Capítulos 11-13

Distribución dos habitantes de Xerusalén

 

Capítulo 11

 

1Os xefes vivían en Xerusalén. O resto do pobo botou as sortes para facer vir un home de cada dez para que habitase en Xerusalén, a cidade santa, e os nove restantes nas vilas. 2O pobo deu o seu parabén a todos cantos foron de grado para vivir en Xerusalén.

3Lista dos xefes da provincia que fixaron a súa residencia en Xerusalén e nos pobos de Xudá. Cada un residiu na súa propiedade, na súa propia vila: os israelitas, os sacerdotes, os levitas, os servidores e os fillos dos servidores de Salomón. 4En Xerusalén, habitaban algúns dos fillos de Xudá e de Benxamín.

Entre os fillos de Xudá: Ataías, fillo de Ozías, fillo de Zacarías, fillo de Amarías, fillo de Xefatías, fillo de Mahalalel, de entre os fillos de Peres. 5E Maseías, fillo de Baruc, fillo de Col-Hozeh, fillo de Hazaías, fillo de Adaías, fillo de Ioiarib, fillo de Zacarías, fillo do xelonita.

6Todos os fillos de Peres vivían en Xerusalén en número de catrocentos sesenta e oito homes de armas.

7Velaquí os benxaminitas: Salú, fillo de Mexulam, fillo de Ioed, fillo de Pedaías, fillo de Colaías, fillo de Maseías, fillo de Itiel, fillo de Isaías. 8E despois: Gabbai, Salai: 928. 9E Ioel, fillo de Zicrí, era o inspector, mentres que Iehudah, fillo do Senuah, era o segundo na vila.

10Entre os sacerdotes: Iedaías fillo de Ioiarib, Iaquín, 11Seraías, fillo de Hilquías, fillo de Mexulam, fillo de Sadoc, fillo de Meraiot, fillo de Ahitub, príncipe da casa de Deus, 12como tamén todos os seus irmáns que traballaban na casa de Deus: 822; Adaías, fillo de Ieroham, fillo de Pelalías, fillo de Amsí, fillo de Zacarías, fillo de Pashuz, fillo de Malquías 13e os seus irmáns, xefes de familia: 242; Amasai, fillo de Azarel, fillo de Ahzai, fillo de Mexilemot, fillo de Imer, 14e os seus irmáns, homes valentes: 128. O meu inspector era Zabdiel, fillo dos guedolitas.

15Entre os levitas: Xemaías, fillo de Haxub, fillo de Azricam, fillo de Haxabías, fillo de Buní, 16e Xabtai e Iozabad; entre os xefes dos levitas que tiñan ó seu cargo as obras exteriores do templo de Deus; 17Matanías, fillo de Mikah, fillo de Zabdí, fillo de Asaf, o primeiro que dirixiu o canto e os rezos; Bacbuquías, o segundo dos seus irmáns, e Avdá, fillo de Xammúah, fillo de Galal, fillo de Iedutún.

18Todos os levitas da cidade santa: 284.

19Os porteiros: Acub, Talmón, e os seus irmáns, que facían garda nas portas: 172.

20O resto de Israel, sacerdotes, levitas, moraban en todas as vilas de Xudá, cadaquén na súa propiedade. 21Os servos habitaban o Ofel; Sihá e Guixpá eran os xefes dos servos. 22O inspector dos levitas en Xerusalén era Ozzí, fillo de Baní, fillo de Haxabías, fillo de Matanías, fillo de Micá, de entre os fillos de Asaf; eran os cantores en activo na casa de Deus. 23Había, en efecto, unha orde do rei respecto deles e un acordo concernente ós cantores, día a día. 24Petahías, fillo de Mexezabel, de entre os fillos de Zérah, fillo de Xudá, vivía onda o rei para todo canto concernía ó pobo.

25Nas aldeas e campos, os fillos de Xudá habitaban en Quiriat-Arbá e arredores, en Dibón e arredores, en Iecabsel e as súas aldeas, 26en Iexúa, en Moladah, en Bet-Pélet, 27en Hasar-Xual, en Beerxeba e arredores, 28en Siclag, en Meconah e arredores, 29en Ein-Rimón, en Sorah e en Iarmut, 30en Zanóah, Adulam e as súas aldeas, en Láquix e nos seus campos, en Azecah e arredores. Establecéronse desde Beerxeba ata o val de Hinnom.

