CAPÍTULOS 16-20

CAPÍTULO 16

 

Os paspallás e o maná

 

1A asemblea dos israelitas saíu de Elim e chegou ó deserto de Sin, entre Elim e o Sinaí, o día quince do mes seguinte á saída de Exipto. 2Toda a comunidade murmuraba no deserto contra Moisés e Aharón. 3Dicían: ‑"¡Sequera morrésemos pola man do Señor na terra de Exipto, sentados ó redor dos potes de carne e con pan a fartar! Trouxéstesnos a este deserto, para matar de fame a toda esta comunidade".

4O Señor díxolle a Moisés: ‑"Vou facer chover un pan do ceo para vós. O pobo sairá e collerá o que lle cumpra para o día. Quero poñelo á proba, para ver se anda ou non coa miña lei. 5O día sexto prepararán todo o que collan, que será o dobre do recollido os outros días".

6Moisés e Aharón dixéronlles ós israelitas: ‑"Esta noite saberedes que quen vos sacou de Exipto é o Señor. 7Pola mañá veredes a gloria do Señor, que escoitou as vosas murmuracións contra El. Porque ¿que somos nós, para que murmuredes contra nós?"

8E Moisés díxolles aínda: ‑"Esta noite daravos o Señor carne que comer e pola mañá pan a fartar, pois escoitou as vosas murmuracións contra El. Porque ¿que somos nós? Non murmurastes contra nós, senón contra o Señor". 9Moisés mandou a Aharón que lle dixese á asemblea dos israelitas: ‑"Achegádevos ó Señor, que escoitou as vosas murmuracións". 10Mentres Aharón falaba coa asemblea dos israelitas, volveron os ollos cara ó deserto, e viron a gloria do Señor mostrarse na nube.

11O Señor díxolle a Moisés: 12‑"Oín as murmuracións dos israelitas. Dilles isto: O anoitecer teredes carne que comer e pola mañá pan a fartar. E saberedes que eu son o Señor, o voso Deus".

13O serán viñeron paspallás e cubriron o campamento. Pola mañá había nos arredores unha capa de orballo. 14Cando esvaeceu o orballo, apareceu no deserto unha capa miúda, coma escamas miúdas, que semellaban xeada sobre o chan. 15Os israelitas, ó que o viron, preguntábanse uns ós outros: ‑"¿Que é isto?" Pois non sabían o que era aquilo. 16Respondeulles Moisés: ‑"Este é o pan que o Señor vos dá para comer. A orde do Señor é a seguinte: que cada un colla o que ha comer: un ómer  por cabeza, conforme o número de persoas; que cada un recolla para todos os que hai na súa tenda".

17Os israelitas fixérono así. Uns colleron máis e outros menos. 18Ó medir o maná co ómer, nin ó que collera máis lle sobraba, nin ó que collera menos lle faltaba, porque cada un collera o preciso para comer.

19Díxolles Moisés: ‑"Que ninguén garde maná para mañá". 20Algúns non fixeron caso de Moisés e gardaron para o día seguinte. Pero encheuse de vermes e podreceu. Moisés enfadouse con eles. 21Cada un collía o que lle cumpría pola mañá, pois cando o sol quentaba, derretía. 22O día sexto recollían ración dobre, dous ómer por persoa. Os anciáns da asemblea viñéronllo dicir a Moisés. 23Moisés respondeulles: ‑"Iso é o que tiña dito o Señor. Mañá é día de lecer, dedicado ó Señor. Cocede hoxe o que teñades que cocer, guisade o que teñades para guisar, e todo o que vos sobre, gardádeo para mañá".

24Eles gardárono para o día seguinte, conforme dispuxera Moisés, e non podreceu nin colleu vermes. 25Díxolles Moisés: ‑"Comédeo hoxe, que é sábado, dedicado ó Señor. Hoxe non o atoparedes fóra. 26Poderédelo coller seis días na semana; pero o día sétimo, sábado, non o atoparedes". 27Algúns saíron a recoller no día sétimo, pero non encontraron nada.

28O Señor díxolle a Moisés: ‑"¿Ata cando vos negaredes a gardar os meus preceptos e as miñas leis? 29Vedes que o Señor vos deu o sábado. Por iso vos manda o pan de dous días no día sexto. Que cada un quede na súa casa e que ninguén saia do seu sitio o día sétimo". 30E o pobo descansou o día sétimo. 31Os israelitas chamáronlle maná a aquel pan. Era branco, coma semente de coriandro, e sabía a pan con mel. 32Díxolles Moisés: ‑"Isto manda o Señor: enchede un ómer  de maná e conservádeo, para que as xeracións vindeiras poidan ver o pan que eu vos dei no deserto para comer, cando vos saquei de Exipto". 33E Moisés díxolle a Aharón: ‑"Colle unha tina, mete nela un ómer  de maná e pona diante do Señor, como mostra que se garda para as vindeiras xeracións". 34Aharón, seguindo o mandado do Señor a Moisés, puxo a talla de maná diante do Testemuño.

