Capítulos 1-5

Xosué, sucesor de Moisés

 

Capítulo 1

 

1Despois da morte de Moisés, servo de Deus, díxolle o Señor a Xosué, fillo de Nun, servo de Moisés: 2‑"O meu servo Moisés morreu; así que agora, érguete, e pasa o Xordán con todo este pobo, cara ó país que eu lles dou a eles, ós fillos de Israel. 3Calquera lugar que pise a planta dos vosos pés, volo entrego, tal como lle teño dito a Moisés. 4Os vosos lindeiros irán desde o deserto e mais o Líbano Leste, ata o Río Grande (o Éufrates), e todo o país dos hititas, ata o Mar Grande, no Occidente. 5Ninguén se che poderá arrepoñer durante toda a túa vida. Do mesmo xeito que estiven con Moisés, estarei tamén contigo: non te fallarei nin te abandonarei. 6Se rexo e valoroso, pois ti farás herdar a este pobo a terra que xurei ós seus devanceiros que lles había de dar. 7Soamente has de ser rexo e afoutado, para cumprir toda a Lei que dispuxo o meu servo Moisés. Non te desvíes dela nin á dereita nin á esquerda, de xeito que teñas boa andanza en todo o que acometas. 8Endexamais non arredarás da túa boca o libro desta Lei: meditaralo de día e mais de noite, de xeito que cumpras todas as súas prescricións, pois daquela daráseche ben o teu camiño e terás boa andanza.

9¿Logo non cho dixen xa?: se rexo e valoroso; non teñas medo nin te empequenezas, pois o Señor, o teu Deus, estará contigo en todo o que acometas".

 

Preparativos para o paso do Xordán

 

10Entón Xosué deu esta orde ós oficiais do pobo: 11‑"Ide polo medio do campamento, e pregoádelle á xente o seguinte: collede provisións, pois dentro de tres días atravesaredes este Xordán, para tomardes posesión da terra que o Señor, o voso Deus, acordou que herdedes".

12E ós rubenitas, ós gaditas e á media tribo de Menaxés, díxolles Xosué: 13‑"Lembrade aquilo que vos mandou Moisés, servo do Señor: O Señor, o voso Deus, concédevos acougo, dándovos esta terra. 14As vosas mulleres, os vosos rapaces e mais o voso gando, ficarán xa na terra que vos deu Moisés nesta banda do Xordán; pero vosoutros, todos os guerreiros, pasaredes armados diante de vosos irmáns, e axudarédelos, 15ata que o Señor lles dea acougo como a vós, e tomen posesión tamén eles da terra que o Señor, o voso Deus, lles entregou. Daquela, volverdes á terra da vosa herdanza, e tomaredes posesión dela ‑da que vos deu Moisés, servo do Señor‑, na banda oriental do Xordán".

16Eles respondéronlle a Xosué: ‑"Faremos todo canto nos mandaches, e iremos a onde queira que nos envíes. 17Do mesmo xeito que obedecemos a Moisés, obedecerémosche a ti; abonda con que o Señor, o teu Deus, estea contigo como estivo con Moisés. 18Quen-quera que se arrepoña contra as túas decisións, e non escoite as túas palabras ‑todo o que nos mandes‑, será entregado á morte. Ti soamente se rexo e valoroso".

 

Rahab e os espías de Xericó

 

Capítulo 2

 

1Xosué, fillo de Nun, enviou ás caladas desde Xitim a dous militares de a pé, dicíndolles: ‑"Ide ver o país, a Xericó". Eles foron e chegaron a casa dunha rameira chamada Rahab, e pararon alí. 2Mais foille anunciado ó rei de Xericó: ‑"Velaquí que chegaron de noite algúns dos fillos de Israel, para pescudar o país". 3O rei de Xericó mandou dicir a Rahab: ‑"Bota para fóra os homes que chegaron onda ti ‑que entraron na túa casa‑, pois viñeron pescudar todo o país". 4A muller collera os dous homes e acocháraos; e dixo: ‑"Certo, viñeron onda min eses homes, pero eu non adiviñei de onde eran, 5e aconteceu que, estando para pechar as portas, á caída da tarde, saíron e non sei para onde foron. Correde axiña detrás deles, pois habédelos de atrapar". 6(Pero ela fixéraos subir á azotea e acocháraos entre os feixes de liño que tiña amoreados na azotea). 7Os perseguidores botaron a correr detrás deles polo camiño do Xordán, cara ós baixíos, e, en saíndo eles, de contado atrancaron as portas.

