Capítulos 26-31

David perdóalle outra vez a vida a Xaúl

 

Capítulo 26

 

1Os de Zif foron a Gueba, onda Xaúl, para dicirlle: ‑"¿Non sabes que David se acocha no outeiro de Haquilah, enfronte de Ieximón?" 2Xaúl baixou, ó momento, ó deserto de Zif con tres mil homes escolleitos de Israel para buscar alí a David. 3Xaúl acampou no outeiro de Haquilah enfronte de Ieximón á beira do camiño.

Cando David, que vivía no deserto, viu que Xaúl viña ó deserto detrás del, 4mandou espías que se informasen do sitio onde acampaba. 5Logo achegouse David mesmo ó campamento de Xaúl e viu o posto onde se deitaban Xaúl e mais Abner, fillo de Ner, xeneral do exército. Xaúl deitábase e durmía no cercado dos carros coa tropa ó redor del.

6Entón preguntoulle David a Ahimélec, o hitita, e a Abixai, fillo de Seruiah, irmán de Ioab: ‑"¿Quen quere baixar comigo ó campamento de Xaúl?" Abixai respondeulle: ‑"Baixo eu". 7David e Abixai chegaron de noite ó campamento e viron que Xaúl estaba deitado, durmindo, no cercado, coa lanza cravada no chan, á súa cabeceira. Abner e o exército estaban deitados ó redor.

8Abixai díxolle a David: ‑"Hoxe púxoche Deus o teu inimigo nas túas mans. Agora déixame que o crave dun golpe de lanza contra o chan. Non cumprirá repetilo". 9David respondeulle a Abixai: ‑"Non quero que o mates. ¿Quen poñería a man impunemente sobre o unxido do Señor?"

10E engadiu: ‑"Pola vida do Señor, que será el quen o fira, ou porque lle chegou a hora de morrer, ou porque acabe caendo na guerra. 11Deus me libre de pó-la miña man sobre o unxido do Señor. Agora colle a lanza, que está á súa cabeceira, e a xerra da auga e vámonos". 12David colleu a lanza e a xerra da auga de onda a cabeceira de Xaúl e fóronse sen que ninguén os vise, nin se decatase, nin espertase. Estaban todos durmidos, coma se un sono do Señor caese riba deles.

13David pasou para a outra banda e detívose no cume do monte deixando un longo treito entremedias. 14E berrou cara á tropa de Abner, fillo de Ner: ‑"¿Respondes ou non, Abner?" E Abner preguntou: ‑"¿Quen es ti que berras cara ó rei?" 15David díxolle a Abner: ‑"¿Seica non es ti un home? Mais ¿quen hai coma ti en Israel? ¿Por que non gardabas, logo, ó rei, o teu señor, cando un do pobo entrou para matalo? 16O que fixeches non está ben. Pola vida do Señor, que mereces a morte, por non protexer o voso señor, o unxido do Señor. Ora mira onde está a lanza do rei e a xerra da auga que tiña á cabeceira".

17Xaúl recoñeceu a voz de David e preguntoulle: ‑"David, meu fillo, ¿é esa a túa voz?" E el respondeulle: ‑"A mesma, rei, meu señor". 18E engadiu: ‑"¿Por que o meu señor persegue ó seu servo? ¿Que é o que fixen e que delito hai nas miñas mans?

19Que o rei meu señor queira escoitar agora a palabra do seu servo. Se é o Señor o que te incita contra min, que el agree o recendo dunha ofrenda; mais, se son os homes, malditos sexan diante do Señor, porque me están arredando da miña parte no herdo do Señor, dicíndome que vaia servir a outros deuses. 20Que o meu sangue non caia polo chan, lonxe da presenza do Señor. O rei de Israel saíu á caza dunha pulga, coma quen vai á caza da perdiz polas montañas".

21Xaúl dixo: ‑"Pequei. Volve, David, meu fillo. Non seguirei facéndoche mal, pois ti respectaches hoxe a miña vida. Comporteime coma un parvo. Estaba moi enganado". 22David respondeulle: ‑"Aquí está a lanza do rei. Que veña un dos teus homes recollela.