35Os israelitas comeron o maná por corenta anos, ata chegaren a terra de cultivo. Mantivéronse con el, ata entraren na fronteira do país de Canaán. 36O ómer  é a décima parte dun efah.

 

 

 

CAPÍTULO 17

 

A auga do penedo

 

1A asemblea dos israelitas, seguindo as ordes do Señor, saíu do deserto de Sin e, por xeiras, chegou a Refidim, onde acampou. O pobo non atopou alí auga que beber, 2e rifaba con Moisés, esixindo: ‑"Dános auga para beber". El respondíalles: ‑"¿Por que rifades comigo e tentades o Señor?" 3Pero o pobo, sedento, seguía queixándose por auga a Moisés: ‑"¿Por que nos sacaches de Exipto, para facernos morrer de sede, a nós, ós nosos fillos e á nosa habenza?"

4Moisés clamou entón cara ó Señor:

‑"¿Que podo facer con esta xente? Acabarán por acantazarme".

5O Señor respondeulle: ‑"Pasa diante do pobo, toma contigo algúns dos anciáns de Israel,  leva  na man a vara coa que batiches o Nilo, e camiña. 6Eu presentareime diante túa alá no Horeb, onda o penedo. Ti baterás o penedo, e sairá auga del para que o pobo beba". Moisés fíxoo así, á vista dos anciáns de Israel. 7Chamáronlle a aquel lugar Masah e Meribah, porque os israelitas contenderon co Señor e puxérono á proba, preguntando: ‑"¿Está o Señor connosco ou non?".

 

Guerra cos amalecitas

 

8Viñeron os amalecitas e atacaron a Israel en Refidim. 9Moisés díxolle a Xosué: ‑"Escolle uns poucos homes e sae a loitar con Amalec. De mañá eu estarei no cume do outeiro, coa vara de Deus na man".

10Xosué fixo o que lle mandaba Moisés, e foi loitar con Amalec mentres Moisés, Aharón e Hur subían ó cume do outeiro. 11Cando Moisés erguía as mans, vencía Israel; cando as baixaba, vencía Amalec. 12As mans de Moisés estaban cansas, e eles colleron unha pedra e puxéronlla de asento, ó tempo que Aharón e Hur, un por cada lado, lle sostiñan as mans ergueitas. As mans de Moisés estiveron ergueitas ata a posta do sol.

13Xosué venceu a Amalec e á súa xente, a fío de espada. 14O Señor díxolle a Moisés: ‑"Escribe isto nun libro de memorias, e dille a Xosué que eu borrarei o recordo de Amalec de debaixo do sol". 15Moisés construíu un altar ó Señor, e chamoulle Señor, miña - bandeira, 16neste sentido: ‑"Xa que a súa man se levantou contra o trono do Señor, o Señor está en guerra con Amalec de xeración en xeración".

 

 

 

CAPÍTULO 18

 

Moisés co seu sogro Ietró

 

1Ietró, sacerdote de Madián, sogro de Moisés, soubo o que Deus fixera con Moisés e co seu pobo Israel, ó sacalos de Exipto. 2Ietró recollera a Séfora, muller de Moisés, cando este se despedira, 3e tamén ós seus dous fillos, un chamado Guerxom, por aquilo de que "Forasteiro fun en terra allea", 4e outro de nome Eliézer, que quere dicir: "O Deus de meu pai é quen me axuda e quen me librou da espada do faraón".

5Ietró, sogro de Moisés, foi cos fillos e coa muller ó encontro do seu xenro, no deserto, onde acampaba Moisés na montaña de Deus. 6Mandoulle dicir a Moisés: ‑"Eu son o teu sogro Ietró, que te veño ver coa túa muller e cos teus fillos". 7Moisés saíu ó encontro do seu sogro; inclinouse e bicouno; saudáronse e entraron na tenda. 8Moisés contoulle ó seu sogro o que Deus fixera co faraón e cos exipcios por mor de Israel, e as coitas que tiveran na viaxe e como o Señor os librara delas.

9Ietró alegrouse de todo o ben que o Señor fixera a Israel, librándoo da man dos exipcios. 10E dixo:

‑"Bendito sexa o Señor que vos librou

do poder dos exipcios e da man do faraón

e que salvou o pobo do xugo de Exipto.

