CAPÍTULOS 16-20

CAPÍTULO 16

 

O día grande da expiación

 

1O Señor faloulle a Moisés despois da morte dos dous fillos de Aharón, que morreran ó se aproximaren diante do Señor. 2Díxolle o Señor a Moisés: ‑"Dille a Aharón, teu irmán, que non entre a toda hora no santuario, máis alá do veo, que está diante do propiciatorio que tapa a arca, para que non teña que morrer, porque me lle hei aparecer na nube enriba do propiciatorio. 3Esta é a maneira como Aharón terá que entrar no santuario: Ofrecerá un xovenco para o sacrificio expiatorio, e un carneiro para o holocausto. 4Vestirá unha túnica sagrada de liño, e calzóns tamén de liño no seu corpo, cinguirase cunha faixa de liño e envolverá a cabeza cun pano de liño. Vestirá estas roupas sagradas despois de bañar en auga todo o seu corpo. 5Recibirá da comunidade de Israel dous chibos para o sacrificio expiatorio e un carneiro para o holocausto. 6Primeiro ofrecerá Aharón o xovenco polo propio pecado e polo da súa familia. 7Collerá logo os dous chibos e poraos diante do Señor á porta da Tenda do Encontro. 8Botará sortes sobre os dous chibos. Un tocaralle por sorteo ó Señor e o outro a Azazel. 9Aharón ofrendará como sacrificio expiatorio o que lle tocou ó Señor. 10E o que lle tocou a Azazel presentarao vivo diante do Señor, para expiar por el e mandarallo a Azazel ó deserto. 11Entón presentará Aharón o xovenco polo pecado propio. 12Despois collerá o incensario, cheo de brasas do lume que arde enriba do altar diante do Señor, e, enchendo as súas mans de incenso aromático moído, entrará con todo máis aló do veo. 13Botará o incenso no lume diante do Señor, para que a nube do perfume envolva o propiciatorio, que está sobre a arca do testemuño, e non teña que morrer. 14Despois collerá do sangue do xato, e cos seus dedos asperxerá por riba da tapa do propiciatorio de cara ó abrente, e diante do propiciatorio asperxerá sete veces o sangue cos seus dedos. 15Matará o chibo expiatorio que lle toca ó pobo e levará o sangue do chibo desde o templo para detrás do veo. Fará con el o mesmo que fixera co sangue do xovenco, asperxendo enriba e por diante do propiciatorio. 16Desta maneira purificará o santuario da impureza dos fillos de Israel e das súas prevaricacións e de todas as variedades dos seus pecados. Fará o mesmo coa Tenda do Encontro, situada no medio das impurezas deles. 17Ninguén poderá estar na Tenda do Encontro, namentres el está dentro facendo a purificación do santuario, ata que saia despois de expiar por si, pola súa familia e por toda a comunidade de Israel. 18Sairá de cara ó altar, que está diante do Señor, e fará a súa purificación: collerá do sangue do xovenco e do sangue do chibo, e verterao arredor nas esquinas do altar. 19Asperxerá enriba del o sangue cos dedos sete veces, purificándoo e santificándoo das impurezas dos fillos de Israel. 20Feita a purificación do santuario, da Tenda do Encontro e do altar, presentará o chibo vivo. 21Aharón imporá as súas mans sobre a cabeza do chibo, confesando todas as prevaricacións e todas as iniquidades e todos os pecados dos fillos do Israel, cargándollos enriba da cabeza e despois mandarao, levado pola man dun home axeitado, para o deserto. 22O chibo levará enriba de si todas as iniquidades para unha terra erma, e o que o leve soltará o chibo no deserto. 23Despois Aharón entrará na Tenda do Encontro, espirá a roupa de liño que vestira antes de entrar no santuario, e deixaraa alí. 24Despois de bañar o seu corpo con auga no lugar santo e de vestir a súa roupa ordinaria, sairá e ofrecerá o seu propio holocausto e mais o do pobo: expiará por si mesmo e polo pobo, 25queimando a graxa da vítima de expiación enriba do altar. 26O home que levou o chibo a Azazel, lavará a súa roupa, bañará o seu corpo con auga, e despois diso poderá entrar no campamento. 27O xovenco e mais o chibo do sacrificio expiatorio, dos que se introducira o sangue no santuario, para a expiación, serán levados fóra do campamento e queimaranse no lume o coiro, carne e excrementos. 28Aquel que os queima lavará despois a súa roupa e bañará o seu corpo con auga. Despois diso poderá entrar no campamento. 29Esta será para vós unha lei perpetua: no sétimo mes, no día décimo do mes debédesvos mortificar e privarvos de facer ningún traballo, tanto os nativos coma os forasteiros, que peregrinan no medio de vós. 30Porque é o día de vos purificardes, para quedar puros de todos os vosos pecados diante do Señor. 31É un repouso solemne, debédesvos mortificar. É unha lei perpetua. 32Fará a expiación o sacerdote que foi unxido, o que foi investido do sacerdocio en lugar de seu pai, e vestirá as roupas sagradas de liño, 33purificará o santuario, a Tenda do Encontro e o altar. Expiará polos sacerdotes e por toda a xente da comunidade. 34Será para vós estatuto perpetuo, para que todos os fillos de Israel se purifiquen unha vez por ano de todos os seus pecados. E fíxose como lle mandara o Señor a Moisés".

