Capítulos 21-24

VI. ANEXOS (2 Sam 21-24)

 

Os gabaonitas e os fillos de Xaúl

 

Capítulo 21

 

1No tempo de David houbo unha fame de tres anos seguidos. David consultou o Señor e o Señor respondeulle: ‑"Enriba de Xaúl e da súa familia está o sangue dos gabaonitas que mataron".

2O rei convocou entón os gabaonitas e faloulles. Os gabaonitas non eran israelitas, senón un resto dos amorreos. Os israelitas fixeran pacto con eles, pero Xaúl quixera exterminalos no seu celo por Israel e por Xudá. 3David díxolles ós gabaonitas: ‑"¿Que podo facer por vós e con que podo reparar, para que bendigades a herdade do Señor?"

4Os gabaonitas respondéronlle: ‑"Non queremos prata nin ouro de Xaúl nin da súa familia nin queremos que ninguén morra en Israel". E o rei díxolles: ‑"Farei por vós o que me pidades". 5Os gabaonitas dixéronlle ó rei: ‑"Un home quixo exterminarnos, acabar connosco e facernos desaparecer da terra de Israel. 6Que nos entreguen sete dos seus fillos para colgalos diante do Señor, en Gabaón, na montaña do Señor". David respondeulle: ‑"Daréivolos eu".

7O rei perdooulle a vida a Mefibóxet, fillo de Ionatán, fillo de Xaúl, por mor do pacto que se xuraran David e Ionatán, fillo de Xaúl. 8Pero o rei colleu a Armoní e a Mefibóxet, os dous fillos que Rispah, filla de Aiah, lle dera a Xaúl, e os cinco fillos que Merab, filla de Xaúl, lle parira a Adriel, fillo de Barzilai, o meholatita, 9e entregóullelos ós gabaonitas, que os penduraron no monte diante do Señor. Caeron os sete ó mesmo tempo, axustizados nos primeiros días da seitura, ó comezo da sega do orxo. 10Rispah, filla de Aiah, colleu un saco, estendeuno por riba da rocha e estivo alí desde o comezo da seitura ata que caeron as chuvias nos cadáveres, para impedir que se acercasen a eles de día os paxaros do ceo e de noite as feras do campo.

11Cando lle contaron a David o que fixera Rispah, filla de Aiah, concubina de Xaúl, 12mandou el coller os ósos de Xaúl e os do seu fillo Ionatán de onda os veciños de Iabex de Galaad, que os levaran da praza de Bet-Xeán. Alí penduráranos os filisteos o día en que estes derrotaran a Xaúl en Guilboa. 13O rei fixo vir de alí os ósos de Xaúl e os do seu fillo Ionatán e xuntáronos cos ósos dos axustizados. 14Enterraron os ósos de Xaúl e os do seu fillo Ionatán en terras de Benxamín, en Selá, no sepulcro de Quix, pai de Xaúl. Fixeron todo o que o rei mandou e despois diso compadeceuse Deus da terra.

 

Fazañas de David e dos seus homes

 

15Despois volveu haber guerra entre os filisteos e Israel. David baixou cos seus servidores e loitou contra os filisteos. David quedou canso diso 16e asentáronse en Gob.

Un home dos refaítas, cunha lanza de bronce de trescentos siclos de peso e cunha espada nova, dicía que ía matar a David. 17Pero Abixai, fillo de Seruiah, defendeu a David. Feriu ó filisteo e matouno. Entón conxuráronse os homes de David e dixéronlle: ‑"Ti non sairás máis connosco ó combate e que non se apague o facho de Israel".

18Despois houbo outro combate en Gob cos filisteos. Nel Sibcai de Huxah matou a Saf, un refaíta. 19Noutro combate en Gob cos filisteos, Elhanán, fillo de Iair o betlemita, matou a Goliat de Gat. Este levaba unha lanza coma un rolo de tecelán.

20Noutra batalla en Gat presentouse un home de gran talla, con seis dedos en cada man e seis en cada pé, vintecatro en total, tamén el era dos refaítas. 21Desafiou a Israel, pero matouno Ionatán, fillo de Ximá, irmán de David. 22Eses catro homes da raza dos refaítas eran de Gat e caeron a mans de David e dos seus homes.

 

Salmo real

 

Capítulo 22

 

1O día en que o Señor o librou do poder dos seus inimigos e das mans de Xaúl, David entooulle este canto ó Señor.

2‑"Señor, miña rocha,

meu castro e meu refuxio;

3meu Deus, penedo onde me acollo,

meu escudo, meu salvador, meu tobo,

meu recanto, que me libras da violencia.

