blasfeme contra o Espírito Santo, nunca se lle perdoará, e cargará eternamente co seu pecado.

30Isto dicíao porque eles acusábano de que tiña dentro un espírito malo.

 

A nai e os irmáns de Xesús (Mt 12, 46-50; Lc 8, 19-21)

 

31Nisto chegan súa nai e mais os seus irmáns, e mandárono chamar desde fóra. 32Era moita a xente que estaba sentada arredor del, e fóronlle dicir:

‑Aí fóra están túa nai e mais teus irmáns, que te veñen buscar.

33El respondeu:

‑¿Quen é miña nai, e quen son meus irmáns?

34E mirando os que estaban sentados arredor del, dixo:

‑Velaí a miña nai e mais os meus irmáns: 35pois o que cumpra a vontade de Deus, ese é o meu irmán, a miña irmá e miña nai.

 

 

 

CAPÍTULO 4

 

Parábola da semente  (Mt 13, 1-9; Lc 8, 4-8)

 

1E púxose de novo a ensinalos á beira do mar. Tanta era a xente reunida ó pé del, que tivo que subir para sentar nunha barca fondeada no mar, mentres o xentío estaba en terra, na ribeira. 2Ensinoulles moitas cousas en parábolas, e instruíaos así:

3‑Escoitade: Dunha vez saíu un labrador a sementar. 4E resulta que, ó botar a semente, parte dela foi caendo polo camiño adiante; viñeron os paxaros, e comérona. 5Outra caeu entre as pedras, onde a penas había terra; e naceu de contado, porque a terra non tiña fondura; 6pero non ben saíu o sol, queimouna, e, como non tiña raíz, secou. 7Outra parte caeu na silveira, e, ó medraren as silvas, afogárona, e non a deixaron dar froitos. 8Outra caeu en boa terra; naceu, creceu e chegou a dar froitos: o trinta, o sesenta, e aínda o cento por un.

9E concluíu:

‑Quen teña oídos para oír, que escoite.

 

Motivo das parábolas  (Mt 13, 10-15; Lc 8, 9-10)

 

10Máis tarde, cando ficou só, os que o acompañaban xunto cos Doce, preguntábanlle polas parábolas. 11El respondeu:

‑A vós concedéusevos coñecer o misterio do Reino de Deus; pero ós de fóra soamente en parábolas, 12de tal xeito que

mirar miren, pero non vexan;

escoitar escoiten, pero non entendan:

non sexa que se convertan

e se lles perdoe.

 

Explicación da parábola  (Mt 13, 18-23; Lc 8, 11-15)

 

13E continuou:

‑Se non comprendedes esta parábola, ¿como ides comprender todas as outras? 14O sementador sementa a Palabra. 15Os do camiño son aqueles nos que se sementa a Palabra, pero cando a escoitan vén Satán e repáñallela. 16Da mesma maneira son aqueles que de seguida reciben a semente con alegría, pero pásalles o mesmo do que á sementada entre as pedras: 17por non teren raíces e seren inconstantes, mal veñen as dificultades ou a persecución por causa da Palabra, de seguida abandonan. 18A outros pásalles coma á semente caída entre as silvas: si escoitan a Palabra, 19pero moi axiña as preocupacións do mundo, o engano das riquezas e mais as ambicións, asolágana, afógana, e queda sen froito. 20Pero os que son coma a boa terra, escóitana, acóllena e dan moito froito: uns o trinta, outros o sesenta, e outros o cento por un.

 

Outras comparacións: o candil  (Mt 5, 15; 10, 26; Lc 8, 16-18; 11, 33; 12, 2)

 

21E dicíalles tamén:

‑Pero ¿é que se trae un candil para metelo debaixo dun cazolo ou debaixo da cama? ¿Non será para poñelo enriba do candeeiro? 22Porque se hai algo oculto, é para que se descubra; nin nada se fai en secreto, se non é para traelo á luz pública. 23Quen teña oídos para oír, que escoite.

24Dicíalles tamén:

‑Atendede ben ó que estades escoitando. Coa medida que midades, hanvos medir a vós, e ben sobrado. 25Porque ó que ten, háselle dar; pero ó que non ten, aínda o que ten se lle quitará.

 

A semente que crece

 

26E dixo tamén:

‑Así é o Reino de Deus: coma un home que bota a semente na terra, 27e, durma ou estea esperto, sexa de noite ou de día, a semente agroma e medra, sen que el chegue a saber como. 28A terra vai dando froito por si mesma: primeiro herba, logo espigas, e por último o gran ben abundante na espiga. 29E cando xa está achegado o froito, de seguida se lle mete o fouciño por ser o tempo da seitura.

 

A gran de mostaza  (Mt 13, 32-34; Lc 13, 18-19)

 

30E tamén dicía:

‑¿Con que compararemos o Reino de Deus? 31É coma o gran de mostaza, que cando se sementa na terra é a máis miúda de todas as sementes. 32Pero despois de sementala, medra ata ser a maior de todas as hortalizas, chegando a botar unhas pólas tan grandes que na súa sombra poden vir aniñar os paxaros.

33E así con moitas comparanzas coma estas, íalles mostrando a mensaxe, de xeito que puidesen entender. 34Non lles falaba máis que en parábolas, pero logo explicáballelas ós seus discípulos.

 

Calma e tempestade (Mt 8, 18. 23-27; Lc 8, 22-25)

 

35E naquel día á caída da noite, díxolles:

‑Ora, vamos para a banda de alá.

36Eles, deixando a xente, levárono no bote onde estaba sentado; e ían seguidos por outras barcas. 37E formouse tal remuíño de vento que os salseiros caían enriba do bote e enchíano de auga. 38El, entrementres, estaba na popa durmindo sobre un cabezal. Fórono espertar, berrándolle:

‑Mestre, ¿seica non che importa que afoguemos?