23Que o Señor lle teña en conta a cada un a súa xustiza e a súa lealdade. Hoxe púxote El nas miñas mans; pero eu non ousei erguelas contra o unxido do Señor. 24E como eu valorei hoxe a túa vida, que valore o Señor a miña e me libre de todos os apuros". 25Xaúl díxolle a David: ‑"Bendito sexas, David, meu fillo. En todo o que te propoñas, terás éxito". Despois diso, David seguiu o seu camiño e Xaúl volveuse ó seu lugar.

 

David cos filisteos

 

Capítulo 27

 

1David botou estas contas: ‑"Calquera día acabarei no poder de Xaúl. Non me queda outro remedio que escapar ó país dos filisteos. Entón deixará Xaúl de perseguirme por todo o territorio de Israel e quedarei a salvo da súa man".

2David pasouse cos seus seiscentos homes onda Aquix, fillo de Maoc, rei de Gat, 3e quedaron a vivir todos en Gat, terra de Aquix, cada un coa súa familia. David levaba as súas dúas mulleres, Ahinoam de Iezrael e Abigail, a que fora muller de Nabal de Carmel. 4Dixéronlle a Xaúl que David fuxira cara a Gat e deixou de perseguilo.

5David díxolle a Aquix: ‑"Se merezo o teu favor, que me concedan un lugar nunha poboación do campo e que me permitan vivir nela. ¿Por que ía vivir este teu servo ó teu lado na cidade real?" 6E naquel mesmo día Aquix cedeulle Siquelag. Por iso pertence Siquelag ós reis de Israel ata o día de hoxe. 7David residiu en terras filisteas un ano e catro meses.

8David saía cos seus homes e facía incursións no territorio dos guexuritas, dos guircitas e dos amalecitas, pobos que habitaban na bisbarra, que vai de Telam cara Xur ata a fronteira de Exipto. 9David arrasaba aquela terra sen deixar vivo nin home nin muller e pillaba ovellas e vacas, burros, camelos e roupas e logo volvía onda Aquix. 10Aquix preguntáballe: ‑"¿Onde saqueastes hoxe?" E David respondíalle: ‑"No Négueb de Xudá, no dos ierahmelitas ou no dos quenitas".

11David non traía vivos a Gat nin home nin muller, para que logo non puidesen dicir del: ‑"David fixo isto e aquilo". Ese foi o seu proceder, mentres estivo en terras filisteas. 12Aquix fiábase de David e pensaba del: ‑"Incomodouse co seu pobo de Israel e será para sempre o meu vasalo".

 

Capítulo 28

 

1Daquela reuniron os filisteos as súas tropas para facer a guerra a Israel e Aquix díxolle a David: ‑"Sabes que tes que vir comigo á guerra, ti e mais os teus homes". 2David respondeulle a Aquix: ‑"E ti saberás agora de que é capaz o teu servo". E Aquix díxolle: ‑"Daquela, poreite para sempre de garda da miña persoa".

 

Xaúl e a nigromante

 

3Entre tanto, Samuel morrera. Todo Israel chorara por el e enterrárano en Ramah, a súa cidade. Xaúl desterrara do país ós nigromantes e ós adiviños.

4Os filisteos reuníronse e acamparon en Xunem. Xaúl, pola súa parte, reuniu a todo Israel e acamparon en Guilboa. 5O ver Xaúl o campamento filisteo, tivo medo e tremíalle o corazón. 6Xaúl consultou o Señor, pero o Señor non lle respondeu nin por soños, nin polas sortes, nin por profetas.

7Entón ordenoulles Xaúl ós seus criados: ‑"Buscádeme unha muller que convoque os mortos para ir consultar por ela". Os seus servidores respondéronlle: ‑"Aquí cerca, en Endor, hai unha muller que convoca os mortos".

