Capítulos 6-10

Opresión de Madián, e vocación de Guideón

 

Capítulo 6

 

1Fixeron o mal os fillos de Israel diante de Iavé, e púxoos o Señor nas mans de Madián durante sete anos; 2caeu con forza a man de Madián sobre Israel; e, por mor dos madianitas, os fillos de Israel tiveron que aproveitar as fendas que hai nas montañas, as covas e refuxios.

3E acontecía que, cando Israel sementaba, subían os madianitas; e os amalecitas e os orientais subían tamén contra el. 4Acam-paban onda eles e estragaban o froito da terra, ata a entrada de Gaza, e non deixaban vituallas en Israel: nin ovellas, nin bois, nin asnos 5(pois subían eles co seu gando e mais as súas tendas, e caían coma nube de lagostas, xa que, tanto eles coma os seus camelos, eran innumerables; e viñan ó país para esgotalo).

6Empobreceu de abondo Israel por culpa dos madianitas e os fillos de Israel clamaron polo Señor. 7E, cando os fillos de Israel berraron a Iavé por mor dos madianitas, 8enviou o Señor un profeta ós fillos de Israel, que lles falou así: ‑"Isto di o Señor, Deus de Israel: Eu fíxenvos subir de Exipto, saqueivos da casa da escravitude, 9e salveivos das mans de Exipto e das mans de todos os que vos oprimían, e chimpeinos de diante de vós, e entregueivos o seu país. 10E díxenvos: Eu son o Señor, o voso Deus; non veneredes os deuses dos amorreos (os da terra onde morades). Pero non escoitastes a miña voz".

11E chegou un anxo do Señor e sentouse debaixo da aciñeira que hai en Ofrah, que é de Ioax o de Abiezer; e Guideón ‑o seu fillo‑, estaba batendo o gran de trigo no lagar, ás escondidas dos madianitas. 12E viuno o anxo do Señor, e díxolle: ‑"¡Que o Señor estea contigo, home valente!" 13E replicoulle Guideón: ‑"Escoita, meu señor: se Iavé está connosco, ¿por que nos atopamos con todo isto?; ¿e onde van todos os seus milagres que nos contaron nosos pais, dicindo: ¿Logo non nos fixo subir Iavé de Exipto?; e agora o Señor rexeitounos e púxonos nas mans dos madianitas".

14Entón volveuse a el Iavé e dixo: ‑"Vai con esa forza que tes e salva a Israel das mans dos madianitas. ¿E logo non te envío eu?" 15E replicoulle: ‑"Perdón, meu Señor, ¿de que xeito vou eu salvar a Israel? Velaquí que o meu clan é o máis pobre de Menaxés e eu son o máis novo da casa de meu pai". 16E díxolle Iavé: ‑"Xa que eu estarei contigo, baterás ós madianitas como se dun só home se tratase". 17E engadiu Guideón: ‑"Por favor, se atopei benquerenza ós teus ollos, fai para min un sinal de que es ti quen está falando comigo. 18Rógoche que non te retires de aquí, ata que eu chegue onda ti e che traia o meu agasallo e cho presente diante". E dixo Deus: ‑"Descoida, que eu permanecerei ata o teu regreso".

19E Guideón foi para dentro, e arranxou un cabrito; e cun efah de fariña fixo bolos de pan ácimo; e puxo a carne nun cesto e o prebe nunha ola, e sacoullo todo para debaixo da aciñeira, e ofreceullo. 20E díxolle o anxo de Deus: ‑"Colle a carne e mais os bolos e póusaos nesa pedra; e o prebe, tírao". E fíxoo así.

21Entón, o anxo de Iavé alongou o bico do bastón que tiña na súa man e tocou a carne e os bolos; e da pedra xurdiu lume que consumiu a carne e mais os bolos; e o anxo de Iavé desapareceu da súa vista.

