CAPÍTULO 21

 

A viaxe a Xerusalén

 

1Despois de nos separarmos deles, embarcamos e fomos dereitos cara a Cos; ó día seguinte, a Rodas; e de alí, a Pátara. 2Encontramos un barco que ía facer a travesía a Fenicia, embarcamos nel e seguimos a viaxe. 3Chegando a dexergar Chipre, que deixamos á esquerda, navegamos para Siria e chegamos a Tiro, pois alí tiña que descargar o barco.

4Atopamos os discípulos e paramos alí sete días. Eles, movidos polo Espírito, dicíanlle a Paulo que non subise a Xerusalén. 5Pasados aqueles días, partimos. Todos, xunto coas mulleres e mais os fillos, nos acompañaron ata as aforas da cidade e, postos de xeonllos na praia, rezamos. 6Despois de nos despedirmos uns dos outros, nosoutros embarcamos e eles volveron para as súas casas.

7Nós, rematando a travesía, fomos de Tiro a Tolemaida, saudamos os irmáns e quedamos un día con eles. 8Marchamos para o outro día. Chegamos a Cesarea e, entrando na casa do evanxelista Filipe, un dos Sete, paramos onda el. 9Filipe tiña catro fillas virxes, que falaban inspiradas.

10Botamos alí bastantes días e baixou de Xudea un profeta, chamado Agabo, 11que nos veu ver e, tomando o cinto de Paulo, atouse de pés e mans, dicindo:

‑Isto di o Espírito Santo: así atarán os xudeus en Xerusalén ó dono deste cinto e entregarano nas mans dos pagáns.

12O sentirmos isto, nós e os do lugar insistiámoslle a Paulo que non subise a Xerusalén. 13Daquela respondeu Paulo:

‑¿A que vén tanto pranto? ¿Seica me queredes desmoralizar? Eu estou disposto non só a deixarme atar, senón tamén a morrer en Xerusalén polo nome do Señor Xesús.

14E, como non se deixaba convencer, desistimos, dicindo: "que se faga a vontade do Señor".

 

 

PAULO PRESO EN XERUSALÉN

 

15Pasados aqueles días e feitos os preparativos, subimos a Xerusalén. 16Viñeron connosco algúns discípulos de Cesarea, e leváronnos a pousar á casa dun certo Nasón, chipriota, discípulo desde o comezo. 17Chegados a Xerusalén, os irmáns recibíronnos con alegría.

 

Visita a Santiago

 

18Para o outro día, foi Paulo connosco cabo de Santiago, e estaban presentes todos os responsables. 19Logo de os saudar, contoulles unha por unha as cousas que Deus fixera entre os pagáns polo seu ministerio. 20O sentilo, glorificaron a Deus pero dixéronlle.

‑Xa ves, irmán, os milleiros de xudeus que abrazaron a fe; e todos son celosos defensores da Lei; 21pero de ti sentiron dicir que ensinas a todos os xudeus que están entre os pagáns a se apartaren de Moisés, dicindo que non circunciden os seus fillos nin sigan as tradicións. 22¿Que imos facer agora? Todos saberán que chegaches. 23Fai logo o que che dicimos: hai aquí catro homes que están ofrecidos: 24lévaos canda ti, purifícate con eles e paga por eles para que rapen a cabeza e que todos saiban que non hai nada do que se di, senón que ti mesmo es un practicante da Lei. 25No que toca ós pagáns que abrazaron a fe, mandámoslles por escrito a nosa decisión: que se garden das carnes sacrificadas ós ídolos, do sangue, das carnes sen desangrar e das unións deshonestas.

26Entón Paulo, para o outro día, levou consigo aqueles catro homes, purificouse xunto con eles e entrou no templo para avisar cando acababan os días da purificación e tocaba presentar a ofrenda por cada un deles.

 

Motín contra Paulo e detención

 

27Cando estaban para se cumprir os sete días, os xudeus da Asia, que o viran no templo, encirraron a todo o persoal e botáronlle as mans, 28berrando:

‑¡Israelitas, axudádenos! Este é o home que por todos os sitios anda ensinando a todos en contra do pobo, da Lei e deste lugar; e para máis meteu uns gregos no templo, profanando este lugar santo.

29(Vírano antes pola cidade co efesio Trófimo e coidaban que Paulo o metera no templo). 30O boureo correuse por toda a cidade, e apareceu xente por todas as partes. Agarraron a Paulo, arrastrárono fóra do templo e pecharon as portas.

