Capítulos 1-5

LIBRO PRIMEIRO DE SAMUEL

 

I. SAMUEL EN XILOH (1 Sam 1-6). ELÍ E SAMUEL (1-3)

 

Un neno pedido e concedido

 

Capítulo 1

 

1Había un home de Ramataim, un sufita da montaña de Efraím, que se chamaba Elcanah, fillo de Ieroham, fillo de Elihú, fillo de Tohu, fillo de Suf, efrateo. 2Tiña dúas mulleres, unha chamada Ana e a outra Peninah. Peninah tivera fillos, mais Ana non tiña ningún.

3O home adoitaba subir, ano tras ano, desde a súa cidade, para adorar o Señor dos exércitos e ofrecerlle un sacrificio en Xiloh, onde estaban de sacerdotes do Señor os dous fillos de Elí, Hofní e Pinhás.

4Chegado o momento da oferta do sacrificio, Elcanah dáballe a Peninah  as correspondentes racións, para ela e para cada un dos seus fillos e das súas fillas; 5pero a Ana dáballe só unha ración, pois, por máis que a quería, o Señor fixéraa estéril.

6Peninah asañábase con Ana e facíaa padecer, porque o Señor a fixera estéril. 7E iso pasaba ano tras ano. Cada vez que subían ó santuario do Señor, Peninah asañábase con ela, e ela choraba e non comía.

8Unha vez preguntoulle Elcanah, o seu home: ‑"¿Por que choras, Ana, e non comes? ¿Por que estás aflixida? ¿Seica non vallo eu para ti máis ca dez fillos?" 9Pero Ana, despois de comeren e beberen, alí en Xiloh, ergueuse e, mentres o sacerdote Elí estaba sentado na cadeira, á entrada do santuario do Señor, 10ela, coa alma chea de tristura, rezáballe ó Señor, chorando a todo chorar.

11Daquela fixo este voto: ‑"Señor dos exércitos,  se te fixas no acoramento da túa serva e lle dás un filliño, eu cedereillo ó Señor por todos os días da súa vida, e a navalla non tocará na súa cabeza".

12Mentres ela abundaba nos seus rezos, diante do Señor, Elí observaba a súa boca. 13Como Ana falaba para si, movendo os beizos, pero sen que se oíse a súa voz, Elí pensou que estaba bébeda. 14E faloulle: ‑"¿Canto che vai durar a borracheira? Bota fóra ese viño".

15Pero Ana respondeulle: ‑"Non é iso, señor. Eu son unha muller que está aflixida. Non bebín viño nin cervexa. Estábame desafogando diante do Señor. 16Non tomes a túa serva por unha desvergoñada. Se falaba con xeito, era pola moita dor e polas coitas".

17Entón díxolle Elí: ‑"Vaite en paz, e que o Deus de Israel che conceda o que lle pediches". 18E ela respondeulle: ‑"Que a túa serva poida contar coa túa aprobación". A muller marchou e comeu, e non parecía xa a mesma.

19Pola mañá erguéronse cedo e foron prostrarse diante do Señor. Despois puxéronse de volta e chegaron a Ramah, á súa casa. Elcanah achegouse a Ana, súa muller, e o Señor acordouse dela. 20Ana embarazou e logo pariu un fillo, a quen lle puxo o nome de Samuel, porque llo pedira ó Señor.

A volta dun ano, 21o seu home Elcanah subiu con toda a familia ofrecer o sacrificio anual e cumprir a promesa. 22Pero Ana non subiu, aclarándolle ó seu home: ‑"Deixa que destete o neno. Entón levareino, presentareillo ó Señor, e que quede alí para sempre".

23O seu home Elcanah respondeulle: ‑"Fai como che pareza ben. Agarda, pois, a destetalo. E que o Señor apoie a túa promesa".

Ana quedou na súa casa, criando o seu fillo, ata que o destetou. 24Chegado ese momento, Ana subiu con el a Xiloh, ó santuario do Señor, levando consigo un becerro de tres anos, unha fanega de fariña e un pelexo de viño.