 

 

 

CUARTA PARTE

 

 

CAPÍTULO 17

 

Lei da santidade (cc. 17-26)

 

Matanza de animais

 

1Faloulle o Señor a Moisés:

2‑"Fálalle a Aharón e ós seus fillos e a todos os israelitas e dilles: Esta é a orde, que vos dá o Señor nestas palabras: 3todo israelita que mate un boi, un año ou unha cabra no campamento ou fóra do campamento, 4sen o presentar antes na entrada da Tenda do Encontro, para o ofrecer en sacrificio ó Señor diante do seu tabernáculo, seralle imputado como delito de sangue por ter vertido sangue. Ese home será exterminado do medio do seu pobo. 5Por iso os israelitas han de levar as vítimas que adoitan ofrecer no campo, presentalas ó sacerdote á entrada da Tenda do Encontro, e ofrendalas ó Señor como sacrificio de comuñón. 6O sacerdote asperxerá co sangue o altar do Señor, que está á entrada da Tenda do Encontro e fará queimar a graxa como aroma agradable para o Señor. 7Non ofrecerán sacrificios ós sátiros cos que se prostitúen. Lei perpetua será esta para vós por todas as xeracións. 8Diraslles tamén: todo individuo da familia de Israel ou dos estranxeiros que moran no medio de vós, cando ofrece un holocausto ou un sacrificio, 9e non o leva á porta da Tenda do Encontro, para o sacrificar en honor do Señor, será exterminado do medio do seu pobo. 10Enfrontareime con calquera individuo da familia de Israel ou estranxeiro residente no medio voso, que coman sangue, e exterminareinos do seu pobo. 11Pois a vida do corpo está no sangue, e eu dóuvolo para expiar con el sobre o altar polas vosas vidas. Porque é o sangue o que purifica a persoa. 12Por esta razón díxenlles ós fillos de Israel: Nin vós nin os estranxeiros que moran convosco comeredes sangue. 13Calquera israelita ou estranxeiro residente no medio de vós que cace algún animal ou ave dos que se poden comer, e verte o seu sangue, deberao tapar con terra. 14Pois, sendo a vida de toda carne o seu sangue, eu díxenlles ós fillos de Israel: Non comeredes o sangue de ningunha carne, porque a vida de toda carne é o seu sangue: quenquera que o coma será exterminado. 15Toda persoa nativa ou estranxeira que coma da carne dun animal morto ou esnaquizado, lavará a súa roupa, bañarase en auga, e quedará impuro ata a tarde; despois será puro. 16Pero se non se lava nin baña o seu corpo, cargará coa súa culpa".