8Aínda os espías non se deitaran, cando subiu Rahab onda eles, á azotea, 9e díxolles: ‑"Ben sei que o Señor vos deu o país, e o temor a vós estarrece, de xeito que todos os veciños do país están amedrentados por causa vosa, 10pois temos oído que o Señor secou o Mar Rubio diante de vós, cando saístes de Exipto; e tamén o que fixestes cos dous reis amorreos da outra banda do Xordán ‑con Sihón e con Og‑, que os esnaquizastes. 11Nada máis oílo, desfaleceron os nosos corazóns, e xa non quedou alento en ningún de nós, por causa vosa, pois o Señor, o voso Deus, é Deus enriba ‑nos ceos‑, e abaixo, na terra. 12E agora, volo suplico, xurádeme polo Señor que, xa que tiven misericordia convosco, habédela ter tamén vós coa casa de meu pai, e que me daredes un sinal seguro 13de que deixaredes con vida a meu pai e a miña nai, a meus irmáns e irmás, e todo o que lles pertence, arredando as nosas vidas da morte". 14Respondéronlle os homes: ‑"¡Vaia a nosa vida pola vosa!, sempre que non denunciedes o noso argallo, se, cando o Señor nos entregue o país, non temos contigo misericordia e lealdade". 15Entón ela púxose a descolgalos cunha corda pola fiestra, pois a casa daba ó muro da vila (onda o muro vivía ela), 16e díxolles: ‑"Ide para o monte ‑non sexa que dean convosco os perseguidores‑, e acochádevos aló durante tres días, ata que volvan eles; e despois, continuaredes o voso camiño". 17Dixéronlle entón os homes: ‑"Nós queremos cumprir este xuramento que nos fixeches facer. 18Velaquí que, cando entremos no país, haberás de ter esta cinta de fío escarlata atada na fiestra pola que nos baixaches; e a teu pai, a túa nai, a teus irmáns e a toda a casa de teu pai, axuntaralos contigo na túa casa. 19Mais se alguén chega a saír das portas da túa casa, apandará el co seu sangue, sendo nós inocentes; en troques, seremos nós os responsables de quen estea contigo na casa: se alguén lle pon a man enriba, o seu sangue caerá sobre nós. 20Pero se denuncias o noso argallo, quedaremos libres do xuramento que nos fixeches facer". 21Respondeu ela: ‑"¡Que aconteza como dicides!" E despediunos, e fóronse; e ela atou a cinta escarlata á fiestra. 22Eles camiñaron e chegaron ó monte, e deixáronse estar alí tres días, ata que volveron os perseguidores. Estes rebuscaran por todo o camiño, pero non deran con eles. 23E emprenderon retorno os dous homes. Baixaron do monte, pasaron o río, chegaron onda Xosué ‑o fillo de Nun‑, e contáronlle todo o que lles acontecera. 24E dixéronlle a Xosué: ‑"De seguro que o Señor puxo todo o país nas nosas mans, pois todos os veciños do país están amedrentados por causa nosa".

 

O paso do Xordán

 

Capítulo 3

 

1E Xosué ergueuse de mañanciña, saíu de Xitim, e chegou ata o Xordán, con todos os fillos de Israel; e pasaron a noite alí, antes de atravesaren. 2O cabo de tres días, pasaron os oficiais polo medio do campamento, 3e falaron ó pobo deste xeito: ‑"Cando vexades a Arca da Alianza do Señor, o voso Deus, e os clérigos levitas que a levan, deixade os vosos postos e ide tras dela 4para coñecer o camiño que seguiredes, pois non o pasastes nunca antes; mais habédesvos de afastar do Señor arredor de mil metros: non vos acheguedes máis". 5E dixo Xosué ó pobo: ‑"Purificádevos, pois mañá fará o Señor marabillas no medio de vós". 6E díxolles ós sacerdotes: ‑"Collede a Arca da Alianza, e pasade diante do pobo". Eles collérona e foron diante.