25Sacrificado o becerro, Ana presentoulle o neno a Elí, dicindo: 26‑"Co teu permiso, señor. Pola túa vida, eu son aquela muller que estivo aquí, diante de ti, rezándolle ó Señor. 27Pedíalle este neno e o Señor concedeume o favor que lle pedía. 28Agora son eu quen llo cedo ó Señor para mentres viva. Será un cedido ó Señor". Despois diso adoraron o Señor.

 

Canto de Ana

 

Capítulo 2

 

1Ana dixo daquela esta oración:

‑"O meu corazón alégrase no Señor,

érgome forte no meu Deus;

a miña boca rise dos meus inimigos,

porque celebro a túa salvación.

2¡Non hai santo coma o Señor!

¡Non hai rocha coma o noso Deus!

3Non botedes discursos altivos,

non saia arrogancia da vosa boca.

O Señor é un Deus ben sabedor,

el é quen pesa as accións.

4Os arcos dos fortes sofren quebra,

os febles énchense de valor;

5os fartos contrátanse polo pan,

mentres que os famentos descansan;

a que antes era estéril,

dá á luz sete veces;

a que antes se enchía de fillos,

agora vese baldeira.

6O Señor dá a morte e a vida,

afunde no abismo e saca de alí.

7O Señor enriquece e desposúe,

humilla e tamén engrandece.

8El ergue da lama ó humilde

e tira ó pobre da esterqueira,

para o sentar entre os príncipes

coma herdeiro dun trono de gloria;

pois do Señor son os alicerces da terra

e sobre eles asentou o universo.

9El garda os pasos dos seus amigos

e afunde ós malvados nas tebras,

que non é pola forza

como o home se impón.

10 O Señor desbarata a quen se lle opón,

o Altísimo trona desde o ceo.

O Señor xulga os confíns da terra,

enche de vigor ó seu rei,

afirma no poder ó seu unxido".

11Elcanah retornou para a súa casa de Ramah, e o neno quedou ó servizo do Señor, ás ordes do sacerdote Elí.

 

Samuel e os sacerdotes elidas

 

12Os fillos de Elí eran xente de pouco valer. Non respectaban o Señor 13nin a súa obriga de sacerdotes do seu pobo. Cando alguén ofrecía un sacrificio, mentres a carne se cocía, viña o criado do sacerdote, co garfo de tres dentes na súa man, 14espetábao no caldeiro, na cazola, no pote ou tarteira, e todo o que a forca sacaba, leváballo ó sacerdote. Iso era o que facían con todos os israelitas que chegaban a Xiloh.

15Aínda co lardo sen queimar, viña o criado do sacerdote e dicíalle a quen ofrecía o sacrificio: ‑"Dáme a carne para o asado do sacerdote. El non che admitirá carne cocida, senón crúa". 16Se o home lle dicía: ‑"Hai que queimar primeiro o lardo; despois colle o que se che antolle"; el respondíalle: ‑"Non, dáma agora; se non, collereina pola forza". 17O pecado daqueles criados era grave ós ollos do Señor, porque a xente aborrecía as ofrendas do Señor.

18O pequeno Samuel, pola súa parte, estaba ó servizo do Señor, cinguido cunha faixa de liño. 19A súa nai facíalle todos os anos unha túnica e leváballa, cando subía co seu home ofrecer o sacrificio anual.

20Elí bendicía a Elcanah e á súa muller, e agoiráballes: ‑"Que o Señor che conceda descendencia por esta túa muller, en pagas da que ela lle cedeu ó Señor". Despois volvían para a súa casa. 21O Señor visitou a Ana, que concibiu e pariu tres fillos e dúas fillas. O neno Samuel, namentres, medraba na presenza do Señor.

