Capítulos 11-15

A CONQUISTA DO NORTE

 

Coalición de reis contra Xosué

 

Capítulo 11

 

1Cando o soubo Iabín, rei de Hasor, enviou unha mensaxe a Iobab ‑o rei de Madón‑, ó rei de Ximrón, ó rei de Acxaf, 2ós reis da parte norte da montaña e da terra cha, ó Sur de Quinerot, da Xefelah e dos outeiros de Dor, no occidente; 3ós cananeos do oriente e do occidente, ós amorreos, ós hititas, ós perizitas, ós iebuseos da montaña, ós hivitas da baixada do Hermón, na terra de Mispah. 4E saíron eles con todos os seus exércitos, unha multitude innumerable, coma a area da beira do mar, e con moitísimos cabalos e carros. 5Coaligáronse todos aqueles reis, e foron acampar xuntos a pé das augas de Merom, para loitaren contra Israel. 6E dixo o Señor a Xosué: ‑"Non lles teñas medo, pois mañá a estas horas deixareinos desfeitos ante Israel. Tronzarar os seus cabalos e prenderás lume ós seus carros".

 

A batalla das Augas de Merom

 

7Chegou Xosué con todo o exército onda as augas de Merom, e arremeteron de súpeto contra eles. 8E púxoos o Señor nas mans de Israel, que os venceu e os perseguiu ata Sidón a Grande e deica Misrefot-Maim e o val de Mispah, no oriente. E esfarelounos ata o remate: non deixou nin rastro deles. 9Fixo con eles Xosué tal como lle dixera o Señor: tronzou os seus cabalos e prendeu lume ós seus carros.

 

Conquista de Hasor

 

10Daquela volveuse Xosué e tomou Hasor, e fixo pasar pola espada ó seu rei, pois Hasor era antigamente a capital de todos aqueles reinos. 11E matou a todo ser vivo que había nela; exterminounos co gume da espada, sen deixar un, e a Hasor plantoulle lume.

 

Máis vitorias

 

12E conquistou Xosué todas as cidades daqueles reis, e matou os seus reis, pasándoos polo gume da espada, segundo mandara Moisés, servo do Señor. 13Soamente deixou Israel sen queimar as cidades emprazadas sobre outeiros, fóra de Hasor, que a queimara Xosué. 14Os fillos de Israel colleron como botín para eles todos os despoxos das cidades aquelas, e os animais; pero ós homes pasáronos polo gume da espada, ata destruílos sen deixar rastro deles. 15Como lle mandara o Señor a Moisés, o seu servo, así lle mandou Moisés a Xosué, e así fixo Xosué: e non esqueceu cousa de todo o que lle mandara o Señor a Moisés.

 

Resume da conquista do país

 

16Deste xeito conquistou Xosué todo aquel país: a montaña e todo o Négueb, toda a rexión de Goxén e mais a Xefelah e o deserto, e a montaña de Israel e mais a súa terra cha. 17Desde o Monte Rapado, que leva a Seir, ata Baal-Gad, no val do Líbano, por baixo do monte Hermón, pillou a todos os seus reis e feriunos ata morreren. 18Xosué estivera loitando con todos aqueles reis durante moitos anos. 19E fóra dos hivitas, que habitaban en Gabaón, non houbo cidade que pactase cos fillos de Israel, e pilláronas todas na loita: 20pois era cousa do Señor, que fixo endurecer os seus corazóns, de xeito que declarasen a guerra a Israel e fosen exterminados sen compaixón e aniquilados, como mandara o Señor a Moisés.

21Chegou entón Xosué, e fendeu os anaquitas da montaña de Hebrón, os de Debir, os de Anab e os de toda a montaña de Xudá e de todas as montañas de Israel: exterminounos Xosué, xunto coas súas cidades. 22Non quedaron xa anaquitas na terra dos fillos de Israel: só sobreviviron en Gaza, en Gad e en Axdod.

23Así conquistou Xosué todo o país, segundo lle tiña dito o Señor a Moisés; e deullo en herdanza Xosué a Israel, segundo a súa distribución en tribos. E o país repousou da loita.