31Estaban para o mataren, cando lle chegou a noticia ó xefe da guarnición militar de que toda Xerusalén estaba en revolta. 32De contado colleu soldados e oficiais e baixou correndo cara a eles. Estes, ó velos, deixaron de mallar en Paulo.

33Cando chegou, o tribuno colleuno, mandouno prender con dúas cadeas e preguntoulles quen era e o que fixera. 34Pero de entre a xente cada un berraba súa cousa. Non podendo saber nada seguro, debido ó balbordo, mandouno levar para o cuartel. 35O chegaren ás escadas, era tal a violencia da xente, que o tiveron que levar en peso os soldados, 36pois a xente seguía a berrar: "¡que morra!".

37Cando o ían meter no cuartel, díxolle Paulo ó tribuno:

‑¿Podo falarche unhas palabras?

El preguntoulle:

‑¿Sabes grego? 38Entón ¿ti non es o exipcio que hai pouco sublevou e levou ó deserto catro mil guerrilleiros?

39Respondeulle Paulo:

‑Eu son un xudeu de Tarso, cidadán dunha coñecida cidade de Cilicia. Rógoche que me permitas falarlle á xente.

40Deulle permiso, e Paulo, de pé nas escadas, acenou coa man pedíndolle silencio á xente. Fíxose un gran silencio e díxolles isto en lingua hebrea.

 

 

 

CAPÍTULO 22

 

Discurso de Paulo ós xudeus de Xerusalén

 

1‑Irmáns e pais, escoitade agora a miña defensa diante de vós. 2(O sentilo falarlles en hebreo, aínda gardaron máis silencio).

Paulo continuou:

3‑Eu son xudeu, nado en Tarso da Cilicia, pero criado nesta cidade, instruído ós pés de Gamaliel en todo o rigor da Lei dos nosos pais, acérrimo defensor de Deus, coma vós agora.

4Eu perseguín á morte este Camiño, prendendo e metendo na cadea a homes e mulleres, 5tal como o poden atestar o Sumo Sacerdote e todo o Senado. De parte deles recibín cartas para os irmáns de Damasco e púxenme en camiño para traer presos a Xerusalén ós de alí, para castigalos.

6Pero sucedeu que cando ía de camiño, cerca de Damasco e polo mediodía, unha gran luz do ceo lostregou arredor de min. 7Caín ó chan e sentín unha voz que me dicía: "Xaúl, Xaúl, ¿por que me persegues?". 8Eu respondín: "¿Quen es, Señor?". E díxome: "Eu son Xesús de Nazaret, a quen ti persegues". 9Os que ían comigo tamén viron a luz, pero non sentiron a voz do que me falaba.

10Entón dixen: "¿Que debo facer, Señor?" E o Señor díxome: "Érguete, vai a Damasco e alí diráseche todo o que se che pide que fagas". 11E como non vía cousa por culpa da fogaxe daquela luz, cheguei a Damasco pola man dos meus compañeiros.

12Entón un tal Ananías, home devoto conforme a Lei, apreciado por todos os xudeus de alí, 13veume ver e, ó chegar onda min, díxome: "Saulo, irmán, recobra a vista" e naquel mesmo intre puiden velo. 14E díxome: "O Deus dos nosos pais destinoute para que coñeceses a súa vontade, para veres o Xusto e sentires a voz da súa boca; 15porque lle has ser testemuña diante de todos os homes do que viches e sentiches. 16E agora ¿a que agardar? Érguete, recibe o bautismo e lávate dos teus pecados, invocando o seu nome".

17Xa de volta a Xerusalén, aconteceume que un día, rezando no Templo, tiven unha éxtase, 18e vino a El, que me dicía: "Sae axiña de Xerusalén, porque non recibirán o teu testemuño acerca de min". 19Eu dixen: "Señor, eles ben saben que eu andaba polas sinagogas a prender e azoutar nos que crían en Ti, 20e que cando foi derramado o sangue de Estevo, a túa testemuña, eu tamén estaba alí, dándoo por ben feito e gardando os mantos dos que o mataban". 21Pero el contestoume: "Vai, que te hei de mandar lonxe, ós pagáns".

 

Paulo no cuartel romano

 

22Fórono escoitando ata chegar a estas palabras; pero entón deron en berrar:

‑¡Quita da terra a ese, que non merece vivir!

23E como berraban, abaneaban os mantos e botaban po ó aire, 24o tribuno mandou que metesen a Paulo no cuartel e ordenou que o interrogasen a lategazos para dar sabido por que berraban así contra el. 25Cando xa estaba ben atado polas correas, díxolle Paulo ó centurión que estaba alí:

‑E vós, ¿podedes azoutar a un cidadán romano que non foi condenado?