 

 

 

CAPÍTULO 18

 

Honestidade da vida matrimonial

 

1Faloulle o Señor a Moisés:

2‑"Fálalles ós fillos de Israel e dilles: Eu son o Señor, o voso Deus. 3Non vos comportedes conforme os costumes de Exipto, onde morastes, nin vos afagades ós costumes de Canaán, onde eu vos vou facer entrar, nin vos guiedes alí polas súas leis. 4Obedeceredes os meus mandamentos, e cumpriredes os meus estatutos, acomodándovos a eles. Eu son o Señor, o voso Deus. 5Aprenderedes os meus decretos e gardaredes os meus estatutos, e viviredes neles cada un de vós. Eu son o Señor. 6Ningún de vós se achegará a ningunha persoa consanguínea para lle descubrir a súa nudez. Eu son o Señor. 7Non descubrirás a nudez do teu pai nin a da túa nai; pois ela é túa nai, non descubrirás a súa nudez. 8Non descubrirás la nudez da muller do teu pai, pois é a nudez de teu pai. 9Non descubrirás a nudez da túa irmá, filla do teu pai ou de túa nai; sexa nacida na casa, ou fóra dela, non descubrirás a súa nudez. 10Non descubrirás s nudez da filla do teu fillo, nin a da filla da túa filla, pois é a túa propia nudez. 11Non descubrirás la nudez da filla dunha muller de teu pai, xerada polo teu pai: ela é túa irmá. 12Non descubrirás a nudez da irmá de teu pai: ela é carne do teu pai. 13Non descubrirás a nudez da irmá da túa nai: ela é carne da túa nai. 14Non descubrirás a nudez do irmán de teu pai, é dicir, non te achegarás á muller del: ela é túa tía. 15Non descubrirás a nudez da túa nora: é a muller do teu fillo; de ningún xeito descubrirás a súa nudez. 16Non descubrirás a nudez da muller do teu irmán: é a nudez do teu irmán. 17Non descubrirás a nudez dunha muller e da súa filla; nin lle collerás a filla dun fillo seu, nin a dunha filla súa, para descubrir a súa nudez, pois son do seu sangue. Sería unha infamia. 18Non collerás a irmá da túa muller, pois faríala a súa rival; nin lle descubrirás a súa nudez mentres viva a túa muller.

19Non te achegarás a ningunha muller nos días da súa menstruación, para lle descubrir a súa nudez. 20Non te deitarás coa muller do teu próximo: faríaste impuro con ela. 21Non permitirás que ningún dos teus descendentes adore a Molok, manchando o nome do teu Deus. Eu son o Señor. 22Non te deitarás con ningún home, coma se fose muller: é unha abominación. 23Non terás trato sexual con ningún animal: faríaste impuro con el. Ningunha muller se porá diante dun animal para se emparellar con el: é unha perversidade. 24Non vos contaminaredes con ningunha destas cousas, pois con todas estas cousas se contaminaron as xentes que vou expulsar eu de diante de vós. 25Por teren contaminado o país, determinei castigar o seu pecado, de tal sorte que a mesma terra foi a que vomitou ós seus habitantes. 26Vós gardaredes os meus mandamentos e os meus estatutos, e non faredes ningunha destas abominacións: nin os nativos nin os estranxeiros, que moran no medio de vós. 27Pois todas estas abominacións cometeron os homes deste país, que tendes diante de vós, e contaminaron a terra. 28Que non vos teña que vomitar esta terra por contaminala, como vomitou as xentes que a habitaron antes ca vós. 29Calquera que cometa algunha destas abominacións será exterminado do medio do meu pobo, por facer tal cousa. 30Obedeceredes o que vos mando e xamais non faredes cousa contraria ós meus estatutos verbo das abominacións que se cometeron antes de vós, e non vos contaminaredes con elas. Eu son o Señor o voso Deus".

 

 

 

CAPÍTULO 19

 

Santidade de todo o pobo e de cada un

 

1Díxolle o Señor a Moisés:

2‑"Fálalle á comunidade dos fillos de Israel e dilles: Sede santos, porque santo son eu, o Señor, o voso Deus. 3Cada un respecte a súa nai e a seu pai, e garde os meus sábados. Eu son o Señor, o voso Deus. 4Non tornaredes os ollos cara ós ídolos, nin vos fagades deuses de metal fundido. Eu son o Señor, o voso Deus. 5Cando ofrezades un sacrificio de comuñón ó Señor, ofrecede unha vítima que sexa do voso gusto; 6comerédela no mesmo día en que foi sacrificada ou no día seguinte. O que vos sobre para o día terceiro, queimarédelo no lume. 7Se algún se atreve a comela no terceiro día, estaría xa corrompida: non será aceptable. 8Quen coma dela, cargará coa súa iniquidade, por profanar unha cousa consagrada ó Señor: ese tal será exterminado do seu pobo.