 

Reis vencidos na banda oriental do Xordán

 

Capítulo 12

 

1Estes son os reis do país que venceron os fillos de Israel (ocupando a terra deles), na outra banda do Xordán ‑no oriente‑, desde o torrente Arnón ata o monte Hermón e toda a parte oriental da Arabah:

2Sihón, rei dos amorreos, veciño de Hexbón, que dominaba desde Aroer (que está á beira do torrente Arnón), e desde a metade do torrente e a metade de Galaad, ata o torrente Iaboc (a carón dos fillos de Amón), 3e desde a Arabah ata o Mar de Quinerot (ó oriente) e deica o Mar da Arabah ‑o Mar do Sal‑, polo oriente, no camiño de Bet-Ieximot; e polo sur, a pé de Axdod-Pisgah.

4O territorio de Og, rei do Baxán ‑un dos últimos descendentes dos Refaím‑, veciño de Axtarot e de Edrei. 5Dominaba no monte Hermón, en Salcah e en todo o Baxán, ata o lindeiro dos guexuritas e dos macateos, e na metade de Galaad, ata o lindeiro de Sihón, rei de Hexbón.

6Moisés, servo do Señor, e os fillos de Israel derrotáronos; e Moisés, o servo do Señor, déralles os territorios en herdanza ós rubenitas, ós gaditas e á media tribo de Menaxés.

 

Reis vencidos na banda occidental do Xordán

 

7E estes son os reis do país ós que derrotaron Xosué e mais os fillos de Israel, nesta banda do Xordán ‑na do occidente‑, desde Baal-Gad ‑no val do Líbano‑, ata o Monte Rapado, que leva cara a Seir (terras que lles deixou en herdanza Xosué ás tribos de Israel, segundo as súas divisións):

8Na montaña e na Xefelah, na Arabah e nas vertentes, no deserto e no Négueb: os hititas, os amorreos, os cananeos, os perizitas, os hivitas e os iebuseos:

9 O Rei de Xericó, un;

o rei de Ai ‑que está a carón de Betel‑, un;

10 o rei de Xerusalén, un;

o rei de Hebrón, un;

11 o rei de Iarmut, un;

o rei de Láquix, un;

12 o rei de Eglón, un;

o rei de Guézer, un;

13 o rei de Debir, un;

o rei de Guéder, un;

14 o rei de Hormah, un;

o rei de Arad, un;

15 o rei de Libnah, un;

o rei de Adulam, un;

16 o rei de Maquedah, un;

o rei de Betel, un;

17 o rei de Zapúah, un;

o rei de Héfer, un;

18 o rei de Afec, un;

o rei de Laxarón, un;

19 o rei de Madón, un;

o rei de Hasor, un;

20 o rei de Ximrón-Merón, un;

o rei de Acxaf, un;

21 o rei de Tanac, un;

o rei de Meguido, un;

22 o rei de Quédex, un;

o rei de Iocneam ‑no Carmelo‑, un;

23 o rei de Dor ‑no outeiro de Dor‑, un;

o rei dos xentís ‑en Guilgal‑, un;

24 o rei de Tirsah, un.

No total, trinta e un reis.

 

 

AS PARTILLAS

 

Territorios que faltan por conquistar

 

Capítulo 13

 

1E Xosué ía xa vello, eivado cos anos, e díxolle o Señor: ‑"Ti volvícheste vello, entrado en anos, e queda aínda moita terra por conquistar. 2Esta é a terra que falta: todo o territorio dos filisteos e todo o país dos guexuritas. 3Desde Xihor, que está enfronte de Exipto, ata o lindeiro de Ecrón, polo norte ‑que se ten por cananeo‑, os cinco principados dos filisteos: o de Gaza, o de Axdod, o de Axquelón, o de Gad e o de Ecrón, a maiores dos hivitas. 4Desde o sur, toda a terra dos cananeos, e Mearah ‑que está a carón dos sidonios‑, ata Afec, lindeiro dos amorreos; 5a rexión guiblita e todo o Líbano polo nacente do sol, desde Baal-Gad ‑a pé do monte Hermón‑, ata a entrada de Hamat; 6todos os habitantes da montaña, desde o Líbano ata Misrefot-Maim, todos os sidonios. Eu botareinos a todos diante dos fillos de Israel. Ti soamente tes que repartir a terra como herdanza para Israel, segundo che teño mandado.

 

As partillas da banda oriental do Xordán

 

7E agora fai as partillas da herdanza para as nove tribos e mais a media tribo de Menaxés.