11Agora sei que o Señor é máis ca todos os deuses, pois así o mostrou cando eles se erguían contra vós".

12Despois Ietró, sogro de Moisés, ofreceu a Deus sacrificios e holocaustos. Aharón e todos os anciáns de Israel viñeron e comeron con el na presenza de Deus.

 

Institución dos xuíces

 

13O día seguinte sentouse Moisés para xulgar as contendas do pobo. A xente acudía onda Moisés desde a mañá á noite. 14O ver Ietró o que o seu xenro facía polo pobo, preguntoulle: ‑"¿Por que fas así coa xente? ¿Por que te sentas ti só a xulgar, coa xente toda ó redor, da mañá á noite?"

15Moisés respondeulle a seu sogro: ‑"A xente vén onda min para consultar a Deus. 16Cando teñen un preito, acoden onda min, para que eu decida e lles ensine os mandamentos e as leis de Deus".

17O sogro aconselloulle: ‑"Non está ben o que fas. 18Dese xeito esgotarédesvos, ti e mais o pobo que vai contigo. A tarefa reborda das túas forzas, e non poderás cumprila só. 19Agora faime caso. Eu dareiche un consello, e que Deus estea contigo. Ti representarás ó pobo diante Deus, levando á súa presenza os seus preitos. 20E ó pobo recoméndalle os mandamentos e as leis, ensínalle o camiño que han seguir e as cousas que han facer. 21Procura no medio do pobo homes de valer e que teñan temor de Deus, homes firmes, inimigos da cobiza, e ponos á fronte do pobo, como xefes de mil, de cen, de cincuenta e de dez. 22Eles xulgarán ó pobo a calquera hora. Que che leven a ti os preitos graves, e que resolvan eles os pequenos. A tarefa será máis livián para ti, se eles levan contigo o peso. 23Se fas como che digo, poderás aturar ese traballo que Deus che ordenou, e todo este pobo chegará con ben ó seu destino".

24Moisés escoitou as palabras do seu sogro, e fixo o que lle aconsellaba. 25Elixiu de entre todo Israel homes de valer e púxoos á cabeza do pobo, coma xefes de mil, de cen, de cincuenta e de dez. 26Administraban xustiza a calquera hora. Os preitos graves levábanllos a Moisés e os pequenos xulgábanos eles. 27Moisés despediuse do seu sogro, e este volveu para a súa terra.

 

 

 

 

CAPÍTULO 19

 

A ALIANZA NO SINAÍ

 

Ofrecemento da alianza

 

1O día en que se cumprían os tres meses da saída dos israelitas de Exipto, chegaron ó deserto do Sinaí. 2Procedentes de Refidim, chegaron ó deserto do Sinaí e acamparon alí, ó pé do monte. 3Moisés subiu ó encontro de Deus, e o Señor chamouno desde a montaña, para mandarlle dicir ós descendentes de Xacob, comunicarlles ós israelitas: 4‑"Vistes como tratei ós exipcios, como vos levantei a vós sobre ás de aguia e vos acheguei a min. 5Se agora me obedecedes e gardades a miña alianza, seredes a miña propiedade escolleita entre todos os pobos, pois a terra é toda miña. 6Vós seredes para min un reino de sacerdotes, un pobo consagrado. Isto é o que lles has dicir ós israelitas".

7Moisés foi chamar os anciáns de Israel, para exporlles as palabras que lle mandara o Señor. 8O pobo todo a unha respondeu: ‑"Faremos todo o que dixo o Señor". Moisés volveu onda o Señor coas palabras do pobo. 9O Señor díxolle a Moisés: ‑"Voume acercar a ti na mesta nube, para que o pobo oia como falo contigo e para que en diante crea en ti". Moisés levoulle ó Señor a resposta do pobo.

 

A teofanía

 

10O Señor díxolle a Moisés: ‑"Volve onda o pobo. Purificádevos hoxe e mañá, que laven a roupa 11e que estean preparados para de aquí a tres días, pois no terceiro día baixará o Señor sobre o monte Sinaí, á vista de todo o pobo. 12Ti fixaraslle ó pobo un lindeiro ó arredor da montaña e diraslle: Gardádevos de subir pola montaña, e mesmo de aproximarvos ás súas abas. O que se aproxime á montaña, morrerá. 13A ese tal non o tocaredes coa man, senón que o mataredes a cantazos ou con frechas. O mesmo se é un animal coma se é un home, non quedará con vida. Só cando soe o corno, poderán subir á montaña".

14Moisés baixou da montaña onda ó pobo. Purificouno e fíxolle lavar a roupa. 15Despois díxolles: ‑"Estade preparados para o terceiro día, e que ningún home se achegue á súa muller".