22Daquela viu Guideón que era o anxo do Señor, e dixo: ‑"¡Ai, meu Señor Iavé, que vin o anxo de Iavé cara a cara!" 23E respondeulle o Señor: ‑"Paz para ti. Non teñas medo, non vas morrer".

24E construíu alí Guideón un altar para o Señor, e chamoulle Iavé Paz, ata o día de hoxe. Está en Ofrah de Abiezer.

25E aconteceu que aquela noite lle dixo o Señor: ‑"Colle o xovenco de touro que ten teu pai e mais o outro xovenco ‑o de sete anos‑, e chimpa por terra o altar de Baal de teu pai, e corta o cipo que está a carón del, 26e edifica un altar ó Señor, o teu Deus, no cume deste penedo de acordo co establecido; e colle o segundo xovenco e ofrece un holocausto coa leña do cipo que chimpaches por terra". 27E colleu Guideón dez homes de entre os seus servos, e fixo como lle falara o Señor, pero, como tiña medo a facelo de día ‑por mor da casa de seu pai e dos homes da vila‑, fíxoo pola noite.

28O se ergueren pola mañá os homes da vila, viron o altar de Baal chimpado por terra; e o cipo que estaba a carón del derrubado; e o segundo xovenco ofrecido sobre o altar que construíran. 29E dixéronse uns a outros: ‑"¿Quen argallou isto?" E preguntaron, pescudaron e resolveron: ‑"Esta argallada fíxoa Guideón, o fillo de Ioax".

30E dixeron os homes da vila a Ioax: ‑"Trae para acó a teu fillo e que morra, pois chimpou por terra o altar de Baal, e derrubou o cipo que estaba a carón del". 31E respondeu Ioax a todos os que estaban contra el: ‑"¿Logo vós defendedes a Baal? ¿Seica queredes salvalo? O que o defenda, morrerá antes da mañá. Se é deus, que se defenda el, pois foi o seu altar o que se chimpou por terra".

32E aquel día púxolle de nome Ierubaal, dicindo: ‑"Deféndase contra el, pois chimpoulle por terra o seu altar".

33E todos os madianitas e amalecitas, e mais os orientais, congregáronse, e pasaron para esta banda e acamparon na terra cha de Iezrael.

34E o espírito do Señor entrou en Guideón, e tocou a trompeta, e acudiron os de Abiezer con el; 35e enviou mensaxeiros por todo Menaxés, e acudiron tamén onda el; e enviou mensaxeiros a Axer, a Zebulón e a Naftalí, e subiron ó encontro deles.

36E dixo Guideón a Deus: ‑"Se pensas salvar a Israel pola miña man, como dixeches, 37velaquí que eu vou colocar unha guedella de lá na eira. Se soamente hai xeada enriba da guedella, estando enxoita a terra, coñecerei que salvarás a Israel pola miña man, tal como dixeches". 38E aconteceu así. E levantouse de mañanciña, torceu a guedella, enxugou a xeada da guedella, e encheu de auga unha cunca.

39E dixo Guideón a Deus: ‑"Non se alporice a túa ira contra min se falo unha vez máis. Déixame probar soamente outra vez coa guedella: que quede enxoita só a guedella, e que haxa xeada por toda a terra". 40E fixo Deus así aquela noite, e houbo secura só na guedella, mentres que había xeada por toda a terra.

 

Desfeita de Madián

 

Capítulo 7

 

1E ergueuse Ierubaal ‑que é Guideón‑ e todo o pobo co que contaba e acamparon onda a fonte de Harod; e o campamento dos madianitas estaba ó norte deles (onde Guibeat-Hamoreh), na terra cha.