4Eu invoco o Señor, o adorable,

e dos meus inimigos serei salvo.

5Cando as ondas da morte me rodean

e as correntes do averno me atropelan;

6cando me cinguen as cordas do abismo

e os lazos da morte me sorprenden,

7no apuro invoco o Señor

e chamo polo meu Deus,

e El escoita a miña voz desde o seu santuario,

o meu clamor chega ós seus oídos.

8A terra conmóvese e treme,

os fundamentos do ceo estremecen,

tremen por mor da túa ira.

9Do seu nariz sobe o fume,

de todo el carbóns acesos.

10Abaixa os ceos e descende,

con mestas nubes debaixo dos seus pés.

11A cabalo dun querubín voa

subido nas ás do vento.

12Das tebras fai a súa tenda,

envolto en escuras augas e en néboa mesta.

13Co relampo da súa presenza

acéndense chispas de lume.

14O Señor trona desde o ceo,

o Altísimo fai resoar a súa voz.

15Dispara as súas frechas e dispérsaos,

cos seus lóstregos entoléceos.

16O leito do mar queda á vista,

os alicerces do mundo ó descuberto,

diante da ameaza do Señor,

polo bafo da súa ira.

17Desde o ceo alonga el a man para collerme,

para tirarme das augas caudalosas.

18Líbrame de inimigos poderosos,

de adversarios máis fortes ca min.

19O día da miña desgraza eles atácanme,

pero o Señor é o meu amparo,

20quen me saca a campo aberto

e me salva, porque me ama.

21O Señor retribúeme, segundo a miña rectitude

e conforme a pureza das miñas mans.

22Eu gardo, certamente, os camiños do Señor

e non son rebelde ó meu Deus.

23Teño as súas decisións sempre presentes

e non me arredo dos seus preceptos.

24Son sincero diante del

e gárdome do pecado.

25O Señor retribúeme segundo a miña rectitude

e conforme a miña pureza ós seus ollos.

26Co piadoso móstraste piadoso

e co enteiro es ti enteiro.

27Co puro móstraste puro

e co renarte es ti retorto.

28Ti salvas a xente humilde

e abaixas os soberbios.

29Ti es, Señor, a miña candea,

o Señor aluma as miñas tebras.

30Contigo podo correr tras dunha tropa,

co meu Deus podo atacar unha muralla.

31A conduta do Señor é perfecta,

a súa palabra, acrisolada,

un escudo para cantos a El se acollen.

32¿Que Deus hai, fóra do Señor?

¿Quen é unha rocha, fóra do noso Deus?

33El é o Deus que me cingue de forza,

o que fai dereito o meu camiño.

34El fai os meus pés coma os dos cervos

e mantenme en pé nos outeiros;

35El adestra para a loita as miñas mans,

os meus brazos para tensar arco de bronce.

36Ti préstasme o teu escudo salvador,

a túa bondade engrandéceme.

37Ti alongas os meus pasos

e non deixas tremer os meus nocellos.

38Perseguirei os meus inimigos, desbaratareinos,

non volverei, ata acabar con eles.

39Destruireinos, esmagareinos,

de xeito que non poidan refacerse,

caídos debaixo dos meus pés.

40Ti cínguesme de forza para o combate

e dobras debaixo de min os meus contrarios.

41Ti entrégasme os meus inimigos polas costas,

para que eu poida abater os que me abouxan.

42Piden eles axuda e ninguén os axuda,

chaman polo Señor, pero El non lles responde.

43Heinos moer, coma o po da terra,

pisareinos, coma bulleiro das rúas.

44Ti líbrasme do pobo en revolta

e posme á cabeza das nacións;

pobos que non coñecía préstanme homenaxe.

45Os estranxeiros agasállanme,

en véndome, xa me obedecen.

46Os estranxeiros embarúllanse

e saen tremendo das súas cidadelas.

47¡Viva o Señor, bendita a miña rocha!

Sexa exaltado Deus, o meu salvador,

48o Deus que vinga as miñas aldraxes,

o que somete pobos ó meu xugo.

49O que me libra dos meus inimigos,

érgueme por riba dos meus perseguidores

e sálvame do home violento.

50Por iso quero loarte, Señor, diante dos pobos,

quero cantarlle ó teu nome.

51El dá ó seu rei grandes vitorias

e mostra o seu amor polo seu unxido,

con David e coa súa liñaxe para sempre".

 

Derradeiras palabras de David

 

Capítulo 23

 

1Estas son as derradeiras palabras de David:

‑"Oráculo de David, fillo de Ixaí,

oráculo do home encomiado,

do unxido do Deus de Xacob,

do modulador das cántigas de Israel.

