Capítulos 6-10

A arca en Xerusalén

 

Capítulo 6

 

1David reuniu outra vez o máis escolleito de Israel, trinta mil homes, 2e con toda esa xente foi a Baalá de Xudá, para traer de alí a arca de Deus, o que leva o nome de Señor dos exércitos, que se senta na arca enriba dos querubíns.

3Puxeron nun carro novo a arca de Deus e sacárona da casa de Abinadab, que estaba no outeiro. Guiaban o carro Uzá e Ahió, fillos de Abinadab. 4O sacaren a arca de Deus da casa de Abinadab, no outeiro, Ahió ía diante da arca. 5Tamén David e todo Israel ían diante do Señor, facendo festa con todas as súas forzas, ó son de harpas e de cítolas, de pandeiros, de sistros e de címbalos.

6Chegados á aira de Nacón, Uzá botoulle a man á arca de Deus para sostela, pois espantáranse os bois. 7O Señor anoxouse contra Uzá e feriuno alí mesmo de morte ó pé da arca de Deus. 8David enrabexouse polo golpe que o Señor dera a Uzá e a aquel lugar quedoulle o nome de Golpe de Uzá ata hoxe.

9Aquel día David colleulle medo ó Señor e pensou: ‑"¿Como vai vir á miña casa a arca do Señor?" 10E non quixo levar canda el, á cidade de David, a arca do Señor, senón que a fixo trasladar á casa de Obededom de Gat. 11A arca estivo tres meses na casa de Obededom de Gat e o Señor bendiciu a Obededom e á súa familia.

12Contáronlle a David: ‑"O Señor está bendicindo a Obededom e a todo o seu por mor da arca de Deus". Entón fixo David subir en festa a arca do Señor da casa de Obededom á cidade de David.

13Cada seis pasos que daban os portadores da arca do Señor, sacrificaban un boi e un becerro. 14David danzaba con todas as forzas diante do Señor, cinguido co efod de liño. 15Así foi como David e todo Israel levaron a arca do Señor, entre aclamacións e soar de trompetas.

16Cando a arca do Señor entraba na cidade de David, Micol, filla de Xaúl, axexaba pola fiestra, viu como o rei David ía brincando e danzando diante do Señor e sentiu desprezo por el. 17Logo puxeron no seu sitio a arca do Señor meténdoa dentro da tenda que David lle preparara. Despois ofreceu David holocaustos e sacrificios de comuñón diante do Señor.

18En acabando cos sacrificios, David bendiciu ó pobo no nome do Señor dos exércitos. 19Despois repartiulle a toda a xente, a cada home e muller da xente de Israel, unha bica de pan, unha tallada de carne e unha torta de pasas. A fin marcharon todos, cada un para a súa casa.

20Cando volvía David para bendicir tamén a súa familia, saíulle ó encontro Micol, filla de Xaúl, e díxolle: ‑"¡Como se cubriu de gloria hoxe o rei de Israel, espíndose á vista das criadas e dos seus serventes, como se espiría un calquera!" 21David respondeulle a Micol: ‑"Brinquei diante do Señor, que me preferiu ó teu pai e a toda a túa familia e que me elixiu como xefe do pobo do Señor. Farei festa diante do Señor, 22anque me rebaixe aínda máis e che pareza desprezable; honraranme esas criadas de que falas". 23Micol, filla de Xaúl, non tivo máis fillos en toda a súa vida.

 

A profecía de Natán

 

Capítulo 7

 

1Instalado o rei David na súa casa, e como o Señor lle dera a paz cos seus inimigos do arredor, 2díxolle el ó profeta Natán: ‑"Repara que eu estou instalado nunha casa de cedro, mentres a arca do Señor habita nunha tenda". 3Natán respondeulle ó rei: ‑"Todo o que tes no corazón, anda e faino, pois o Señor está contigo".