2E dixo o Señor a Guideón: ‑"A xente que tes contigo é abondosa de máis para que eu entregue os madianitas nas súas mans: non sexa que Israel se poña a gabarse diante de min, dicindo: salveime eu por min mesmo. 3E agora fai favor de comunicar ós oídos do pobo o que segue: Quen teña medo e trema, que se volva e arrede do monte de Galaad". E volvéronse vinte e dous mil homes do pobo e quedaron dez mil. 4E dixo o Señor a Guideón: ‑"Aínda o pobo é numeroso de máis: fainos baixar á auga e probareichos alí; e cando che diga: este irá contigo, el irá contigo; e de todo o que che diga: este non irá contigo, ese non irá".

5E fixo baixar ó pobo á auga; e dixo o Señor a Guideón: ‑"A todos os que lamban a auga coa súa lingua ‑como a lamben os cans‑, xuntaralos á parte dos que se axeonllen para beber". 6E o número dos que lamberon na man foi de trescentos homes; e todo o resto do pobo axeonllouse para beber auga. 7E dixo o Señor a Guideón: ‑"Cos trescentos homes que beberon lambendo, vouvos salvar, e porei ós madianitas nas túas mans; e o resto da xente, que vaia cadaquén para o seu sitio".

8E o pobo colleu nas súas mans o fornecemento e mais as súas trompetas, e mandou Guideón a todos os homes de Israel para a súa tenda, e quedou soamente cos trescentos (e o campamento de Madián atopábase debaixo del, no val). 9E aconteceu que aquela noite lle dixo o Señor: ‑"Érguete e baixa ó campamento, pois o entrego nas túas mans. 10E se tes medo de baixares só ó campamento, baixade ti e mais Purah, o teu servo. 11Escoita o que falan, e fortaleceraste e baixarás contra o campamento".

E baixou el e máis Purah ‑o seu servo‑ ata o remate da vangarda do campamento. 12E os madianitas, os amalecitas e todos os orientais estaban deitados pola terra cha (unha multitude como de lagostas, e a cantidade de camelos era abondosa como a area da beira do mar). 13E cando chegou Guideón, velaquí que estaba un contándolle un soño ó seu compañeiro, e dicía: ‑"Velaquí o soño que tiven: Soñei que un molete de pan de cebada rodaba polo campamento de Madián e chegou ata a tenda, bateu contra ela e chimpouna por terra virándoa cara arriba, e despois a tenda estomballouse". 14E respondeulle o compañeiro: ‑"Isto non che é outra cousa que a espada de Guideón, o fillo de Ioax, o israelita, pois Deus puxo nas súas mans a Madián e a todo o campamento". 15E aconteceu que, cando oíu Guideón o relato do soño e mais a súa interpretación, prosternouse, e de contado volveu ó campamento de Israel, e dixo: ‑"Erguédevos, pois o Señor puxo nas vosas mans o campamento de Madián".

16E distribuíu Guideón os trescentos homes en tres corpos, e puxo trompetas nas mans de todos eles, e mais canecos baldeiros e fachos para as bocas dos canecos. 17E díxolles: ‑"Ollade para min, de xeito que fagades coma min. Velaquí que cando eu chegue á vangarda do campamento, o que eu faga habédelo de facer tamén vós. 18Cando eu e mais todos os que estean comigo toquemos a trompeta, tocaredes as trompetas tamén vosoutros ‑os que esteades arredor de todo o campamento‑, e bradaredes: ¡Por Iavé e por Guideón! "

19E chegou Guideón con cen homes á vangarda do campamento, ó comezo da segunda vela, xusto cando acababan de relevar ós vixías. E tocaron as trompetas e escacharon os canecos que levaban nas mans.

20E tocaron as trompetas os tres corpos, e escacharon os canecos e premeron os fachos coa man esquerda, e coa dereita as trompetas, para tocaren. E berraron: ‑"¡Espada por Iavé e por Guideón!" 21E estiveron quedos cada un no seu sitio, arredor do campamento, e todo o campamento rompeu a correr, a berrar e a fuxir. 22E os trescentos fixeron soar as trompetas, e o Señor fixo que a espada de cada un dos outros fose contra o seu compañeiro e contra todo o campamento; e fuxiu o exército inimigo ata Bet-Xitah, cara a Sererah, e ata a beira de Abel-Meholah, a carón de Tabat.