31Os fillos de Benxamín establecéronse mais alá de Gueba, en Micmás, Aiah, Betel e arredores, 32en Anatot, Nob, Ananías, 33Hasor, Ramah, Guitaim, 34Hadid, Seboín, Nebalat, 35Lod e Onó, o val dos Obreiros. 36Entre os levitas, algúns das rexións de Xudá foron a Benxamín.

 

Sacerdotes e levitas

 

Capítulo 12

 

1Lista dos sacerdotes e levitas que chegaron con Zerubabel, fillo de Xealtiel, e con Xosué: Seraías, Irmeías, Ezrá, 2Amarías, Maluc, Hatux, 3Xecanías Rehúm, Meremot, 4Idó, Guinetoi, Abiías, 5Miiamín, Maadías, Bilgah, 6Xemaías, e Ioiarib, Iedaías, 7Salú, Amoc, Hilquías, Iedaías. Eran os xefes dos sacerdotes e dos seus irmáns, no tempo do Xosué.

8Os levitas: Iexúa, Binuí, Cadmiel, Xerebías, Iehudah, Matanías e e os seus irmáns, encargados dos cantos de louvanza. 9Bacbuquías e Uní, os seus irmáns, axudábanos nos servizos.

10Xosué enxendrou a Ioaquim, Ioaquim enxendrou a Eliaxib, e Eliaxib a Ioiadá. 11Ioiadá enxendrou a Ionatán, Ionatán enxendrou a Iaduá.

12No tempo de Ioiaquim, os sacerdotes xefes de familia eran: da de Seraías, Meraías; da de Xemeías, Hananías; 13da de Ezrá, Mexulam; da de Amarías, Iehohanán; 14da familia de Xebanías, Iosef; 15da de Harim, Adná; da de Meremot, Helcai; 16da de Idó, Zacarías; da de Guinetón, Mexulam; 17da de Abías, Zicrí; da de Miniamín,...; da de Moadías, Piltai; 18da de Bilgah, Xamúa; da de Xemaías, Iehonatán; 19da de Ioiarib, Matenai; da de Iedaías, Ozí; 20da de Salai, Calai; da de Amoc, Éber; 21da de Hilquías, Haxabías; da de Iedaías, Netanel.

22No tempo de Eliaxib, de Ioiadá, de Iohanán e de Iadúa, os levitas, xefes de familia, o mesmo cós sacerdotes, foron inscritos ata o reino de Darío o persa.

23Os fillos de Leví, xefes de familia, foron inscritos no libro dos Anais, ata o tempo de Iohanán, fillo de Eliaxib. 24Os xefes dos levitas eran: Haxabías, Xerebías e Iexúa, fillo de Cadmiel, e os seus irmáns, ás súas ordes, para cantaren, segundo o rito de David, home de Deus, cada un na súa quenda de servzo, os loores e as accións de grazas: 25Matanías, Bacbuquías, Obadías, Mexulam, Talmón e Acub, gardas-porteiros, para a garda que se facía a pé das portas. 26Todos estes viviron nos tempos de Ioaquim, fillo de Xosué, fillo de Iosadac, e no tempo de Nehemías o gobernador, e de Esdras, o sacerdote-escriba.

 

Inauguración da muralla

 

27Para inauguraren a muralla de Xerusalén, foron en busca dos levitas por todos os seus lugares de residencia, co fin de facelos vir a Xerusalén a celebrar con xúbilo a inauguración con loores e cantos, con címbalos, liras e arpas. 28Os fillos dos cantores do val do Xordán e da bisbarra de Xerusalén e das aldeas de Netofat, 29de Bet-Guilgal e dos campos de Gueba e de Azmávet, xuntáronse, pois os cantores construíran aldeas nos arredores de Xerusalén. 30Os sacerdotes e levitas purificáronse e purificaron o pobo, as portas e a muralla.