8Con estes colleron tamén os rubenitas e os gaditas a súa herdanza, que llela dera Moisés na outra banda do Xordán, no oriente, tal como dispuxera Moisés, servo do Señor. 9Desde Aroer ‑que está á beira do torrente Arnón‑, e o pobo que está no medio do torrente, e toda a terra cha que vai desde Medeba ata Dibón, 10e mais todas as cidades de Sihón, rei dos amorreos ‑que reinou en Hexbón‑, ata o lindeiro dos fillos de Amón; 11Galaad e o territorio dos guexuritas e os macateos, toda a montaña do Hermón e todo o Baxán ata Salcah. 12No Baxán, todo o reino de Og, que reinou en Axtarot e mais en Edrei, e que era o reducto dos Refaím ata que Moisés os venceu e expulsou. 13Non obstante, os fillos de Israel non botaron fóra ós guexuritas nin ós macateos, e habitou Guexur e Macat no medio de Israel ata o día de hoxe.

14Soamente á tribo de Leví non lle deu terra Moisés: a súa herdanza é o lume do Señor, Deus de Israel, tal como El lles prometera.

15Deu Moisés herdanza á tribo dos fillos de Rubén, de acordo coas súas familias. 16E os lindeiros deles foron desde Aroer, que está á beira do torrente Arnón, e o pobo que está ó fondo do torrente, toda a terra cha que está a pé de Medebá; 17Hexbón e todas as súas vilas da terra cha; Dibón, Bamot-Baal, Bet-Baal-Meón, 18Iahsah, Quedemot, Mefáat, 19Quiriataim, Sibmah, e Séret-Xáhar, no outeiro do val; 20e Bet-Peor, Axdot-Pisgah e Bet-Ieximot. 21E todas as vilas da terra cha e todos os dominios de Sihón, rei dos amorreos, que reinou en Hexbón, e que o venceu Moisés a el e mais ós príncipes de Madián: Eví, Réquem, Sur, Hur, e Reba, oficiais de Sihón e veciños do país. 22E a Balaam, o adiviño, fillo de Beor, matárono os fillos de Israel coa espada, o mesmo ca a outros. 23E foron os lindeiros dos fillos de Rubén, o Xordán e a súa ribeira. Estes eran os eidos dos fillos de Rubén, segundo as súas familias: as vilas e aldeas.

 

A partilla da tribo de Gad

 

24E deu terras Moisés á tribo de Gad ‑ós fillos de Gad‑, segundo as súas familias. 25E foron os lindeiros deles Iazer e todas as cidades de Galaad, e a metade do país dos fillos de Amón ata Aroer, que está enfronte de Rabah; 26e, desde Hexbón, ata Ramah-Mispeh e Betonim; e, desde Mahanaim, ata o límite de Debir. 27E no val, Bet-Aram, Bet-Nimrah, Succot, Safón, o resto do reino de Sihón ‑rei de Hexbón‑, o Xordán e a súa ribeira, ata o remate do mar de Quinéret, pola outra banda do Xordán, ó oriente. 28Esta é a herdanza dos fillos de Gad, segundo as súas familias: as vilas e as aldeas.

 

A partilla da media tribo de Menaxés

 

29E deu terras Moisés á media tribo de Menaxés. E foron os lindeiros da media tribo de Menaxés, segundo as súas familias, 30desde Mahanaim todo o Baxán, todo o reino de Og, rei do Baxán, e todos os lugares de Iaor que hai no Baxán: sesenta pobos. 31E medio Galaad, Axtarot e Edrei, cidades do reino de Og, no Baxán, foron para os fillos de Maquir, fillo de Menaxés, ou máis ben para a metade dos fillos de Maquir, segundo as súas familias. 32Estes son os eidos que distribuíu Moises na terra cha do Moab, na outra banda do Xordán, ó oriente de Xericó. 33E á tribo de Leví non lle deu Moisés eido ningún. O Señor, Deus de Israel, El é a súa herdanza, segundo lles prometera El".

 

As partillas da banda occidental do Xordán

 

Capítulo 14

 

1Estes son os eidos que herdaron os fillos de Israel na terra de Canaán, e que distribuíron Elazar o sacerdote, Xosué, fillo de Nun, e os xefes de familia das tribos dos fillos de Israel. 2A súa herdanza asignouse por sortes, como establecera o Señor por medio de Moisés para as nove tribos e mais para a outra media, 3pois Moisés dera xa herdanza a dúas tribos e media na outra banda do Xordán, pero ós levitas non lles dera eidos no medio deles. 4Como os fillos de Xosé formaban dúas tribos ‑Menaxés e Efraím‑, non deron parte ós levitas no país, fóra das cidades de residencia, cos arredores para a súa habenza e seu gando menor. 5Tal como mandara o Señor a Moisés, dese xeito fixeron os fillos de Israel, e partillaron o país.