 

Función social da propiedade e respecto polos bens alleos

 

9Cando fagades a seitura dos vosos campos, non seguedes todos os recantos do eido, nin fagades a rebusca das espigas caídas. 10Tampouco non farás a rebusca da túa viña, nin aproveitarás os acios. Serán para o pobre e o forasteiro. Eu son o Señor o teu Deus. 11Non roubaredes, nin negaredes o prestado, e que ninguén engane ó seu próximo. 12Non xuraredes en falso no meu nome, sería aldraxar o nome do teu Deus. Eu son o Señor. 13Non oprimirás, nin espoliarás o teu próximo, nin reterás contigo o xornal do teu obreiro durante a noite ata a mañá. 14Non maldicirás o xordo, nin lle porás atrancos ó cego: temerás o teu Deus. Eu son o Señor. 15Non serás inxusto cando xulgues: non favorecerás o feble nin honrarás o poderoso. Xulgarás con xustiza ó teu próximo. 16Non espallarás calumnias entre os teus conveciños, nin quedarás indiferente cando lle batan ó teu próximo. Eu son o Señor. 17Non terás odio de corazón ó teu irmán; e reprenderás con decisión o teu próximo, para non cargar co seu pecado. 18Non te vingarás nin lles terás xenreira ós teus conveciños: amarás o teu próximo coma a ti mesmo. Eu son o Señor. 19Gardade os meus estatutos. Non aparearás animais de especies diferentes, nin sementarás no teu eido sementes diferentes, mesturándoas, nin vestirás roupas tecidas con fíos distintos de lá e de liño. 20Se un home se deita cunha muller, e se ela é escrava e está casada con outro home e non foi redimida aínda nin se lle deu a liberdade, serán azoutados ambos; pero non morrerán, por non estar aínda redimida. 21Terá que presentar ó Señor polo seu delito, diante da Tenda do Encontro, un carneiro para o sacrificio de reparación. 22Mediante o carneiro polo delito, o sacerdote expiará por el diante do Señor pola culpa contraída, e seralle perdoado o pecado cometido.

23Cando deades entrado na terra prometida e plantedes calquera caste de árbores para comer, durante tres anos teredes os seus froitos por incircuncisos: serán profanos para vós, non os comeredes. 24Todo o seu froito do cuarto ano será consagrado para loanza do Señor. 25No quinto ano comeredes o seu froito, así aumentará para vós o seu produto. Eu son o Señor, o voso Deus.

26Non comeredes cousa ningunha con sangue. Non botaredes sortes nin faredes adiviñacións. 27Non raparedes, a xeito de coroa, a vosa cabeza, nin recortaredes a barba polos lados. 28Non faredes incisións no voso corpo, en sinal de loito, nin vos faredes tatuar en ningún sitio. Eu son o Señor.

29Non entregues a túa filla á prostitución, para que non se profane a terra, enchéndose de torpezas. 30Gardaredes os meus sábados, e respectaredes o meu santuario. Eu son o Señor. 31Non iredes ós bruxos nin consultaredes os adiviños, contaminándovos con eles. Eu son o Señor, o voso Deus. 32Poraste de pé ante os cabelos brancos e honrarás a presenza do ancián, temendo o teu Deus. Eu son o Señor. 33Se un forasteiro vén morar convosco na vosa terra, non o maltratedes, 34tratádeo coma nativo entre vós, un peregrino máis convosco: amarédelo coma a vós mesmos, porque peregrinos fostes tamén vós no Exipto. Eu son o Señor, o voso Deus. 35Non faredes inxustiza nos xuízos: nin no longo nin no peso, nin na medida. 36Usaredes balanza xusta, pesas boas, efah exacto e hin  completo. Eu son o Señor, o voso Deus que vos saquei do país de Exipto. 37Gardaredes todos os meus mandamentos, e seguiredes todos os meus consellos. Eu son o Señor".