31Mandei que subisen as autoridades de Xudá á muralla e organicei dous grandes coros. Un camiñaba pola dereita sobre a muralla pola porta do Esterco. 32Detrás deles ían Hoxaías e a metade dos xefes de Xudá; 33Azarías, Esdras, Mexulam, 34Iehudá, Benxamín, Xemaías e Xemeías, 35de entre os fillos de Ionatán, fillo de Xemaías, fillo de Metanías, fillo de Micaías, fillo de Zacur, fillo de Asaf, 36e os seus irmáns, Xemaías, Azarel, Milalai, Guilalai, Maai, Netanel, Iehudá, Hananí, cos instrumentos de música de David, home de Deus. Esdras, o escriba, estaba diante deles. 37Pasaron pola porta da Fonte e, seguindo en liña recta, subiron a escaleira da Cidade de David e baixaron pola costa da muralla, onda o palacio de David, ata a porta da Auga, ó levante.

38A segunda coral marchou cara á esquerda, e tamén eu ía detrás dela, xunto coa metade dos xefes do pobo, pola muralla, na cima da torre dos Fornos ata a Muralla Longa, 39e por riba da porta de Efraím, da porta da Iexanah, da porta dos Peixes, da torre de Hananel e da torre dos Cento, ata a porta das Ovellas. Parouse á porta da Garda. 40As dúas corais pararon de seguida na casa de Deus, como tamén eu, a metade dos maxistrados que estaban comigo, 41e os sacerdotes: Eliaquim, Maseías, Miniamín, Micaías, Elioenai, Zacarías, Hananías con trompetas, 42e Maseías, Xemaías, Elazar, Ozí, Iehohanán, Malaquías, Elam e Ézer. Os cantores fixéronse oír, con Izrahías o inspector.

43Ofrecéronse ese día grandes sacrificios e foi moi grande a ledicia, pois Deus comunicáralles un gran gozo. As mulleres e os nenos gozaron tamén, e o xúbilo de Xerusalén notábase desde lonxe.

44Nese día nomeáronse intendentes dos almacéns destinados ás provisións, ofrendas, primicias e décimos, onde se gardaban, polos campos e pobos, as porcións que prescribe a Lei para os sacerdotes e os levitas. En efecto, Xudá sentíase orgullosa dos sacerdotes e dos levitas en función, 45porque levaban á práctica canto atinxe ó servizo do seu Deus e ó servizo das purificacións, mentres que os cantores e os porteiros seguían a orde de David e de Salomón, o seu fillo. 46Pois desde moi antigo, desde o tempo de David e de Asaf, había xefes de cantores e de cantos de loanza e de recoñecemento ó noso Deus. 47Todo Israel, no tempo de Zerubabel e no tempo de Nehemías, dábanlles o que lles correspondía ós cantores e porteiros día a día, pois as cousas consagradas pertencíanlles ós levitas; e os levitas dábanlles parte ós fillos de Aharón.

 

Reformas feitas por Nehemías

 

Capítulo 13

 

1Nese tempo, ó lermos no libro de Moisés na presenza do pobo, atopamos escrito que os amonitas e moabitas non entrarían xamais na asemblea de Deus, 2pois non viñeron á presenza dos fillos de Israel con pan e auga, e Moab contratou a Balaam contra eles, para maldicilos; pero o noso Deus cambiou a maldición nunha bendición. 3O coñeceren esta Lei, separaron de Israel a todo home de sangue mesturada.

4Antes disto, o sacerdote Eliaxib, encargado das dependencias do templo e parente de Tobías, 5acondicionara para uso deste unha habitación grande, onde se metían noutro tempo as ofrendas, o incenso, os utensilios, o décimo do trigo, do viño novo e do aceite, organizado todo isto polos levitas, os cantores e os porteiros, como tamén o de reservar para os sacerdotes unha parte.

6Durante todo ese tempo, eu non me encontraba en Xerusalén, pois no ano trinta e dous de Artaxerxes, rei de Babilonia, fora onda o rei. Pero despois dalgún tempo, co permiso do rei, 7volvín a Xerusalén; foi entón cando me dei conta do mal que fixera Eliaxib, por culpa de Tobías, preparándolle unha habitación nos adros da casa de Deus. 8Pareceume moi mal, mandei sacar da habitación todas as cousas de Tobías,  9ordenei que a purificasen e volvín gardar alí os utensilios do templo, as ofrendas e o incenso.