22Sendo Elí xa moi vello, oía o que facían os seus fillos coa xente de Israel e como se deitaban coas mulleres que prestaban servizo á entrada da Tenda do Encontro. 23E dicíalles: ‑"¿Como é que facedes esas cousas? A xente toda fálame  do voso mal comportamento. 24Non, fillos; non está ben o que me contan, pois dese xeito afastades o pobo do Señor. 25Se un home ofende a outro home, Deus xulgará entre os dous; pero se ofende ó Señor, ¿quen avogará por el?" Mais eles non lle facían caso a seu pai, porque o Señor decidira que morresen. 26Pola súa parte, o neno Samuel seguía medrando, querido polo Señor e polos homes.

 

Un profeta anuncia a fin do sacerdocio de Xiloh

 

27Un home de Deus chegou onda Elí para anunciarlle: ‑"Isto di o Señor: ¿Non me revelei eu á familia do teu pai, cando estaban aínda en Exipto, escravos do faraón? 28¿Non o escollín a el, de todas as tribos de Israel, para que fose o meu sacerdote, subise ó meu altar, queimase o meu incenso e levase o efod diante de min? A familia de teu pai concedinlle unha parte nas oblacións dos israelitas.

29¿Por que, logo, pisades o sacrificio e a oblación que eu mandei facer na miña morada? ¿Por que aprecias os teus fillos máis ca a min, deixándoos que se ceben co mellor das ofrendas do meu pobo Israel?

30Por iso, isto di o Señor, Deus de Israel: Eu tíñalles dito á túa familia e á familia do teu pai que servirían no meu santuario para sempre; mais agora, palabra do Señor, que non será. Pois eu honro ós que me honran, pero os que me desprezan veranse desprezados.

31Está vindo o día no que eu tronzarei o teu brazo e o brazo da familia de teu pai: Ninguén na túa familia chegará á vellez. 32Ti verás con envexa o ben que eu lle farei a Israel; pero na túa familia non haberá nunca un vello.

33Non arrincarei todos os teus de onda o meu altar, mentres non se ensuman os teus ollos e o teu espírito esmoreza; pero os máis da túa familia morrerán pola man dos homes. 34Sírvache de sinal o que lles vai vir ós teus dous fillos, Hofní e Pinhás: morrerán os dous no mesmo día.

35Eu escollerei un sacerdote fiel, que faga o que eu quero e desexo. Dareille unha familia duradeira e camiñará sempre en conformidade co meu unxido. 36Os que sobrevivan da túa familia iranse postrar diante del, por unha moeda de prata e un anaco de pan, e pediranlle: emprégame en calquera función sacerdotal, para ter algo que comer".

 

Vocación de Samuel

 

Capítulo 3

 

1O neno Samuel estaba ó servizo do Señor, ás ordes de Elí. A palabra do Señor era escasa, daquela, e non abundaban as visións.

2Un día estaba Elí sentado no sitio de costume. Os seus ollos debilitáranse e non podía case ver. 3Non se apagara aínda a lámpada de Deus e Samuel xacía deitado no santuario do Señor, onde estaba a arca de Deus.

4O Señor chamou por Samuel e este respondeulle: ‑"Aquí estou". E, coa mesma, foi correndo onda Elí e díxolle: ‑"Aquí veño, pois chamáchesme". 5Elí díxolle: ‑"Eu non te chamei. Volve deitarte". E Samuel  foise deitar.

6O Señor chamou de segundas por Samuel. Samuel ergueuse e foi onda Elí, dicindo: ‑"Aquí estou, pois chamáchesme". ‑"Eu non te chamei, meu fillo", dixo el. ‑"Volve deitarte". 7Samuel non coñecía aínda o Señor, pois a palabra do Señor non se lle revelara aínda.

8O Señor chamou por terceira vez a Samuel, quen se ergueu e foi axiña onda Elí: ‑"Aquí  estou, pois chamáchesme". Entón decatouse Elí de que era o Señor quen chamaba ó rapaz. 9Elí díxolle a Samuel: ‑"Vaite deitar, e se te chama, dirás: Fala, Señor, que o teu servo escoita". Samuel marchou e deitouse no seu sitio.