4Pero aquela mesma noite veulle a Natán esta palabra do Señor: 5‑"Vai e dille ó meu servo David que isto di o Señor: ¿vasme edificar unha casa para que eu habite nela? 6Desde o día en que saquei os israelitas de Exipto ata hoxe, non habitei en casa ningunha, senón que andei dun lado para outro nunha tenda e nun tabernáculo. 7E en todo o tempo que andei cos israelitas, ¿faleille, acaso, a algún dos xuíces de Israel, ós que mandei que alindasen o meu pobo, de que me edificasen unha casa de cedro?

8Agora, pois, dille ó meu servo David que isto di o Señor dos exércitos: eu saqueite das mandas, de detrás dos rabaños, para que foses o xefe do meu pobo Israel. 9Estiven contigo en todo o que emprendiches e arredei os teus inimigos diante de ti. E dareiche un nome tan grande coma o dos grandes da terra.

10Eu fixarei tamén un posto para o meu pobo Israel. Eu plantareino e el vivirá alí sen sobresaltos. Non volverán asoballalo os fillos da iniquidade, como fixeron á primeira, 11no tempo en que puxen xuíces sobre o meu pobo Israel. Dareiche o repouso de todos os inimigos e, por parte, o Señor anúnciache que che dará unha dinastía.

12Cando se cumpran os teus días e vaias durmir con teus pais, eu establecerei despois de ti un teu descendente, nado das túas entrañas, e farei firme o seu reino. 13El edificarame unha casa e eu afincarei para sempre o seu reino.

14Eu serei para el un pai e el será para min un fillo. Se peca, castigareino con vara de homes e con azoutes humanos. 15Mais non lle retirarei a miña lealdade, como lla retirei a Xaúl, a quen botei da miña presenza. 16A túa familia e o teu reino permanecerán na miña presenza para sempre, o teu trono manterase firme eternamente". 17Natán comunicoulle a David estas palabras e toda esta visión.

 

Oración de David

 

18Entón o rei David presentouse ó Señor e dixo:

‑"¿Quen son eu, meu Señor Iavé, e quen é a miña familia,

para que me fagas chegar ata aquí?

19E, por se isto fose pouco aínda ós teus ollos, Señor Iavé,

falas tamén do porvir da familia do teu servo.

¿É isto, Señor Iavé, cousa ben dada?

20E ¿que pode engadir David ó que xa dixo,

se ti, Señor Iavé, coñeces abondo o teu servo?

21Pola túa palabra e segundo o teu corazón,

ti levas a termo estas cousas

e revélasllas ó teu servo.

22Por iso es grande, Señor Iavé,

non hai outro coma ti,

nin hai Deus, fóra de ti,

conforme o que temos oído.

23E ¿que nación hai no mundo coma o teu pobo Israel,

que Deus mesmo foi rescatar,

para facelo seu e darlle un nome

e para facer con el prodixios e milagres,

botando de diante do pobo que libraches de Exipto

ós outros pobos cos seus deuses?

24Ti constituíches o pobo de Israel

coma pobo teu para sempre

e Ti, Señor, es o seu Deus.

25Agora, Señor Deus,

mantenlle ó teu servo e á súa familia para sempre

a palabra que lle deches,

e cumpre o que lle prometiches.

26Sexa exaltado por sempre o teu amor,

e que se diga: o Señor dos exércitos é o Deus de Israel.

E que a familia do teu servo David

se manteña firme na túa presenza.

27 Porque ti, Señor dos exércitos, Deus de Israel, revelácheslle isto ó teu servo:

eu edificareiche unha casa.

Por iso atopou forza o teu servo

para dirixirche esta oración.

28Agora, Señor Iavé, ti que es Deus,

ti que tes palabras verdadeiras

e que lle fixeches ó teu servo este ben,

29dígnate, logo, bendicir a familia do teu servo

e que permaneza por sempre na túa presenza.

Xa que ti, meu Señor Iavé, o prometiches,

que, pola túa bendición, sexa bendita para sempre

a familia do teu servo".

 

Guerras e conquistas

 

Capítulo 8

 

1Despois diso David venceu ós filisteos e someteunos; e arrebatoulles Gat coas súas aldeas.