10Souben tamén que os levitas non recibiran a parte que lles correspondía, e que tanto eles coma os cantores que facían o servizo fuxiran a cadansúa aldea. 11Reprendín ós maxistrados, e dixen: ‑"¿Por que quedou abandonada a casa de Deus?" Despois xunteinos e volvinos ós seus postos. 12Entón todo Xudá trouxo o décimo do trigo, do viño novo e do aceite para metelos nas reservas. 13Dei a orde de colocar esas reservas baixo o coidado do sacerdote Xelemías, do escriba Sadoc e de Pedaías, un dos levitas, axudados por Hanán, fillo de Zacur, fillo de Matanías, pois pasaban por homes fieis. Tocáballes a eles facer a repartición entre os seus irmáns.

14‑"Acórdate de min, meu Deus, por todo isto, e que non se borre diante de ti a miña fidelidade respecto da casa do meu Deus e do seu servizo".

15Neses días, vin tamén que algúns xudeus premían o lagar en sábado, outros xuntaban monllos e cargábanos nas cabalgaduras; e incluso traían a Xerusalén dese mesmo xeito viño, uvas, figos e toda clase de fardos, no sábado. Reprendinos por facer tal cousa nese día. 16Tamén os tirios residentes en Xerusalén viñan con peixes e toda clase de mercadorías e vendíanas no sábado ós fillos de Xudá e Xerusalén. 17Encareime cos nobres de Xudá e díxenlles: ‑"¿Por que esta mala acción que cometedes, profanando o día de sábado? 18¿Non foi así como obraron tamén os vosos pais? Foi por iso polo que o noso Deus fixo vir sobre nós e sobre esta cidade todo este mal. E vós, profanades o sábado, agravades a cólera de Deus contra Israel".

19Mandei que pechasen as portas de Xerusalén ó anoitecer antes do sábado, coa orde de que non se abrisen ata pasado o sábado. E puxen nas portas algúns dos meus criados para que non entrase carga ningunha no día de sábado. 20Pero algúns comerciantes e vendedores de toda clase de mercadorías pasaron a noite, unha ou dúas veces, fóra de Xerusalén. 21Advertinos e díxenlles: ‑"¿Por que pasades a noite diante da muralla? Se o volvedes facer, préndovos". A partir deste momento, xa non volveron máis durante o sábado. 22Despois, ordenei ós levitas que se purificasen para viren gardar as portas, co fin de santificar o día do sábado. ‑"Por todo isto, acórdate de min, meu Deus; ten piedade de min segundo a túa grande fidelidade".

23Foi tamén por este tempo cando vin algúns xudeus casar con mulleres axdoditas, amonitas e moabitas; 24a metade dos seus fillos falaban axdodeo e ninguén deles se mostraba capaz de falar hebreo, senón só na lingua dun ou doutro pobo. 25Rifeilles moito e maldicinos, zoupei nalgúns e tireilles dos cabelos; despois fíxenos xurar no nome do Señor: ‑"Non deades as vosas fillas ós seus fillos e non tomedes as súas fillas para vosos fillos nin para vós. 26¿Non foi acaso por isto polo que pecou Salomón, rei de Israel? Entre as numerosas nacións non houbo rei coma el; era amado polo seu Deus e establecérao rei de todo Israel. Con todo, foi a el a quen as mulleres estranxeiras enredaron no pecado. 27Que non se volva oír que cometedes a infamia de ofender o noso Deus, casando con estranxeiras".

28Un dos fillos de Ioiadá, fillo de Eliaxib, o sumo sacerdote, era o xenro de Sambalat, o horonita. Púxeno en fuga, lonxe de min.

29‑"Acórdate deles, meu Deus, porque lixaron o sacerdocio e a alianza do sacerdocio e dos levitas".

30Purifiqueinos de toda clase de estranxeiros e restablecín os sacerdotes e levitas nos seus respectivos empregos, cada un na súa tarefa; 31restablecín tamén a ofrenda de leña, nas épocas fixadas, o mesmo cás primicias.

‑"Acórdate de min, meu Deus, para ben".