10O Señor presentouse, chamando, coma as outras veces: ‑"¡Samuel, Samuel!" E Samuel dixo: ‑"Fala: o teu servo escóitate". 11E o Señor díxolle a Samuel: ‑"Mira, estou por facer en Israel unha cousa, que abouxará os oídos dos que a oian. 12Ese día cumprirei en Elí, do comezo á fin, o que lle teño dito en contra da súa familia. 13Anuncieille que condenaba a súa familia para sempre, polo pecado de que, sabendo que os seus fillos maldicían a Deus, el non lles  rifaba. 14Por iso lle teño xurado á familia de Elí que o seu pecado non se expiará endexamais, nin con sacrificios nin con ofrendas".

15Samuel seguiu deitado ata a mañá, cando tiña que abrir as portas da casa do Señor. Samuel tiña medo de contarlle a Elí a súa visión. 16Pero Elí chamou por el: ‑"Samuel, meu fillo". E el respondeulle: ‑"Aquí estou". 17E el preguntoulle: ‑"¿Que foi o que che dixo? Non mo ocultes. Que Deus te castigue, se me encobres algunha cousa de todo o que che dixo". 18Samuel contoulle todo, sen ocultarlle cousa ningunha. Elí dixo entón: ‑"É o Señor. Que el faga o que lle pareza".

19Samuel ía crecendo; o Señor estaba con el e non deixou sen cumprimento ningunha palabra súa. 20Desde Dan a Beerxeba, todo Israel sabía que Samuel era un verdadeiro profeta do Señor.

21O Señor seguiu revelándose en Xiloh, pois era alí onde se revelaba pola súa palabra a Samuel.

 

 

A ARCA E OS SEUS VAIVÉNS (4-6)

 

Vitoria dos filisteos

 

Capítulo 4

 

1A palabra de Samuel chegaba a todo Israel. Os israelitas saíron á guerra en contra dos filisteos. Acamparon en Eben-ha-Ézer e os filisteos en Afec.

2Os filisteos puxéronse en orde de combate cara ós israelitas. Desatada a batalla, os israelitas sufriron unha grave desfeita, diante dos filisteos, que lles mataron no campo, dentro das súas ringleiras, case catro mil homes.

3Cando a tropa volveu ó campamento, os anciáns de Israel preguntábanse: ‑"¿Por que nos deixou hoxe o Señor sufrir esta desfeita ante os filisteos? Levemos connosco de Xiloh a arca da alianza do Señor. Se vén El connosco, libraranos da man dos nosos inimigos". 4Mandaron, pois, xente a Xiloh, para que trouxesen de alí a arca da alianza do Señor dos exércitos, que ten o trono enriba dos querubíns. Coa arca da alianza de Deus ían os dous fillos de Elí, Hofní e Pinhás.

5Cando a  arca da alianza do Señor chegou ó campamento, Israel botou un berro de guerra tan grande que a terra tremeu. 6Os filisteos que o oíron, preguntaban: ‑"¿Que é ese gran berro de guerra, no campamento dos hebreos?" Souberon que chegara ó campamento a arca do Señor 7e, mortos de medo, dicían: ‑"¡Entraron os deuses no campamento! ¡Pobres de nós! Cousa coma ela aínda non acontecera. 8¡Pobres de nós! ¿Quen nos librará agora da man de deuses tan podentes? Eles son os que feriron ós exipcios con tantas pragas e pestes. 9¡Coraxe, filisteos! Sede homes, para non convertervos en escravos dos hebreos, como eles o foron nosos. ¡Sede homes e loitade!"

10Os filisteos botáronse ó combate e venceron ós israelitas, que fuxiron, cada un para á súa tenda. Foi unha grave desfeita. Da infantería de Israel caeron trinta mil homes. 11A arca de Deus foi capturada e morreron os dous fillos de Elí, Hofní e Pinhás.