26O sentir isto, o centurión foille avisar ó tribuno:

‑¿Que vas facer? Ese home, disque é romano.

27Foi entón o tribuno e díxolle:

‑Dime unha cousa: ¿es romano ti?

El respondeulle:

‑Son.

28Engadiu o tribuno:

‑A min esa cidadanía custoume moitos cartos.

Paulo replicoulle:

‑Pois eu nacín con ela.

29En seguida marcharon os que o ían interrogar e o tribuno, ó saber que era romano, colleu medo porque o tivera encadeado.

 

Paulo comparece diante das autoridades xudías

 

30Para o outro día, querendo saber con certeza de que o acusaban os xudeus, desatouno, mandou reunir os xefes dos sacerdotes e todo o Sanedrín e, levando a Paulo, presentóullelo.

 

 

 

CAPÍTULO 23

 

1Paulo entón, ollando para o Sanedrín, dixo:

‑Irmáns, ata hoxe en todo me comportei con boa conciencia diante de Deus.

2Pero o xefe dos sacerdotes Ananías, mandou ós que o custodiaban que lle batesen na boca. 3Entón Paulo díxolle:

‑¡Hache pegar Deus a ti, parede caleada!

¿Sentas para xulgarme conforme á Lei e mandas que me peguen violando a Lei?

4Os que o custodiaban dixéronlle:

‑¿Insultas ó Sumo Sacerdote de Deus?

5Paulo respondeu:

‑Irmáns, non sabía que fose Sumo Sacerdote. Si, a Escritura di: Non dirás mal do xefe do teu pobo.

6Sabendo Paulo que unha parte deles eran saduceos e outra fariseos, berrou en medio do Sanedrín:

‑Irmáns, eu son fariseo, fillo de fariseos, e quero dicir que é por causa da nosa esperanza na resurrección dos mortos, polo que se me xulga.

7Cando dixo isto, armouse unha disputa entre os fariseos e os saduceos e dividiuse a asemblea, 8porque os saduceos non admiten nin resurrección nin anxos nin espíritos, mentres que os fariseos cren nestas tres cousas. 9Fíxose un gran rebumbio; erguéronse algúns escribas do partido dos fariseos e dicían afoutos:

‑Non atopamos nada malo neste home: ¿e se é certo que lle falou un espírito ou un anxo?

10A liorta ía a maiores e o tribuno, temendo que esnaquizasen a Paulo, ordenou á tropa que baixase a quitalo do medio deles para o levar ó cuartel.

11A noite seguinte, aparecéuselle o Señor e díxolle:

‑Animo, que así como deches testemuño de min en Xerusalén, cómpre tamén que o deas en Roma.

 

Conspiración dos xudeus para mataren a Paulo

 

12O raiar o día, os xudeus fixeron unha conspiración e conxuráronse a non comer nin beber ata mataren a Paulo. 13Eran máis de corenta os conxurados 14e fóronse presentar ós xefes dos sacerdotes e ós senadores para dicirlles:

‑Xuramos, baixo pena de maldición, non probar nada ata que matemos a Paulo. 15Vós, logo de acordo co Sanedrín, pedídelle ó tribuno que volo traia diante de vós, como para examinardes máis a fondo o seu caso; pola nosa banda, estamos dispostos a matalo antes de que chegue.

16Pero o fillo da irmá de Paulo, soubo da trapela, foi e entrou no cuartel e contoullo a Paulo. 17Este chamou ó centurión e díxolle:

‑Acompaña a este rapaz cabo do tribuno, pois ten algo que lle comunicar.

18O centurión tomouno e levouno ó tribuno e díxolle:

‑O preso Paulo chamoume para me pedir que che trouxese este mozo, que ten que falarche unha palabra.

19O tribuno colleuno pola man, levouno á parte e preguntoulle:

‑¿Que tes para me dicir?

20E díxolle:

‑Os xudeus concordaron en pedirche que mañá baixes a Paulo diante do Sanedrín, coa escusa de examinaren o caso con máis información. 21Ti non te fíes; máis de corenta homes deles prepáranlle unha celada e comprometéronse baixo xuramento a non comeren cousa nin beberen ata que o maten; e xa están dispostos, agardando polo teu consentimento.

22O tribuno, entón, despediu ó rapaz, recomendándolle que non dixese que o avisara.

 

 

PAULO PROCESADO EN CESAREA

 

Proceso ante Fiz

 

23Despois mandou chamar a dous dos centurións e díxolles:

‑Tede preparados para iren a Cesarea douscentos soldados, setenta homes de a cabalo e douscentos auxiliares, a partir das nove da noite; 24que haxa tamén cabalos para montar a Paulo e levalo san e salvo ó gobernador Fiz.