7Dixo o Señor a Xosué: ‑"Hoxe comezarei a engrandecerte diante de todo Israel, para que se decaten de que estou contigo, como estiven con Moisés. 8Ti mándalles isto ós sacerdotes que levan a Arca da Alianza: en canto cheguedes a carón das augas do Xordán, detédevos no Xordán". 9E dixo Xosué ós fillos de Israel: ‑"Achegádevos aquí e escoitade as palabras do Señor, o voso Deus". 10E engadiu: ‑"Nisto coñeceredes que o Deus vivo está entre vós, e que ha de botar de diante de vós ós cananeos, ós hititas, ós hivitas, ós perizitas, ós guirgaxitas, ós amorreos e ós iebuseos. 11Velaquí que a Arca da Alianza do dono de toda a terra vai pasar o Xordán diante de vós; 12(e agora, escollede doce homes de entre as tribos de Israel, un por tribo), 13e, cando as plantas dos pés dos sacerdotes que levan a Arca do Señor ‑do dono de toda a terra‑ se pousen nas augas do Xordán, acontecerá que as augas do Xordán quedarán cortadas (as augas que veñen de arriba), e formarán un bloque á parte".

14E o pobo botou a andar, desde onde tiña as tendas, para pasar o Xordán; e os sacerdotes levaban a Arca da Alianza diante do pobo. 15E, en chegando ó Xordán os que levaban a Arca e mollárense na ribeira os pés dos sacerdotes que levaban a Arca ‑pois o Xordán enche as súas ribeiras todo o tempo da recolleita‑, 16detivéronse as augas do Xordán que viñan de arriba, e erguéronse en bloque á parte moi lonxe, en Adam (a vila que está a carón de Saretán); e as que baixaban cara ó mar da Arabah ‑o Mar do Sal‑, remataron tamén totalmente cortadas: e o pobo atravesou por fronte de Xericó. 17E os sacerdotes que levaban a Arca da Alianza do Señor, mantivéronse ergueitos en seco, no medio do Xordán, namentres todo Israel atravesaba polo seco, ata que toda a xente deu pasado o Xordán.

 

As pedras conmemorativas do paso

 

Capítulo 4

 

1Despois de que toda a xente pasara o Xordán, díxolle o Señor a Xosué: 2‑"Escollede doce homes de entre o pobo, un por cada tribo, 3e mandádelles isto: Erguede de aí, do medio do Xordán, do sitio onde estiveron firmes os pés dos sacerdotes, doce pedras; carrexádeas e fixádeas no lugar onde ides pasar a noite hoxe". 4E chamou Xosué os doce homes que escollera de entre os fillos de Israel ‑un por cada tribo‑, 5e díxolles: ‑"Pasade diante da Arca do Señor, o voso Deus, ó medio do Xordán, e erguede nos ombros cada un de vós unha pedra, de acordo co número de tribos dos fillos de Israel, 6para que isto sexa un sinal no medio de vós. E, cando o día de mañá vos pregunten vosos fillos ¿que senso teñen para vós esas pedras?, 7responderédeslles que as augas do Xordán estiveron cortadas diante da Arca da Alianza do Señor ó pasar o Xordán: cortáronse as augas do Xordán, e velaquí estas pedras como lembranza para os fillos de Israel decote". 8E os fillos de Israel fixeron tal como mandara Xosué: colleron doce pedras do medio do Xordán, como indicara o Señor a Xosué, segundo o número de tribos dos fillos de Israel, e leváronas con eles, e fixáronas no lugar onde pasar a noite.

9E Xosué fixo colocar doce pedras no medio do Xordán, no lugar onde se pousaran os pés dos sacerdotes que levaban a Arca da Alianza, e permaneceron alí ata o día de hoxe.

10E os sacerdotes que levaban a Arca estiveron ergueitos no medio do Xordán, ata o remate de todo o discurso que o Señor mandou a Xosué proclamar ó pobo (segundo todo o que mandara Moisés a Xosué). Daquela, o pobo deuse présa e atravesou. 11En pasando a totalidade do pobo, pasaron tamén a Arca do Señor e mais os sacerdotes e fóronse colocar diante do pobo. 12E pasaron os fillos de Rubén e os fillos de Gad e mais a media tribo de Menaxés, armados, diante dos fillos de Israel, segundo lles tiña dito Moisés: 13uns corenta mil soldados listos para a loita pasaron diante do Señor cara ás chairas de Xericó. 14No día aquel engrandeceu o Señor a Xosué diante de todo Israel e respectárono como respectaron a Moisés todos os días da súa vida.