23E xuntáronse os israelitas de Naftalí, de Axer e de todo Menaxés, e perseguiron ós madianitas.

24E Guideón mandou mensaxeiros por toda a serra de Efraím, dicindo: ‑"Baixade ó encontro dos madianitas e ocupade antes ca eles os baixíos ata Bet-Barah e o Xordán".

E xuntáronse todos os homes de Efraím e ocuparon os baixíos ata Bet-Barah e o Xordán. 25E pillaron a dous príncipes dos madianitas ‑a Oreb e Zeeb‑, e mataron a Oreb no Refuxio de Oreb; e a Zeeb, matárono no Lagar de Zeeb. E perseguiron ós madianitas e leváronlle da banda de alá do Xordán a Guidéon as cabezas de Oreb e de Zeeb.

 

Guideón na outra banda do Xordán

 

Capítulo 8

 

1E dixéronlle os homes de Efraím:

‑"¿Que é iso que nos fixeches, de non convocáresnos cando fuches á guerra contra os madianitas?" E queixáronse rexamente contra el. 2E respondeulles: ‑"¿E que fixen eu agora, comparado co que fixestes vosoutros? ¿E logo non é mellor o rebusco de Efraím cá viña de Abiezer? 3Nas vosas mans puxo Deus ós príncipes de Madián ‑a Oreb e a Zeeb‑, ¿e que podía eu facer en comparanza convosco?" Daquela, con estas palabras, amainou a ira que se alporizara contra el por aquel feito.

4E chegou Guideón ó Xordán e pasouno cos trescentos homes, que ían derreados, pero abouxando decote. 5E dixo ós veciños de Succot: ‑"Dádenos, por favor, uns moletes de pan para a xente que me segue, pois están derreados e estou abouxando a Zébah e Salmuná, reis de Madián". 6E responderon os príncipes de Succot: ‑"¿E logo xa amarraches a Zébah e Salmuná, de xeito que lle deamos pan ó teu exército?" 7E dixo Guideón: ‑"Daquela, cando Iavé poña a Zébah e Salmuná nas miñas mans, raspiñarei as vosas carnes con espiños e cardos do deserto".

8E subiu de alí a Penuel, e faloulles do mesmo xeito. E os veciños de Penuel respondéronlle o mesmo cós de Succot. 9E dixo tamén ós homes de Penuel: ‑"Cando volva vitorioso, derrubarei esta torre".

10E Zébah e Salmuná estaban en Carcor co seu exército: uns quince mil, que eran todos os sobreviventes de todo o campamento de orientais (pois os mortos foran cento vinte mil homes, abatidos pola espada).

11E subiu Guideón polo camiño dos que vivían en tendas ó oriente de Nóbah e de Iogbehah, e mallou no campamento, que entón estaba confiado. 12E emprenderon a fuxida Zébah e Salmuná, e abouxounos, ata pillar os dous reis de Madián ‑Zébah e Salmuná‑, enchendo así de terror a todo o campamento.

13E tornou Guideón ‑o fillo de Ioax‑ da batalla pola costa de Heres, 14e pillou a un mozo dos veciños de Succot, e preguntoulle a el, e el describiulle ós príncipes de Succot e ós seus vellos: setenta e sete homes.

15E chegou onda os veciños de Succot e dixo: ‑"Velaquí a Zébah e a Salmuná, polos que me aldraxastes, dicindo: ¿E logo xa amarraches a Zébah e Salmuná, de xeito que deamos pan ós teus homes derreados?" 16E colleu ós vellos da vila, e espiños e mais cardos do deserto; e con eles fíxolles saber o que era bo ós veciños de Succot.

17E derrubou a torre de Penuel e matou ós homes da vila.