39Entón el, espertando, increpou ó vento, e díxolle ó mar: ‑¡Silencio, e acouga!

O vento amainou, e veu unha gran calma.

40Despois díxolles:

‑¿Por que tendes tanto medo? ¿Seica aínda non tendes fe?

41Eles, cheos dun medo enorme, comentaban entre si:

‑Pero, ¿quen será este, que mesmo o vento e o mar o obedecen?

 

 

 

CAPÍTULO 5

 

Curación dun endemoñado  (Mt 8, 28-34; Lc 8, 26-39)

 

1Chegaron á outra banda do mar, ó país de Gadara. 2E conforme saltou da barca, un endemoñado saíulle ó encontro desde os sepulcros 3onde moraba, pois nin con cadeas o podían apreixar. 4Moitas veces xa intentaran termar del con cadeas e grillóns; pero rompía as cadeas e esnaquizaba os grillóns, e ninguén era capaz de o domear. 5Pasaba os días e as noites berrando polos sepulcros monte adiante, mancándose coas pedras. 6Axiña que viu a Xesús de lonxe, foi correndo prostrarse ante el, 7gritando con toda forza:

‑¿Que teño que ver contigo, Xesús, Fillo do Altísimo? Pídoche por Deus que non me atormentes.

8Pois Xesús mandáralle:

‑Bótate fóra dese home, espírito malo.

9E preguntoulle tamén:

‑¿Como te chaman?

El respondeulle:

‑Chámanme lexión, porque somos moitos.

10E pedíalle con moita ansia que non os botase daquela terra. 11E como había unha boa manada de porcos comendo pola aba do monte, 12todos aqueles demos rogáronlle a Xesús:

‑Mándanos onda aqueles porcos, para entrarmos neles.

13El accedeu e, saíndo do home, fóronse meter nos porcos, que en número duns dous mil se chimparon polo barranco abaixo, e foron afogar no mar. 14Os porqueiros fuxiron, levando a nova á vila e ás aldeas. A xente ía ver o que pasaba. 15Chegaron onde estaba Xesús, e viron o endemoñado, o mesmo que tivera a lexión, sentado e cheo de xuízo; todos ficaron pasmados. 16Os que presenciaron aquilo contáronlles o que pasara co endemoñado e mais cos porcos. 17Entón empezaron a pedirlle que se afastara daquelas terras.

18E cando el se embarcara, o que estivera endemoñado rogáballe que o deixase ir con el. 19Pero Xesús non llo permitiu, senón que lle dixo:

‑Vaite para a túa casa, onda os teus, e cóntalles todo o que o Señor, compadecido, fixo contigo.

20El marchou e comezou a pregoar, pola Decápole adiante, canto lle fixera Xesús. Todos ficaban pasmados.

 

A filla de Xairo e a muller con hemorraxias  (Mt 9, 18-26; Lc 8, 40-56)

 

21Pasando de novo nunha barca para a banda de enfronte, xuntouse moita xente arredor del, que estaba na beira do mar. 22Nisto chegou un dos xefes da sinagoga, chamado Xairo, que, ó velo, botouse ós seus pés 23suplicándolle:

‑A miña filla está a piques de morrer; ven impor sobre ela as túas mans, para que sande, e viva.

24E foise con el, seguido de moito xentío, que o estrullaba.

25Había unha muller, que padecía hemorraxias desde doce anos atrás, 26e levaba sufrido moito cos médicos, que lle acababan cos bens; total para nada, porque a cada paso ía a peor. 27Como oíra falar do que facía Xesús, achegouse entre a xente por detrás e tocoulle o seu vestido, 28dicindo para si: "Aínda que non sexa máis que tocarlle o seu vestido, ficarei sa". 29E secándoselle a fonte da hemorraxia, sentiu no seu corpo que estaba curada do mal.

30Axiña Xesús, decatándose da forza que saíra del, volveuse e preguntou:

‑¿Quen me tocou na roupa?

31Os discípulos respondéronlle:

‑Ti ben ves a xente preméndote; ¿e aínda preguntas por quen te tocou?

32Pero el seguía mirando arredor, para ver quen fora. 33Daquela, a muller, medorenta e tremendo, sabendo o que lle sucedera, veu caer ante el contándolle toda a verdade. 34El díxolle:

‑Filla, a túa fe sandoute, vaite en paz, curada para sempre da túa doenza.

35Aínda estaba el falando, cando chegaron da casa do xefe da sinagoga a dicirlle:

‑A túa filla acaba de morrer. ¿Para que andar xa molestando ó Mestre?

36Pero Xesús, ó escoitar o que estaban a falar, díxolle ó xefe da sinagoga:

‑Non temas, abonda que teñas fe.

37E non permitiu que ninguén o acompañase, fóra de Pedro, Santiago e Xoán, o irmán de Santiago.

38O chegaren á casa do xefe da sinagoga, vendo o gran barullo que facían con choros e lamentos, 39entrou e díxolles:

‑¿A que vén tanto barullo e tanto chorar? A meniña non morreu, está a durmir.

40E todos facían riso del. Pero botándoos a todos fóra e levando con el os pais da meniña e mais os seus acompañantes, entrou onde estaba a nena. 41Colleuna pola man e díxolle:

‑Talitha, qumi (que quere dicir: "rapaza, érguete").

42A rapaciña ergueuse de contado, e botouse a andar, que xa tiña doce años. E aquela xente quedou coa boca aberta. 43El insistiulles en que non llo contasen a ninguén, e mandou que lle desen de comer.

 

Contacto

A Biblia Galega xanostesaqui@gmail.com