15E dixo o Señor a Xosué: 16‑"Mandade que suban do Xordán os sacerdotes que levan a Arca do Testemuño". 17E ordenoulles Xosué: ‑"Subide do Xordán". 18E aconteceu que, en subindo do medio do Xordán os sacerdotes que levaban a Arca da Alianza do Señor, cando puxeron os pés en terra firme, tornaron as augas do Xordán ó seu sitio, e correron como antes por todas as súas ribeiras. 19O pobo subiu do Xordán o décimo día do primeiro mes, e acampou en Guilgal, ó oriente de Xericó.

20E Xosué mandou erixir en Guilgal as doce pedras aquelas que colleran do Xordán. 21E díxolles ós fillos de Israel: ‑"O día de mañá, cando vosos fillos pregunten a seus pais ¿que senso teñen as pedras estas?, 22instruiredes a vosos fillos, dicindo: por terra seca pasou Israel este Xordán, 23pois o Señor, o voso Deus, fixo secar as augas do Xordán diante de vós ata que pasastes, como xa fixera co Mar Rubio, que o secou diante de nós ata que o atravesamos, 24para que coñezan todos os pobos da terra que a man de Deus é poderosa, e para que temades decote ó Señor, o voso Deus".

 

Os nativos, amedrentados ante Israel

 

Capítulo 5

 

1Cando os reis amorreos da banda occidental do Xordán e todos os reis cananeos de onda o mar, souberon que o Señor secara as augas do Xordán diante dos fillos de Israel, ata que o atravesaron, desfaleceu o seu corazón e non quedou xa alento neles por mor dos fillos de Israel.

 

Xosué circuncida o pobo en Guilgal

 

2Daquela, dixo o Señor a Xosué: ‑"Fai coitelos de pedra, e, unha vez máis, bótate a circuncidar os fillos de Israel". 3E fixo Xosué coitelos de pedra, e circuncidou os fillos de Israel, no Outeiro dos Prepucios. 4A razón pola que Xosué se puxo a circuncidar foi esta: todo o pobo que saíra de Exipto ‑os varóns, todos os guerreiros‑, morreran no deserto, polo camiño, ó saíren de Exipto. 5Así que fora circuncidada toda a xente que saíra de Exipto; pero a que nacera no deserto, polo camiño, na súa fuxida de Exipto, non estaba circuncidada. 6De feito, os fillos de Israel botaron corenta anos polo deserto, ata o acabamento de toda a xeración de guerreiros saídos de Exipto, que non escoitaran a voz do Señor, polo que o Señor lles xurara privarlles de ver a terra que prometera a seus pais que había de nos dar, unha terra que deita leite e mel. 7E foi a seus fillos ‑ós que xurdiron no sitio deles‑, a quen circuncidou Xosué, pois eran incircuncisos, ó non seren circuncidados polo camiño. 8E velaquí que, cando se rematou de circuncidar toda a xente, permaneceron nos seus postos no campamento, ata que sandaron. 9E dixo o Señor a Xosué: ‑"Hoxe quiteivos de enriba o oprobio de Exipto". A aquel sitio, puxéronlle de nome Guilgal, e aínda hoxe se chama así.

 

A primeira Pascua na terra de Canaán

 

10Os fillos de Israel acamparon en Guilgal e celebraron a Pascua no décimo cuarto día do mes, polo serán, nas chairas de Xericó. 11No día seguinte á Pascua, comeron dos produtos do país: bolos ácimos e espigas torradas, no mesmo día. 12E, ó día seguinte de comeren do froito da terra, cesou o maná, e en adiante xa non houbo maná para os fillos de Israel: aquel ano comeron do produto da terra de Canaán.

 

Deus, do lado de Xosué para comezar a conquista

 

13Aconteceu que, estando Xosué en Xericó, ergueu os ollos e veu un home ergueito diante del, coa espada desenvaiñada na súa man. Xosué achegóuselle e díxolle: ‑"¿Ti es dos nosos, ou do inimigo?" 14El respondeulle: ‑"Non: eu son o príncipe do exército do Señor, e acabo de chegar". Daquela, caeu Xosué de xeonllos en terra, e adorouno. E díxolle: ‑"¿Que quere mandar o meu Señor ó seu servo?" 15Respondeulle o príncipe do exército do Señor a Xosué: ‑"Descálzate, pois o lugar onde te atopas é santo". E así fixo Xosué.