18Daquela, díxolles a Zébah e a Salmuná: ‑"¿Como eran os homes que matastes no Tabor?" E responderon: ‑"Como es ti, así eran eles: uns e outros semellaban fillos de reis". 19E engadiu el: ‑"Eran meus irmáns, fillos de miña nai. ¡Vive Iavé!, que, se os deixásedes vivir, non vos mataría". 20E díxolle a Iéter, o seu primoxénito: ‑"¡Anda, mátaos!" Pero o rapaz non desenvaiñou a súa espada, pois tiña medo, por ser aínda moi novo. 21E dixeron Zébah e Salmuná: ‑"Érguete ti e arremete contra nós, pois como é o home así é a súa forza". E ergueuse Guideón e matou a Zébah e a Salmuná, e colleu as medias lúas que penduraban dos pescozos dos seus camelos.

 

Prevaricación de Israel e morte de Guideón

 

22E dixeron os homes de Israel a Guideón: ‑"Manda ti sobre nós ‑ti e mais teu fillo e o fillo de teu fillo‑, pois nos salvaches das mans dos madianitas". 23E respondeulles Guideón: ‑"Non mandarei eu sobre vós, nin tampouco mandará meu fillo: será o Señor quen mande sobre vós". 24E engadiu Guideón: ‑"Pídovos unha cousa: que cada un me deades un anel dos vosos espolios" (xa que os espoliados tiñan aneis de ouro, pois eran ismaelitas). 25E dixeron: ‑"De certo darémoschos". E tenderon un manto e botaron alí cadanseu anel dos espolios. 26E foi o peso dos aneis de ouro que pediu mil setecentos siclos de ouro, á parte das medias lúas, os pendentes e vestidos de púrpura que levaban os reis de Madián, e á parte dos colares que pendían do pescozo dos seus camelos. 27E Guideón fixo un efod e colocouno no seu pobo ‑en Ofrah‑, e prostituíuse alí todo Israel detrás del, resultando así un lazo para Guideón e para a súa casa.

28E quedou humillado Madián ante os fillos de Israel e xa non levantou cabeza. E o país quedou tranquilo durante corenta anos nos días de Guideón. 29E foi Ierubaal ‑o fillo de Ioax‑ e habitou na súa casa.

30E Guideón tivo setenta fillos ‑nacidos todos del‑, pois tiña moitas mulleres. 31E a súa concubina ‑a que estaba en Xequem‑, pariulle tamén un fillo e púxolle de nome Abimélec.

32E morreu Guideón ‑o fillo de Ioax‑ en boa vellez; e foi sepultado na sepultura de Ioax ‑seu pai‑ en Ofrah de Abiezer.

33E aconteceu que, en morrendo Guideón, volveron ás andadas os fillos de Israel e prostituíronse detrás dos baales, e tiveron como deus a Baal-Berit. 34E non se lembraron os fillos de Israel do Señor, o seu Deus, que os librara das mans de todos os seus inimigos do arredor. 35Nin tiveron misericordia coa casa de Ierubaal (Guideón) despois de tanto ben como fixera con Israel.

 

Abimélec, rei

 

Capítulo 9

 

1E foi Abimélec, fillo de Ierubaal, a Xequem, onda os irmáns de súa nai, e faloulles a eles e a toda a casa paterna de súa nai deste xeito: 2‑"Dicide, por favor, ós oídos de todos os señores de Xequem: ¿Que vos parece mellor: que manden en vós setenta homes ‑todos os fillos de Ierubaal‑, ou que mande en vós un só home? E lembrádevos de que eu son óso e carne vosa". 3E os irmáns de súa nai contaron todo isto acerca del ós oídos de todos os señores de Xequem; e o corazón deles púxose do lado de Abimélec, pois dixeron "é noso irmán". 4E déronlle setenta siclos de prata do templo de Baal-Berit, e con eles contratou Abimélec a homes miserables e falsos, que foron detrás del.