8Xaúl disfrazouse, vestindo roupas alleas, foi con dous dos seus homes e entrou de noite onda a muller. Xaúl ordenoulle: ‑"Adivíñame o porvir, chamando un morto. Fai subir a quen eu che diga". 9A muller respondeulle: ‑"Ti sabes seguramente o que fixo Xaúl, que desterrou deste país ós nigromantes e ós adiviños. ¿Por que me tendes agora unha trampa, para facéresme morrer?" 10Xaúl xuroulle polo Señor: ‑"Vive o Señor, que non che ha vir por isto mal ningún".

11A muller preguntoulle entón: ‑"¿A quen queres que chame?" El respondeulle: ‑"Convoca a Samuel." 12Cando a muller viu a Samuel, pegou un berro e díxolle a Xaúl: ‑"¿Por que me enganaches? Ti es Xaúl". 13O rei díxolle: ‑"Non teñas medo. ¿Que é o que ves?" A muller díxolle a Xaúl: ‑"Vexo un espírito que sobe da terra". 14El preguntoulle: ‑"¿Que aspecto ten?" Ela dixo: ‑"O dun home vello, envolto nun manto". Xaúl comprendeu que era Samuel e inclinouse, deitándose no chan.

15Samuel preguntoulle a Xaúl: ‑"¿Por que me amolas facéndome subir?" Xaúl respondeulle: ‑"Véxome en gran apuro. Os filisteos decláranme a guerra e Deus arredouse de min: non me responde nin por profetas nin por soños. Chameite a ti para que me digas o que hei facer". 16Samuel díxolle: ‑"¿E que me preguntas a min, se o Señor se arredou de ti e se fixo o teu inimigo? 17O Señor está cumprindo o que dixera por min. Arrinca o reino das túas mans, para darllo a outro, a David. 18Xa que ti non obedeciches as ordes do Señor e non fixeches sentir a Amalec o fogo da súa carraxe, por iso trátate o Señor hoxe deste xeito. 19O Señor entrega contigo tamén a Israel na man dos filisteos. Mañá ti e mais os teus fillos estaredes comigo, e o Señor entregará tamén nas mans dos filisteos o exército de Israel".

20De súpeto Xaúl caeu polo chan, tan longo como era, morto de medo polas palabras de Samuel. Amais estaba desfalecido, pois non comera nada en todo o día e en toda a noite.

21A muller acercouse a Xaúl e, ó velo tan amedrentado, díxolle: ‑"Ti ves que a túa serva obedeceu as túas ordes; por facer caso das túas palabras, arrisquei a miña vida. 22Agora obedece ti tamén á túa serva e déixame que che poña diante un anaco de pan, para que, comendo, recobres as forzas e poidas seguir o teu camiño".

23El refugouno dicindo: ‑"Non quero comer". Pero os seus servidores e mais a muller seguíronlle porfiando e el fíxolles caso. Erguéndose do chan, sentouse no escano. 24A muller tiña na casa un becerro cebado e foi axiña matalo. Logo colleu fariña e amasouna e coceu unhas fogazas. 25Serviulle de todo a Xaúl e ós seus servidores, que comeron. Despois, na mesma noite, botáronse ó camiño.

 

David excluído do exército filisteo

 

Capítulo 29

 

1Os filisteos concentraron toda a súa tropa en Afécah e Israel acampou onda a fonte de Iezrael. 2Os príncipes filisteos marchaban co seu exército dividido en centurias e en milleiros. David e os seus homes ían con Aquix na retagarda.

3Os xenerais dos filisteos preguntaron: ‑"¿Que fan aí eses hebreos?" Aquix respondeulles: ‑"Ese é David, vasalo de Xaúl, o rei de Israel. Leva comigo cousa dun ou dous anos e, desde o día en que se pasou onda min ata o presente, non atopei nada en contra del".

4Os príncipes dos filisteos dixéronlle a Aquix, anoxados: ‑"Despide a ese home; que volva ó lugar que lle sinalaches. Que non baixe connosco á guerra e, se cadra, no medio do combate, se nos converta en inimigo. ¿Con que se reconciliaría co seu amo mellor que coas cabezas dos nosos homes? 5¿Non é ese aquel David do que cantaban en corro:

Xaúl matou os seus mil,

pero David os seus dez mil?"