 

 

 

CAPÍTULO 20

 

Penas e castigos dos transgresores

 

1O Señor faloulle a Moisés: 2‑"Dilles ós fillos de Israel: Calquera dos fillos de Israel ou dos forasteiros que moran en Israel que lle sacrifique un fillo a Molok, morrerá sen remedio. A xente do seu pobo acantazarao con pedras. 3Eu mesmo me encararei con el, e exterminareino do medio do meu pobo, porque, entregando a Molok da súa descendencia, contaminou o meu santuario e profanou o meu nome santo. 4Se, non obstante, os seus conveciños pechasen os ollos para non veren que tal home sacrificou un descendente seu a Molok e non o teren que matar, 5eu mesmo tornarei o meu rostro contra o tal home e contra a súa parentela, e arrincareino do medio do seu pobo, a el e a cantos prevaricaron detrás del, prostituíndose diante de Molok. 6O individuo que vaia ós adiviños e bruxos para se prostituír con eles, eu mesmo me encararei con el e o farei arrincar do medio do seu pobo. 7Vós tendes que vos santificar, seredes santos, porque eu son o Señor, o voso Deus. 8Gardade os meus decretos e cumprídeos. Eu son o Señor que vos santifico:

9Calquera que maldiga a seu pai e súa nai, morrerá sen remedio: maldiciu a seu pai e súa nai, terá que cargar co seu pecado.

10O home que cometa adulterio coa muller doutro, morrerá sen remedio, tanto el coma ela. 11Calquera que se deitou coa muller de seu pai, descubriu a nudez de seu pai: os dous morrerán sen remedio, cargarán co seu pecado. 12O home que se deitou coa súa nora, ámbolos dous morrerán sen remedio: cometeron unha abominación, cargarán co seu pecado. 13O home que se deitou con outro home, coma se fose muller, ámbolos dous morrerán sen remedio: cometeron unha abominación, cargarán co seu pecado. 14O home que colla por muller a unha filla e mais a súa nai, comete unha abominación: terán que ser queimados no lume tanto el coma elas; non permitiredes tal abominación no medio de vós. 15O home que faga o coito cunha besta morrerá sen remedio, e mataredes tamén a besta. 16A muller que se achegue a un animal calquera e faga con el o coito, morrerá xunto co animal: os dous morrerán sen remedio, cargarán co seu pecado. 17O home que colla a súa irmá, filla de seu pai ou de súa nai, e vexa a súa nudez e ela vexa a nudez del, cometen unha ignominia: serán exterminados á vista dos seus conveciños; por descubrir a nudez da súa irmá, cargará coa súa perversidade. 18O home que se deitou cunha muller que está coa menstruación e viu a súa nudez, descubrindo o seu fluxo, e ela mesma o descubriu, os dous serán exterminados do medio do seu pobo. 19Non descubrirás a nudez da irmá de túa nai, nin a da irmá de teu pai, porque descobres a súa propia carne: cargarán coa súa culpa. 20O home que se deitou coa muller do seu tío, descubriu a nudez do seu tío: cargarán co seu pecado e morrerán sen descendencia. 21O home que colla a muller do seu irmán, comete unha abominación, descobre a nudez do seu irmán: non terá descendencia.

 

Amoestación xeral

 

22Gardade todos os meus decretos e todos os meus mandatos, e cumprídeos, para que non vos vomite a terra na que eu vos vou facer entrar, a fin de que moredes nela. 23Non vos comportedes de acordo cos costumes da xente que eu vou exterminar de diante de vós, porque estou farto deles por teren cometido todas estas cousas. 24Xa volo teño dito: vós seredes donos da súa terra; eu mesmo vola vou dar en posesión: unha terra que deita leite e mel. Eu son o Señor, o voso Deus, que vos separei dos demais pobos.

25Separaredes os animais puros dos impuros, os paxaros impuros dos paxaros puros. Non vos contaminaredes con besta, nin ave, nin réptil que se arrastra polo chan, e que eu vos mandei refugar como impuros. 26Seerédesme santos, porque eu o Señor son santo, e separeivos dos outros pobos, para que sexades tan só para min. 27O home ou a muller que exerza como adiviño ou como bruxo, terá que ser morto sen remedio, morrerá acantazado: serán responsables do propio sangue".