 

A herdanza de Caleb

 

6Achegáronse os fillos de Israel a Xosué en Guilgal, e díxolle Caleb, fillo de Iefuneh, o quenizeo:

‑"Ti ben sabes o que lle prometeu o Señor a Moisés, o home de Deus, verbo de min e mais de ti, en Cadex-Barnea. 7Eu tiña xa corenta anos cando Moisés, o servo de Deus, me enviou desde Cadex-Barnea a percorrer o país, e, en volvendo, deille novas de acordo co meu corazón. 8Meus irmáns, que subiron comigo, fenderon o corazón do pobo, namentres que eu camiñei detrás do Señor, o meu Deus. 9E xurou Moisés naquel día, dicindo: a terra que pisaron os teus pés, ¿logo non ha de ser decote eido para ti e para teus fillos?, pois camiñaches detrás do Señor, o meu Deus. 10E agora, velaquí que o Señor retivo a miña vida, como prometera, durante corenta e cinco anos, desde que llo anunciou Moisés, cando Israel andaba polo deserto; e agora, velaquí que teño hoxe oitenta e cinco anos. 11Non obstante, aínda agora estou forte como no día que me enviou Moisés para a loita, e para me desenvolver con soltura. 12Rógoche, pois, que me deas a montaña esa  á que se referiu o Señor naquel día, pois xa oíches entón que estaban alí os anaquitas, e que as cidades eran grandes e ben defendidas. Pero pode ser que o Señor estea comigo, de xeito que consiga botalos, como El dixo".

13Entón Xosué bendiciuno e deulle Hebrón como herdanza a Caleb, fillo de Iefuneh. 14Por iso Hebrón foi para Caleb, fillo de Iefuneh, o quenizeo, en herdanza, ata o día de hoxe, porque camiñou detrás do Señor, Deus de Israel. 15O nome de Hebrón era antes Quiriat-Arbá (por mor do máis grande dos anaquitas).

E o país repousou da loita.

 

A partilla da tribo de Xudá

 

Capítulo 15

 

1E tocoulle a partilla á tribo dos fillos de Xudá, segundo as súas familias, no lindeiro de Edom, ó sur do deserto de Sin, no extremo meridional. 2E foi o seu lindeiro sur o extremo do Mar do Sal, desde a lingua que miraba cara ó mediodía 3e saía cara ó sur da subida de Acrabim, pasaba por Sin e subía polo sur de Cadex-Barnea; pasaba por Hesrón, subía cara a Adar e xiraba cara a Carcáah; 4pasaba por Asmón, prolongábase ata o torrente de Exipto, e saía á beira do mar. Este era o seu lindeiro sur.

5O seu lindeiro oriental era o Mar do Sal ata a foz do Xordán; 6subía a Bet-Hoglah, pasaba polo norte de Bet-Arabah, e rubía á Rocha de Bohán, o fillo de Rubén, 7e continuaba cara a Debir, desde o Val de Acor. E, polo norte, ía cara a Guilgal, que está enfronte da subida de Adumim ó sur do torrente; despois pasaba a pé das augas de En-Xémex, indo saír a En-Róguel. 8E o lindeiro subía polo Val de Ben-Hinnóm, pola beira sur dos iebuseos ‑isto é, de Xerusalén‑; e rubía polo cume do monte que dá polo oeste a Gue-Hinnom, e polo norte ó extremo do Val dos Refaím. 9Desde o cume do monte, continuaba cara á fonte de auga  de Neftóah, e saía ás vilas da montaña de Efrón; seguía cara a Baalah ‑que é Quiriat-Iearim‑, 10xiraba desde Baalah contra o occidente, ó monte Seir, pasaba pola aba norte da montaña de Iearim ‑que é Quesalón‑, baixaba a Bet-Xémex e ía cara a Timnah; 11corría polo flanco norte de Ecrón, continuaba cara a Xiquerón, e pasaba ó monte de Baalah, prolongábase ata Iabneel e remataba no mar. 12E o lindeiro occidental ía dar ó Mar Grande e á súa praia. Esta é a fronteira que circundaba o territorio dos fillos de Xudá, segundo as súas familias.