16O amañecer do terceiro día houbo trebóns e lóstregos, e unha nube mesta cubría a montaña. A trompeta soou moi forte e o pobo no campamento arrepiaba co medo.

17Moisés fixo saír o pobo do campamento, e levouno ó encontro de Deus. Quedaron todos en pé na aba da montaña. 18O monte Sinaí fumegaba todo, porque o Señor baixara sobre el en medio de lume. Subía fume coma dun forno e toda a montaña tremía. 19O son da trompeta facíase máis forte, mentres Moisés falaba e Deus respondíalle polo trebón.

20O Señor baixou sobre o monte Sinaí, ó seu cume, e chamou por Moisés, para que subise onda El. E Moisés subiu. 21O Señor díxolle a Moisés: ‑"Baixa e advírtelle ó pobo que non traspasen os lindeiros para veren o Señor, pois morrerían moitos deles. 22Tamén os sacerdotes que se aproximen ó Señor terán que se purificar, para que non rompa contra eles o Señor".

23Moisés díxolle ó Señor: ‑"O pobo non poderá subir ó monte Sinaí, pois ti mesmo nos advertiches: Facede un lindeiro ó redor da montaña e declarádea sagrada".

24O Señor respondeulle: ‑"Anda, baixa, e sube despois con Aharón. E que nin os sacerdotes nin o pobo traspasen os lindeiros para subir onda o Señor, non sexa que rompa contra eles". 25Moisés baixou e advertiulle iso ó pobo.

 

 

 

CAPÍTULO 20

 

Os dez mandamentos

 

1O Señor pronunciou estas palabras:

2‑"Eu son o Señor, o teu Deus, que te saquei da terra de Exipto, da condición de escravitude.

3Non terás xunto comigo outros deuses.

4Non farás para ti imaxes nin figura ningunha do que hai enriba no ceo, nin abaixo na terra, nin nas augas de debaixo da terra. 5Non te prostrarás diante delas nin as adorarás, pois eu, o Señor teu Deus, son un Deus celoso. No caso dos que me aborrecen, eu castigo os pecados dos pais nos fillos, nos netos e nos bisnetos. 6Pero no caso dos que me aman e gardan os meus preceptos, eu mostro misericordia por todas as xeracións.

7Non pronunciarás en van o nome do Señor o teu Deus, pois o Señor non deixa sen castigo ó que pronuncia en van o seu nome.

8Pensa no día do sábado, para o faceres día santo. 9Traballarás seis días na semana, e neles farar a túa tarefa. 10Pero o día sétimo é sábado, dedicado ó Señor o teu Deus. Nel non farás traballo ningún, nin ti, nin o teu fillo, nin a túa filla, nin o teu servo, nin a túa serva, nin o teu gando, nin o forasteiro que habite nas túas cidades. 11Porque o Señor fixo en seis días o ceo, a terra, o mar e todo o que hai neles, e no sétimo día descansou. Por iso mesmo bendiciu o Señor o día do sábado e declarouno día santo.

12Honra a teu pai e a túa nai, para que a túa vida sexa longa na terra que o Señor teu Deus che dá.

13Non matarás.

14Non cometerás adulterio.

15Non roubarás.

16Non darás un testemuño falso contra o teu próximo.

17Non cobizarás a casa do teu próximo: nin a súa muller, nin o seu escravo, nin a súa escrava, nin o seu boi, nin o seu asno, nin nada de canto é seu".

18O pobo enteiro percibía os tronos, os lóstregos, o soar da trompeta e o fumegar do monte. A vista diso tremía e mantíñase lonxe. 19Dicíanlle a Moisés: ‑"Fálanos ti, e escoitaremos; pero que non nos fale Deus, non sexa que morramos".

20Moisés respondeulles: ‑"Non teñades medo. Deus vén para probarvos e para que teñades á vista o seu temor e non pequedes". 21O pobo quedou lonxe, e Moisés aproximouse á nube mesta, onde estaba Deus.

 

Código da alianza: O altar

 

22O Señor díxolle a Moisés: ‑"Fálalles ós israelitas: Vós mesmos puidestes ver como vos dirixín a palabra desde o ceo. 23Non faredes deuses de prata para poñelos ó meu lado, nin vos fabricaredes deuses de ouro. 24Faime un altar de terra e ofréceme sobre el os holocaustos e os sacrificios de comuñón, as túas ovellas e as túas vacas. En calquera sitio onde eu faga o meu nome memorable, virei onda ti e bendicireite. 25Se me fas un altar de pedra, non o fagas de pedra labrada, pois ó picar a pedra co punteiro, lixaríala. 26Non subas ó meu altar por escaleiras, para non mostrares desde elas as túas partes.