6Aquix chamou a David, para dicirlle: ‑"¡Pola vida do Señor! Ti es home de ben e gustaríame moito verte entrar e saír a canda min no campamento, pois, desde o día da túa chegada ata hoxe, non atopei maldade en ti. Pero os outros príncipes non te ven con bos ollos. 7Vólvete, logo, e vaite en paz, para non causarlles un desgusto ós príncipes dos filisteos".

8David díxolle a Aquix: ‑"¿Que é, logo, o que fixen e que atopaches no teu servo, desde o día que cheguei onda ti ata o presente, para que non poida ir ó combate contra os inimigos do rei, meu señor?" 9Aquix respondeulle a David: ‑"Sabes ben que, ós meus ollos, ti es bo coma un anxo de Deus. Pero os príncipes filisteos decidiron: non subirá connosco ó combate. 10E con iso, pola mañá, erguédevos cedo, ti e os servos do teu señor que viñeron contigo, e, ó clarexar do día, ídevos". 11David e os seus homes madrugaron e fóronse de mañá, de volta cara ó país dos filisteos. Os filisteos, pola súa parte, subiron a Iezrael.

 

Expedición de David contra os amalecitas

 

Capítulo 30

 

1Cando, ó cabo de tres días, chegaron a Siquelag David e os seus homes, os amalecitas invadiran o Négueb e Siquelag. A Siquelag arrasárano e prendéranlle lume. 2Levaran cativas as mulleres e todo o que había alí, pequeno ou grande. Non mataran a ninguén, pero collérano todo e emprenderan camiño de volta.

3Cando David e os seus homes entraron na cidade, viron que estaba queimada e que as súas mulleres e os seus fillos foran levados prisioneiros. 4David e a xente que ía con el botáronse a chorar, berrando ata acabárselles as forzas. 5Tamén foran cativas as dúas mulleres de David, Ahinoam de Iezrael e Abigail, a que fora muller de Nabal de Carmel.

6David viuse, daquela, en gran apuro, pois a xente, aflixida, cada un polos seus fillos e as súas fillas, falaban de apedralo. David atopou conforto no Señor, o seu Deus, 7e díxolle ó sacerdote Abiatar, fillo de Ahimélec: ‑"Tráeme aquí o efod". E Abiatar acercoullo. 8David consultou o Señor, preguntando: ‑"¿Perseguirei esa banda? ¿Atrapareina?" E o Señor respondeulle: ‑"Persígueos; atraparalos e rescatarás o que levaron".

9David foi cos seiscentos homes que o acompañaban e chegaron á fervenza de Besor, onde algúns deles quedaron. 10David seguiu a persecución con catrocentos homes. Douscentos deles quedaron, cansos de máis para atravesar a fervenza de Besor.

11No campo atoparon un exipcio e leváronllo a David. Déronlle pan e auga, para que comese e bebese, 12e tamén torta de figos e dous acios de uvas pasas. En comendo, reanimouse, pois levaba tres días e tres noites sen comer nin beber.

13Entón preguntoulle David: ‑"¿De quen es e de onde vés?" El respondeulle: ‑"Son un mozo exipcio, servo dun amalecita. O meu amo abandonoume, porque me puxen malo, hai tres días. 14Fixeramos unha incursión polo Négueb dos quereteos, o de Xudá e o de Caleb, e prenderámoslle lume a Siquelag".

15David preguntoulle aínda: ‑"¿Levaríasme onda esa banda?" El respondeulle: ‑"Se me xuras que non me matarás nin me porás nas mans do meu amo, levareite onde está a banda". 16Guiounos alá e atopáronos ciscados polo campo, comendo e bebendo e facendo festa, pola gran facenda que levaran da terra dos filisteos e do país de Xudá.