5E chegou á casa de seu pai ‑a Ofrah‑ e matou a seus irmáns, fillos de Ierubaal: setenta homes, sobre a mesma pedra. Pero sobreviviu Iotam, o fillo máis novo de Ierubaal, porque  se agachara.

6E xuntáronse todos os señores de Xequem e de Bet-Miló e foron e proclamaron rei a Abimélec onda a aciñeira da estela que hai en Xequem.

 

A fábula de Iotam

 

7E informaron a Iotam, e foise poñer no cume do Monte Garizim, e dispuxo a súa voz para falar ben alto. E dixo: ‑"Escoitádeme, señores de Xequem, e que Deus vos escoite tamén a vós:

8Puxéronse en camiño as árbores

para unxir un rei para elas,

e dixéronlle á oliveira:

¡reina sobre nós!

9E respondeulles a oliveira:

¿E hei de renunciar eu ó meu aceite,

co que se honraron deuses e homes,

para me ir abanear polas árbores?

10Dixéronlle entón as árbores á figueira:

¡ven reinar sobre nós!

11E respondeulles a figueira:

¿E vou renunciar eu á miña dozura

e ós meus saborosos froitos,

para me ir abanear polas árbores?

12E dixéronlle as árbores á vide:

¡ven reinar sobre nós!

13E respondeulles a vide:

¿E hei de renunciar eu ó meu viño,

que fai poñer ledos a deuses e homes,

para me ir abanear polas árbores?

14Daquela dixeron todas as árbores á silveira:

¡ven reinar sobre nós!

15E díxolles a silveira ás árbores:

se con sinceridade me unxides

para ser o voso rei,

vídevos acubillar á miña sombra;

pero se non é así,

que saia lume da silveira,

que devore ós cedros do Líbano.

16E agora, se procedestes con sinceridade e rectitude para constituír rei a Abimélec; se procedestes ben con Ierubaal e coa súa casa; e se lle recompensastes as obras das súas mans 17(pois meu pai loitou por vós arriscando a propia vida, e librouvos das mans de Madián. 18E vós erguédesvos hoxe contra a casa de meu pai, e matades a seus fillos ‑setenta homes‑ sobre a mesma pedra; e proclamades rei sobre os señores de Xequem a Abimélec, fillo da súa escrava, pois ‑dicides‑ é noso irmán...). 19Pois ben, se procedestes con sinceridade e rectitude verbo de Ierubaal e da súa casa neste día, aledádevos por Abimélec, e que tamén el se alede por vós. 20Pero se non foi así, que saia lume de Abimélec e que devore ós señores de Xequem e de Bet-Miló; e que saia lume dos señores de Xequem e de Bet-Miló, que devore a Abimélec". 21Daquela Iotam botou a correr e fuxiu e foi a Beer, e habitou alí por medo de seu irmán Abimélec.

 

Gáal e os señores de Xequem contra Abimélec

 

22E Abimélec levaba xa tres anos reinando sobre Israel, 23cando Deus meteu un espírito ruín entre Abimélec e os señores de Xequem; e os señores de Xequem traizoaron a Abimélec. 24(Para vingar deste xeito a violencia feita nos setenta fillos de Ierubaal, e botar o seu sangue sobre Abimélec, seu irmán, que os matara, e sobre os señores de Xequem, que enforteceran as mans daquel para matar a seus irmáns).

25E os señores de Xequem puxéronlle emboscadas nos cumes dos montes, e saqueaban a cantos pasaban a carón deles polo camiño; e foille notificado a Abimélec.