12Un home benxaminita saíu correndo do campo da batalla e chegou no día a Xiloh, coas vestiduras rachadas e a cabeza cuberta de po. 13Entrou onda Elí e atopouno sentado na cadeira, onda a porta, enxergando a carreira, pois tremíalle o corazón pola arca de Deus.

O home entrara coa súa noticia na cidade e a xente toda berraba. 14Cando Elí oíu aqueles berros, preguntou: ‑"¿Que barullo é ese?" O tempo, o home entraba correndo onda Elí para darlle a noticia. 15Elí cumprira noventa e oito anos; tiña os ollos ríxidos e xa non podía ver.

16O home díxolle: ‑"Eu son o que chegou hoxe do campo da batalla". E el preguntoulle: ‑"¿Que pasou, meu fillo?" 17O mensaxeiro respondeulle: ‑"Os israelitas fuxiron diante dos filisteos e o exército sufriu a meirande desfeita. Morreron os teus dous fillos, Hofní e Pinhás, e a arca de Deus foi capturada".

18En dicindo o home a arca de Deus, Elí caeu da cadeira cara atrás, ó pé da porta, descrocouse e morreu. Era vello e estaba torpe. Fora xuíz de Israel corenta anos.

19A súa nora, a muller de Pinhás, estaba embarazada, preto da hora de parir. En oíndo a noticia de que a arca de Deus fora capturada e de que morreran o seu sogro e o seu home, sentiu as dores do parto, engruñouse e pariu.

20Estando á morte, as mulleres que a asistían, dicíanlle: ‑"Non teñas medo. Pariches un fillo". Pero ela non respondeu, nin tan sequera se decatou. 21O neno puxéronlle o nome de Icabod, querendo dicir: ‑"Foi desterrada a gloria de Israel, pola captura da arca de Deus e pola morte do sogro e do home". 22E repetían: ‑"Foi desterrada a gloria de Israel ó capturaren a arca de Deus".

 

A arca en terra inimiga

 

Capítulo 5

 

1Os filisteos capturaron a arca de Deus e levárona de Eben-ha-Ézer a Axdod. 2Alí collérona, introducírona no santuario de Dagón e puxérona ó seu lado. 3O outro día, ó erguérense as xentes de Axdod, atoparon a Dagón de fociños no chan diante da arca do Señor. Eles collérono e volvérono ó seu sitio. 4O seguinte día erguéronse cedo e atoparon a Dagón outra vez de fociños no chan diante da arca do Señor. A cabeza e as mans de Dagón xacían tronzadas onda o limiar e quedáballe só o tronco. 5Por iso aínda agora os sacerdotes de Dagón e calquera que entre no seu santuario, non pisan no seu limiar.

6A man do Señor pesou moi dura sobre as xentes de Axdod. Estarreceu con furunchos a cidade e os seus arredores. 7A vista do que pasaba, as xentes de Axdod decidiron: ‑"Que non quede onda nós a arca do Deus de Israel, pois a súa man endureceuse contra nós e contra Dagón, o noso deus". 8Entón convocaron a todos os seus  príncipes  e consultáronlles: ‑"¿Que  habemos facer coa arca de Deus de Israel?"  E eles responderon: ‑"Que a leven a Gat". E trasladárona alí.

9Pero, en canto chegou alí a arca, a man do Señor pesou sobre a cidade. Houbo un gran estremecemento, pois o Señor feriu cunha praga de furunchos a toda a poboación, ós pequenos e ós grandes. 10Entón mandaron a arca de Deus cara a Ecrón. En canto a arca chegou alí, os ecronitas queixábanse dicindo: ‑"Trouxeron onda nós a arca do Deus de Israel. Será a nosa morte e a das nosas familias".

11Entón convocaron de segundas a todos os seus príncipes e dixéronlles: ‑"Levade a arca do Deus de Israel, que volva ó seu sitio, non nos mate a nós e á nosa xente". Había un medo de morte na cidade, pois pesara alí moi dura a man de Deus. 12A xente que non morría, era ferida de furunchos. O brado da cidade subía cara ó ceo.