17David mallou neles da mañá á noite. Só se salvaron de entre todos coma catrocentos mozos, que escaparon montados en camelos. 18David rescatou todo o que os amalecitas levaran e salvou as súas dúas mulleres. 19Non botaron en falta a ninguén, nin pequeno nin grande, nin fillo nin filla, nin nada dos espolios de todo o que roubaran. David recobrouno todo.

20A xente colleu dos rabaños e dos bois e presentoullo a David dicindo: ‑"Está é a parte de David". 21Despois volveu David onda os douscentos homes que, por cansos, non puideran seguilo e quedaran onda a fervenza de Besor. Eles saíran ó encontro de David e da xente que fora con el. David acercouse e saudounos.

22Algúns malvados de entre os homes que foran con David, dicían: ‑"Xa que non foron canda nós, que non se lles dea nada dos espolios que rescatamos, fóra da muller e dos fillos. Que os collan e que se vaian".

23Mais David dixo: ‑"Non fagades iso, irmáns, visto o que o Señor fixo por nós, gardándonos e póndonos nas mans esa banda que viña contra nós. 24¿Quen podería estar de acordo con esa vosa proposta? Porque a parte dos que descenden ó combate é a mesma cá dos que gardan a bagaxe. Todos terán a mesma parte". 25Desde aquel día en adiante, e ata hoxe, iso quedou coma lei e norma en Israel.

26Chegado de volta a Siquelag, David mandoulles parte do botín ós anciáns de Xudá e ós seus amigos, dicindo: ‑"Aí tedes un agasallo, do botín dos inimigos do Señor". 27Mandóullelo ós de Betuel, ós de Ramot do Négueb e ós de Iatir, 28ós de Aroer, ós de Sifemot e ós de Extemoa, 29ós de Carmel, ós das cidades dos ierahmelitas e ós das dos quenitas, 30ós de Hormah, ós de Boraxán e ós de Atac, 31ós de Hebrón e ós de todos os lugares que David percorrera cos seus homes.

 

Morte de Xaúl e de Ionatán

 

Capítulo 31

 

1Os filisteos abriron o combate en contra de Israel. Os soldados de Israel retrocederon diante dos filisteos e moitos caeron nos montes de Guilboa. 2Os filisteos seguiron de preto a Xaúl e a seus fillos e feriron de morte a Ionatán, a Abinadab e a Melquixúa, fillos de Xaúl.

3O peso do combate caeu sobre Xaúl. O daren con el os arqueiros, ferírono gravemente. 4Xaúl díxolle entón ó escudeiro: ‑"Saca a túa espada e atravésame con ela, primeiro de que cheguen eses incircuncisos, me atravesen eles e fagan escarnio de min". Pero o escudeiro non quixo atravesalo, pois estaba morto de medo. Entón colleu Xaúl a súa espada e deixouse caer por riba dela.

5En vendo o escudeiro que morrera Xaúl, botouse el tamén sobre a súa espada e morreu con el.  6Morreron no mesmo día Xaúl e os seus tres fillos, o seu escudeiro e moitos dos seus homes.

7Cando os israelitas que vivían do outro lado do val e en Transxordania, viron que os soldados de Israel fuxían e que morreran Xaúl e seus fillos, abandonaron as súas cidades e escaparon. E os filisteos establecéronse alí.

8O día seguinte foron os filisteos espoliar os cadáveres e atoparon a Xaúl e a seus tres fillos mortos no monte Guilboa. 9Tronzáronlle a cabeza, quitáronlle as súas armas e mandáronas por todo o país dos filisteos, levando a boa nova ós seus ídolos e ó seu pobo. 10As súas armas puxéronas no templo de Axtarté e o cadáver pendurárono nos muros de Bet-Xeán.

11Cando souberon todo iso e o que os filisteos fixeran con Xaúl, os veciños de Iabex de Galaad 12erguéronse, todos os valentes de entre eles, camiñaron a noite toda e tiraron dos muros de Bet-Xeán o cadáver de Xaúl e os de seus fillos. Leváronos a Iabex e alí queimáronos. 13Despois recolleron os seus ósos, enterráronos debaixo do tamarisco de Iabex e xaxuaron sete días.