26E foi Gáal ‑o fillo de Ébed‑ e mais seus irmáns, e pasaron por Xequem; e confiaron nel os señores de Xequem. 27E saíron ó campo, e vendimaron as viñas deles, e pisaron as uvas, e fixeron festa; e entraron na casa do seu deus, e comeron e beberon, e renegaron de Abimélec. 28E dixo Gáal, o fillo de Ébed: ‑"¿Que hai entre Abimélec e Xequem para que teñamos que servilo? ¿E logo o fillo de Ierubaal e mais Zebul ‑o seu lugartenente‑, non serviron ós homes de Hamor, o pai de Xequem? ¿E por que, entón, temos nós que servilo a el? 29¡Quen puxera a este pobo nas miñas mans! Daquela botaría de aquí a Abimélec e diríalle: ¡reforza o teu exército e sae!" 30En oíndo Zebul ‑o gobernador da vila‑ as palabras de Gáal, o fillo de Ébed, acendeuse a súa ira, 31e enviou mensaxeiros ás agachadas, dicindo: ‑"Velaquí que Gáal ‑o fillo de Ébed‑, e mais seus irmáns, viñeron a Xequem e soerguen a vila contra ti. 32Agora, pois, érguete de noite coa xente que tes contigo e arma unha emboscada no campo; 33e pola mañá levantádevos á saída do sol, e lanzádevos contra a vila; e velaquí que, cando el e mais a xente que estea con el saian contra ti, farás con el o que che veña á man". 34E ergueuse Abimélec coa xente que tiña con el, pola noite, e dispuxeron unha emboscada de catro corpos armados contra Xequem. 35E saíu Gáal, o fillo de Ébed, e permaneceu á entrada da porta da vila; e xurdiu Abimélec da emboscada coa xente que tiña con el. 36E viu Gáal a xente e dixo a Zebul: ‑"¡Velaí a multitude que baixa das cristas dos montes!" E respondeulle Zebul: ‑"Ti ves as sombras dos montes como se fosen homes!" 37Continuou falando Gáal e dixo: ‑"¡Velaí xente baixando do Embigo da Terra, e outro grupo que vén polo camiño da Aciñeira dos Adiviños". 38E díxolle Zebul: ‑"¿Onde vai agora a túa boca, coa que dicías ¿quen é Abimélec, para que o sirvamos? ¿Logo non é este o pobo que ti aldraxaches? ¡Dálle, sae agora e loita contra el!"

39E saíu Gáal á fronte dos señores de Xequem e loitou contra Abimélec. 40E abouxouno Abimélec e fuxiu de diante del, e foron moitos os que caeron mortos ata a entrada da porta.

41E habitou Abimélec en Arumah; e Zebul botou fóra a Gáal e a seus irmáns, vedándolles a residencia en Xequem.

42O día seguinte, saíu o pobo ó campo, e notificáronllo a Abimélec. 43E colleu o exército, e dividiuno en tres corpos, e montou unha emboscada no campo; e, ó ver que o pobo saía da vila, arremeteu contra eles e  esgazounos. 44E Abimélec e mais o corpo que estaba con el avanzaron e colocáronse á entrada da porta da vila, namentres que os outros dous corpos lanzábanse contra todos os que estaban no campo e esgazábanos.

45E Abimélec estivo loitando contra a vila durante toda a xornada. E conquistouna e matou a xente que había nela; e arrasou a cidade e sementouna de sal.

46E soubérono todos os señores da torre de Xequem, e entraron na fortaleza do templo de El-Berit. 47E foille notificado a Abimélec que se reuniran todos os señores da torre de Xequem. 48E subiu Abimélec ó Monte Salmón, con toda a xente que estaba con el; e colleu Abimélec unha machada na súa man e cortou unha póla de árbore, e, turrando dela, púxoa sobre o seu ombro, e díxolle á xente que estaba con el: ‑"O que me vistes facer, dádevos présa, e facede outro tanto". 49E cortaron tamén todos eles cadansúa póla, e foron detrás de Abimélec, e colocáronas contra a fortaleza. Con elas prendéronlle lume á fortaleza, e morreron así todos os homes da torre de Xequem (uns mil, entre homes e mulleres).