2Venceu tamén a Moab e, deitándoos polo chan, mediunos co cordel. Dúas medidas destinábaas á morte e unha deixábaa con vida. Os moabitas quedaron sometidos á David pagándolle tributo.

3David derrotou tamén a Hadadézer, fillo de Rehob, rei de Sobah, cando ía impor a súa man sobre o Éufrates. 4David colleulle prisioneiros mil setecentos xinetes e vinte mil soldados de a pé. Cortou os xarretes aos cabalos dos carros, deixándolle soamente cen de todos os que tiña.

5Os arameos de Damasco acudiron en axuda de Hadadézer, rei de Sobah, e David matoulles vinte e dous mil homes. 6David instalou postos en Aram de Damasco e os arameos quedáronlle sometidos pagándolle tributo. O Señor concedeulle éxito a David en todo o que emprendeu.

7Os oficiais de Hadadézer quitoulles David os escudos de ouro e levounos a Xerusalén. 8En Tabah e Berotai, cidades de Hadadézer, colleu o rei David bronce en moita cantidade.

9Cando Tohu, rei de Hamat, soubo que David derrotara o exército de Hadadézer, 10mandou xunto a el ó seu fillo Adoram, para saudalo e felicitalo, por combater  e vencer a Hadadézer, pois Tohu estaba tamén en guerra con Hadadézer. Adoram levoulle unha vaixela de ouro, de prata e de bronce, de regalo.

11O rei David consagroulle iso ó Señor, como consagrara xa a prata e o ouro de todos os pobos que vencera, 12arameos e moabitas, amonitas, filisteos e amalecitas, e mais o botín de Hadadézer, fillo de Rehob, rei de Sobah.

13David adquiriu unha grande sona. A súa volta de Aram derrotou a Edom, no val do Sal, matándolle dezaoito mil homes. 14Es-tableceu postos en Edom, que estaba todo sometido a David. O Señor concedeulle éxito a David en todo o que emprendeu.

 

Os oficiais de David

 

15David foi rei de todo Israel e gobernou o seu pobo con xustiza e con equidade. 16Ioab, fillo de Seruiah, era o xefe do exército; Ioxafat, fillo de Ahilud, era o cronista; 17Sadoc, fillo de Ahitub, e mais Abiatar, fillo de Ahimélec, eran os sacerdotes; Seraías era o secretario 18e Benaías, fillo de Iehoiadá, o xefe dos quereteos e dos peleteos. Os fillos de David eran sacerdotes.

 

 

V. A HISTORIA DA SUCESION (2 Sam 9-20)

 

David e Meribaal

 

Capítulo 9

 

1David preguntou: ‑"¿Queda alguén da familia de Xaúl a quen eu poida favorecer por mor de Ionatán?" 2Da casa de Xaúl había un criado que se chamaba Sibá. Mandárono vir onda David e o rei preguntoulle: ‑"¿Es ti Sibá?" E el respondeulle: ‑"Servidor".

3O rei seguiu: ‑"¿Queda alguén da familia de Xaúl a quen eu lle poida mostrar a bondade de Deus?" Sibá respondeulle ó rei: ‑"Queda un fillo de Ionatán, tolleito dos dous pés". 4O rei preguntoulle: ‑"¿Onda está?" E Sibá díxolle: ‑"Está en Lodabar, na casa de Maquir, fillo de Amiel". 5O rei David mandouno traer de Lodabar, de onda Maquir.

6Chegado xunto a David, Mefibóxet, fillo de Ionatán, fillo de Xaúl, saudouno prostrado polo chan. David preguntoulle: ‑"¿Es ti Mefibóxet?" E el respondeulle: ‑"Servidor". 7David díxolle: ‑"Non teñas medo. Quero favorecerte, por mor do teu pai Ionatán. Devolvereiche todas as terras do teu avó Xaúl e ti comerás sempre á miña mesa". 8Mefibóxet inclinouse e dixo: ‑"¿Quen é este teu servo, para que lle deas atención a un can morto coma min?"