2O espírito do Señor fala por min,

a súa palabra está na miña lingua.

3O Deus de Israel faloume,

a rocha de Israel díxome:

O que goberna os homes con xustiza

o que goberna co temor de Deus,

4é coma a luz da mañá, ó nacer o sol,

coma a mañá limpa de néboa,

cando, despois da choiva, brilla o céspede na terra.

5¿Non é así coa miña casa, na presenza de Deus?

Xa que El fixo comigo un pacto eterno,

ben ordenado e gardado,

¿non me dará El a vitoria

e fará florecer as miñas arelas?

6Mais os perversos son coma cardos que se tiran

e que ninguén colle coa súa man.

7Cando alguén se lles achega,

vai armado de ferro ou pau de lanza

para botalos no lume e que se queimen".

 

Heroes de David

 

8Estes son os nomes dos heroes de David: Ixbaal o hacmonita, o primeiro dos tres, que brandiu a machada e matou oitocentos homes nun combate.

9Despois del, Elazar, fillo de Dodó o ahohita, un dos tres heroes que estaban con David, cando desafiaron ós filisteos que se reuniran alí para o combate. Cando os de Israel se retiraban, 10foi el e matou filisteos ata que a man se lle cansou e lle quedou o puño apegado a espada. Aquel día concedeulle o Señor unha gran vitoria a Israel. O exército volveu onda Elazar, só para coller os despoxos.

11Seguíalle Xamá, fillo de Agué, de Harar. Concentrándose os filisteos en Lehí, onde había un agro todo sementado de lentellas, o exército israelita fuxiu de diante deles. 12Entón chantouse Xamá no medio do agro, defendeuno e combateu ós filisteos. Foi unha grande vitoria que o Señor lle concedeu.

13O comezo da seitura, tres dos trinta baixaron onda David á cova de Adulam, ó tempo que un corpo de filisteos acampaba no val de Refaím. 14David atopábase, daquela, no refuxio, mentres unha unidade de filisteos estaba destacada en Belén.

15David sentiu sede e dixo: ‑"¡Quen me dera auga do pozo que hai onda a porta de Belén!" 16De contado os tres heroes irromperon no campamento filisteo, foron coller auga do pozo que hai onda a porta de Belén e leváronlla a David. David non a quixo beber, senón que a verteu en libación ó Señor. 17Dixo: ‑"¡Lonxe de min, Señor, facer tal cousa! É o sangue dos homes que expuxeron as súas vidas". E non quixo bebela. Iso foi obra dos tres heroes.

18Abixai, irmán de Ioab, fillo de Seruiah, era o xefe dos trinta. Brandindo a súa lanza contra trescentos homes, gañou un nome entre os trinta. 19Era o de máis sona entre os trinta, que o fixeron o seu xefe. Pero non se igualou ós tres.

20Benaías, fillo de Iehoiadá, de Cabseel, home valente, autor de grandes fazañas, foi quen matou a dous moabitas, fillos de Ariel, e quen un día de neve entrou na tobeira dun león e matouno alí. 21Foi tamén el quen matou a un exipcio moi forzudo e que tiña unha lanza na man. Benaías acercouse a el cun caxato, ripoulle a lanza da man e matouno con ela. 22Estas cousas fíxoas Benaías, fillo de Iehoiadá, que se labrou un nome entre os trinta campións. 23Distinguiuse entre os trinta, pero non se igualou ós tres. David fíxoo xefe da súa escolta.

24Asael, irmán de Ioab, era un dos trinta. Figuraban entre os trinta: Elhanán, fillo de Dodó, de Belén; 25Xamah, o de Harod; Elicá, o de Harod; 26Heles, o peleteo; Irá, fillo de Equex, de Tecoa; 27Abiézer, de Anatot; Sibecai, de Huxah; 28Salmón, o ahohita; Mahrai, de Netofah; 29Héleb, fillo de Baanah, de Netofah; Itai, fillo de Ribai, de Guibah de Benxamín; 30Benaías, de Piratón; Hidai, dos vales de Gaax; 31Abialbón, de Arabah; Azmávet, de Bahurim; 32Eliahbá, de Xaalbón; Iaxén, de Nun; 33Iehonatán, fillo de Xamah, de Harar; Ahiam, fillo de Xarar, de Arar; 34Elifélet, fillo de Ahasbai, de Bet Macah; Eliam, fillo de Ahitófel, de Guiló; 35Hesrai, de Carmel; Parai, de Arab; 36Igal, fillo de Natán, de Sobah; Baní, de Gad; 37Sélec, o amonita; Nahrai, de Beerot, escudeiro de Ioab, fillo de Seruiah; 38Irá, de Iatir; Gareb, de Iatir; 39Urías, o hitita. En total, trinta e sete.