 

Morte de Abimélec

 

50E foi Abimélec a Tebés. E asediou Tebés e conquistouna. 51Pero había un forte no medio da vila e fuxiran cara alí todos os homes e mulleres e todos os señores da vila, e pecháranse dentro, e subiran  ata o teito da torre. 52E chegou Abimélec ata o forte, e preparou a loita contra el; e achegouse ata a mesma entrada do forte, para prenderlle lume. 53Daquela unha muller chimpou contra a testa de Abimélec unha pedra de moer e fendeulle o cranio. 54E chamou axiña Abimélec polo mozo que lle facía de escudeiro e díxolle: ‑"Desenvaíña a túa espada, e mátame, para que non digan de min: matouno unha muller. E traspasouno o escudeiro e morreu".

55E cando viron os israelitas que Abimélec morrera, foron para cadanseu lugar.

56Devolveulle así Deus o mal que fixera Abimélec a seu pai matando a seus setenta irmáns; 57e todo o mal dos homes de Xequem, fíxoo tornar Deus sobre as súas cabezas, vindo así sobre eles a maldición de Iotam, o fillo de Ierubaal.

 

Dous "Xuíces Menores": Tolá e Iair

 

Capítulo 10

 

1E despois de Abimélec ergueuse para salvar a Israel Tolá, fillo de Puah, fillo de Dodó, un home de Isacar; e habitou en Xamir, na serra de Efraím. 2Xulgou a Israel durante vintetrés anos. E morreu e foi sepultado en Xamir.

3Despois del, ergueuse Iair, galaadita, quen xulgou a Israel durante vintedous anos. 4E tiña trinta fillos, que cabalgaban sobre trinta asnos e que eran os donos de trinta cidades, nomeadas ata o día de hoxe Havot-Iair, na terra de Galaad. 5E morreu Iair e foi sepultado en Camón.

 

Máis infidelidades e opresión dos amonitas

 

6E volveron os fillos de Israel facer o mal diante do Señor e serviron ós baales e ás axtartés e ós deuses de Siria, ós deuses de Sidón, ós deuses de Moab, ós deuses dos fillos de Amón, e ós deuses dos filisteos; e abandonaron ó Señor e xa non o serviron.

7E acendeuse a ira do Señor contra Israel e entregounos nas mans dos filisteos e nas mans dos fillos de Amón, 8que atribularon e oprimiron durante dezaoito anos a todos os fillos de Israel da outra banda do Xordán, na terra dos amorreos, que está en Galaad. 9E pasaron os fillos de Amón o Xordán, para loitaren tamén contra Xudá, contra Benxamín e contra a casa de Efraím, e angustiaron abondo a Israel.

10E clamaron os fillos de Israel ó Señor, dicindo: ‑"Pecamos contra ti, porque abandonamos o noso Deus e servimos os baales".

11E dixo o Señor ós fillos de Israel: ‑"Cando os de Exipto, e os amorreos, os fillos de Amón e os filisteos, 12os sidonios, os amalecitas e os madianitas vos oprimiron e clamastes por min, ¿logo non vos salvei eu das súas mans? 13Pero vós abandonástesme e servistes outros deuses. Así que non volverei a salvarvos mais. 14Ide e clamade polos deuses que escollestes: que vos salven eles no tempo de vosa anguria".

15E dixeron os fillos de Israel ó Señor: ‑"Pecamos. Podes facer connosco o que mellor che pareza. Soamente che pregamos, por favor, que nos salves neste día".

16E retiraron os deuses alleos do medio deles, e serviron ó Señor, que non puido aturar máis os sufrimentos de Israel.

17E concentráronse os fillos de Amón e acamparon en Guilgal; e xuntáronse tamén os fillos de Israel e acamparon en Mispah. 18E o pobo e os príncipes de Galaad dixeron cada un ó seu compañeiro: ‑"¿Quen será o home que comece a loitar contra os fillos de Amón? El será o xefe de todos os veciños de Galaad".