9O rei chamou a Sibá, criado de Xaúl, e díxolle: ‑"Todo o que pertencía a Xaúl e a súa familia quero que se lle dea ó fillo do teu amo. 10Ti, os teus fillos e os teus criados traballarédeslle as terras ó fillo do teu amo, para que a súa casa teña pan. Pero Mefibóxet, o fillo do teu amo, comerá sempre á miña mesa". Sibá tiña quince fillos e vinte escravos. 11E díxolle ó rei: ‑"O teu servo fará o que o rei, meu señor, dispoña".

12Mefibóxet tiña un fillo pequeno que se chamaba Micá. A familia de Sibá estaba toda ó servizo de Mefibóxet. 13Este habitaba en Xerusalén porque comía á mesa do rei. Estaba coxo dos dous pés.

 

Guerra cos amonitas

 

Capítulo 10

 

1Despois diso morreu o rei dos amonitas e sucedeulle no trono o seu fillo Hanún. 2David pensou entón: ‑"Voulle mostrar á Hanún, fillo de Nahax, a bondade que o seu pai mostrou comigo". E mandou David algúns serventes, que lle desen o pésame pola perda do seu pai.

Cando os serventes de David chegaron á terra dos amonitas, 3os príncipes de Amón dixéronlle ó seu amo Hanún: ‑"¿Pensas que o rei David che mandou consoladores, para que vexas que quere honrar a memoria do teu pai? ¿Non che mandaría, máis ben, os seus serventes para exploraren e para saberen da cidade e destruíla?" 4Hanún colleu entón ós mensaxeiros de David, afeitoulles a metade da barba, cortoulles as vestiduras ata as nádegas e despois despediunos.

5Comunicáronllo á David, que enviou xente ó seu encontro, porque aqueles homes volvían avergonzados. O rei mandou que lles dixesen: ‑"Quedade en Xericó e, cando vos medre a barba, volveredes".

6Cando viron os amonitas que se fixeran aborrecibles para David, decidiron adquirir soldados a soldo: vinte mil soldados de a pé, dos arameos de Bet Rehob e dos arameos de Sobah, vinte mil homes do rei de Macah e doce mil homes de Tob. 7Sóuboo David e mandou alá a Ioab co exército dos seus valentes. 8Os amonitas saíron e formaron para o combate á entrada da cidade, mentres os arameos de Sobah e de Rehob e a xente de Tob e de Macah quedaba á parte no campo.

9Decatouse Ioab de que tiña unha fronte de combate por diante e outra por detrás e entón colleu o mellor do exército de Israel e púxoo en liña de ataque, fronte ós arameos; 10e dispuxo o resto do exército para facer fronte ós amonitas, ás ordes do seu irmán Abixai, 11a quen advertiu: ‑"Se os arameos prevalecen contra min, ti virás axudarme; e se os amonitas prevalecen contra ti, irei eu axudarche. 12Se valente e esforcémonos polo noso pobo e polas cidades do noso Deus. E que sexa o que o Señor queira".

13Ioab entrou co seu exército en combate contra os arameos, que fuxiron diante del. 14Cando viron os amonitas que os arameos fuxían, fuxiron eles tamén de Abixai e metéronse na cidade. Ioab deu entón a volta da expedición contra os amonitas e regresou a Xerusalén.

15Cando os arameos se viron derrotados, reuníronse todos en contra de Israel. 16Hadadézer mandou saír os arameos da outra banda do río e chegaron a Helam, ó mando de Xobac, xeneral de Hadadézer. 17Dixéronllo a David, que, ó momento, reuniu os israelitas, atravesou o Xordán e chegou a Helam. Os arameos dispuxéronse para encontrarse con David e abriron o combate contra el.

18Aram fuxiu diante de Israel e David matoulle setecentos cabalos de carros e corenta mil xinetes; e feriu a Xobac, xeneral do exército, que morreu alí mesmo. 19Cando viron os reis vasalos de Hadadézer que este fora vencido polos israelitas, fixeron a paz con Israel e sometéronselle. Desde esa os arameos non se atreveron a seguir axudando ós amonitas.