 

O censo e a peste

 

Capítulo 24

 

1O Señor anoxouse outra vez con Israel e encirrou a David para o seu castigo, dicíndolle: ‑"Anda, fai un censo de Israel e de Xudá". 2O rei mandoulle a Ioab, xefe do exército que ía con el: ‑"Percorre todas as tribos de Israel, desde Dan a Beerxeba, e fai o censo da poboación, para saber canta xente teño". 3Ioab respondeulle ó rei: ‑"Multiplique o Señor, o teu Deus, por cen a túa xente e que os ollos do rei, meu señor, o poidan ver. Pero ¿para que quere o rei, meu señor, facer ese censo?"

4A palabra do rei prevaleceu sobre o parecer de Ioab e dos xenerais do exército e estes saíron de onda o rei para facer o censo da poboación de Israel. 5Atravesaron o Xordán e comezaron por Aroer, ó sur da cidade que está no medio da valgada, e dirixíronse a Gad e a Iazer. 6Chegaron a Galaad e ó país dos hititas en Cadex. Logo foron a Dan e de alí deron a volta cara a Sidón. 7Entraron despois na praza forte de Tiro e nas cidades dos hivitas e dos cananeos, e, por fin, baixaron ó sur de Xudá e a Beerxeba. 8Percorreron todo o país e, ó cabo de nove meses e vinte días, volveron a Xerusalén.

9Ioab entregoulle ó rei o resultado do censo. En Israel había oitocentos mil homes para cinguir a espada; en Xudá había cincocentos mil. 10A David batíaselle o corazón porque fixera o censo do pobo e díxolle ó Señor: ‑"Cometín un grave pecado co que fixen. Agora perdoa a iniquidade do teu servo, pois fixen unha loucura".

11Cando David se ergueu pola mañá, o profeta Gad, vidente de David, tivera palabra do Señor: 12‑"Vai e dille que así fala o Señor: propóñoche tres cousas: elixe unha delas, que a vou realizar".

13Gad presentouse onda David e anuncioulle: ‑"¿Prefires que veñan sobre o país sete anos de fame, ou ter que saír fuxindo por tres meses perseguido polos teus inimigos, ou que haxa tres días de peste na túa terra? Pensa e mira o que lle debo responder ó que me envía". 14David díxolle a Gad: ‑"Véxome nun gran apuro. Pero prefiro caer nas mans do Señor, que é grande e misericordioso, e non caer nas mans dos homes".

15Entón mandou o Señor unha peste sobre Israel desde aquela mañá ata o prazo fixado. Desde Dan a Beerxeba morreron setenta mil homes do pobo. 16Cando o anxo alongaba a man cara a Xerusalén, para destruíla, arrepentiuse o Señor do castigo e díxolle ó anxo exterminador: ‑"¡Abonda xa! ¡Detén a túa man!" O anxo do Señor atopábase entón onda a eira de Araunah o iebuseo.

17Vendo David como o anxo mataba a xente do pobo, díxolle ó Señor: ‑"Mira que son eu o que pecou; eu teño a culpa. Pero este rabaño ¿que culpa ten? Descarga a túa man sobre min e sobre a miña familia". 18Aquel mesmo día Gad foi onda David e díxolle: ‑"Vai e edifícalle ó Señor un altar na eira de Araunah o iebuseo". 19David fixo o que Gad lle dicía seguindo as ordes do Señor.

20Cando viu Araunah que o rei e os seus serventes camiñaban cara a el, saíu e saudounos, prostrándose polo chan. 21Araunah dixo: ‑"¿Como o rei, meu señor, vén onda o seu servo?" E David respondeulle: ‑"Veño mercarche a eira para edificar nela un altar ó Señor, para que a praga se afaste do pobo". 22Araunah díxolle a David: ‑"Tómaa, rei, meu señor, e ofrece nela o que queiras. Velaí os bois para o holocausto, e os trillos e xugos para leña".

23Araunah dáballe ó rei iso todo, agoirándolle: ‑"Que o Señor, o teu Deus, che sexa propicio". 24Pero o rei díxolle a Araunah: ‑"Non; mercareicho, pagándoche o seu prezo, pois non quero ofrecerlle ó Señor, o meu Deus, holocaustos que nada me custaron". E David mercoulle a eira e mais os bois por cincuenta siclos de prata. 25David edificoulle alí un altar ó Señor e ofreceu holocaustos e sacrificios pacíficos. O Señor compadeceuse do país e a praga afastouse de Israel.