 

A parte de Caleb

 

13E a Caleb, fillo de Iefuneh, deulle unha parte no medio dos fillos de Xudá, de acordo co mandato do Señor a Xosué: Quiriat-Arbá, do pai de Anac, que é Hebrón. 14E botou de alí Caleb ós tres fillos de Anac: a Xexai, Ahimán e Talmai. 15E subiu desde alí contra os veciños de Debir (o nome de Debir era antes Quiriat-Séfer); 16e dixo Caleb:

‑"A quen ataque a Quiriat-Séfer e a conquiste, dareille por muller a miña filla Acsah".

17Conquistou a vila Otoniel, fillo de Quenaz e irmán de Caleb; e Caleb deulle por muller a súa filla Acsah. 18Aconteceu que, ó convivir con ela, incitouna a pedirlle a seu pai un campo; e baixou do asno, e díxolle a ela Caleb:

‑"¿Que tés?"

19Respondeulle ela: ‑"Anda, faime un favor: pois me deches terra árida, dáme algunha fonte de auga".

E foi el e deulle a fonte de arriba e mais a de abaixo.

 

As cidades de Xudá

 

20Esta é a herdanza da tribo dos fillos de Xudá, segundo as súas familias. 21E foron as cidades, desde o remate da tribo dos fillos de Xudá ata o lindeiro de Edom, no Négueb, Cabseel, Éder e Iagur, 22Quinah, Dimonah, Adadah, 23Quédex, Hasor, Itnán, 24Zif, Télem, Bealot, 25Hasor, Hadatah, Queriot, Hesrón ‑que é Hasor‑, 26Amam, Xemá, Moladah, 27Hasar-Gadá, Hexmón, Bet-Pálet, 28Hasar-Xual, Beer-Xeba, Bizioteiah, 29Baalah, Iim, Sem, 30Eltolad, Quesil, Hormah, 31Siclag, Madmanah, Sansanah, 32Lebaot, Xilhim, Ain e Rimón: no total, vintenove cidades coas súas aldeas.

33E na Xefelah, Extaol, Sorah, Axnah, 34Zanóah, En-Ganim, Zapúah, Enam, 35Iar-mut, Adulam, Socoh, Azecah, 36Xaaraim, Aditaim, Guederah e Guederotaim: catorce cidades, coas súas aldeas.

37Senán, Hadaxah, Migdal-Gad, 38 Dileán, Mispeh, Iocteel, 39Láquix, Boscat, Eglón, 40Cabón, Lahmás, Quitlix, 41Guederot, Bet-Dagón, Naamah e Maquedah: dezaseis cidades coas súas aldeas.

42Libnah, Éter, Axán, 43Iefté, Axnah, Nesib, 44Queilah, Aczib e Marexah: nove cidades coas súas aldeas.

45Ecrón, coas súas vilas e as súas aldeas. 46Desde Ecrón ata o mar, todo o que está a carón de Axdod e mais as súas aldeas; 47Axdod, as súas vilas e as súas aldeas: Gaza, as súas vilas e as súas aldeas, ata o torrente de Exipto, tendo como lindeiro o Mar Grande.

48Na montaña, Xamir, Iatir, Sócoh, 49Danah, Quiriat-Sanah, ‑que é Debir‑; 50Anab, Extemoh, Anim, 51Goxén, Holón e Guilón: once cidades coas súas aldeas.

52Arab, Rumah, Exán, 53Ianum, Bet-Zapúah, Afecah, 54Humtah, Quiriat-Arbá ‑que é Hebrón‑ e Sior: nove cidades e as súas aldeas.

55Maón, Carmel, Zif, Iutah, 56Iezrael, Iocdeam, Zanóah, 57Caín, Guibah e Timnah: dez cidades, e as súas aldeas.

58Halhul, Bet-Sur e Guedor; 59Maarat, Bet-Anot e Eltecón: seis cidades e as súas aldeas.

60Quiriat-Baal (que é Quiriat-Iearim) e Rabah: dúas cidades e as súas aldeas.

61No deserto, Bet-Aarabah, Midín e Secacah, 62Nibxán, a Cidade do Sal e En-Guedi: seis cidades e as súas aldeas.

63No tocante ós iebuseos ‑veciños de Xerusalén‑, non puideron botalos fóra os fillos de Xudá: e habitaron cos fillos de Xudá en Xerusalén ata o día de hoxe.