25E escribiu unha carta nestes termos:

26"Claudio Lisias ó moi excelente gobernador Fiz, ¡saúde! 27A este home collérano os xudeus e íano matar, cando aparecín eu coa tropa e libereino, ó saber que era romano. 28Querendo saber de que o acusaban, fíxeno baixar diante do Sanedrín. 29Resulta que as acusacións eran por cuestión da Lei deles, sen ningún cargo que merecese a morte ou a cadea. 30Avisado de que preparan unha conxura para o mataren, envíocho sen agardar máis, e notifico ós seus acusadores que presenten no teu tribunal o que teñan contra el".

31Os soldados, tal como se lles ordenara, colleron a Paulo e levárono de noite a Antípatris. 32Para o outro día, deixando que os de a cabalo fosen con el, volveron ó cuartel. 33Chegados os cabaleiros a Cesarea, entregáronlle a carta ó gobernador e presentáronlle tamén a Paulo.

34Lida a carta, o gobernador preguntou de que provincia era, e cando soubo que de Cilicia, díxolle:

35‑Escoitarei cando veñan os teus acusadores.

E mandou que o gardasen no pazo de Herodes.

 

 

 

CAPÍTULO 24

 

1Cinco días despois baixou o xefe dos sacerdotes Ananías con algúns senadores e un tal Tértulo, avogado, e presentaron queixa ó gobernador contra Paulo. 2Citado Paulo, Tértulo comezou a acusación nestes termos:

‑A gran paz que gozamos grazas a ti e ás reformas que este país debe á túa providencia, 3recoñecémola en todo e en todas partes, excelentísimo Fiz, con suma gratitude. 4Pero, para non te incomodar demasiado, pídoche que nos escoites brevemente coa túa benevolencia. 5Nós descubrimos que este home é unha peste: fomenta enlizos entre todos os xudeus que hai polo mundo enteiro e é cabeza do partido dos Nazarenos. 6Incluso intentou profanar o templo; entón nós prendémolo. 8Interrogándoo ti mesmo, poderás coñecer por el todas estas cousas de que o acusamos.

9Os xudeus apoiárono, asegurando que as cousas eran así.

 

Paulo deféndese

 

10O gobernador acenoulle para que falase e entón Paulo respondeu:

‑Como sei que hai moitos anos es xuíz desta nación, vou facer confiadamente a miña defensa. 11Ti mesmo podes comprobar que non hai máis de doce días subín a Xerusalén para adorar, 12e que nin no Templo, nin nas sinagogas nin pola cidade, ninguén me viu discutindo con ninguén nin revolvendo na xente. 13Eles non poden probar as cousas de que agora me acusan. 14Non obstante confésoche o seguinte: é seguindo o Camiño, que eles chaman partido, como adoro ó Deus dos nosos pais, crendo todo o que está escrito na Lei e nos Profetas, 15tendo en Deus a esperanza que estes mesmos teñen: que haberá resurrección de xustos e inxustos. 16Por iso, esfórzome sempre en ter unha conciencia sen lixo diante de Deus e diante dos homes. 17Despois de moitos anos, vin traer esmolas ós da miña nación e ofrendas. 18Uns xudeus de Asia acháronme no templo, xa purificado, sen xuntanza nin algueirada: 19eles son os que tiñan que presentarse diante do teu tribunal e acusarme, se tiñan algo contra min. 20E, se non, que digan estes que crime descubriron cando comparecín diante do Sanedrín, 21como non sexa aquel berro que botei no medio deles: "é por causa da resurrección dos mortos, que se me xulga hoxe diante de vós".

 

Aprazamento do xuízo. Paulo segue preso dous anos máis

 

22Entón Fiz, que coñecía bastante ben as cousas referentes ó Camiño, aprazoulles a causa, dicindo:

‑Cando baixe o tribuno Lisias, decidirei o voso asunto.

23E ordenou ó centurión que o gardase, pero con consideración e sen o privar da asistencia dos seus.

24Algúns días despois chegou Fiz coa súa muller Drusila, que era xudía. Mandou chamar a Paulo e escoitouno acerca da fe en Cristo. 25Pero, como Paulo falaba da xustiza, do dominio de si e do Xuízo futuro, Fiz arrepiado dixo:

‑Polo de agora vaite, cando teña máis tempo mandareite chamar.

26Contaba que tamén Paulo lle dese cartos; por iso mandábao chamar adoito e conversaba con el. 27Despois de dous anos, recibiu Fiz como sucesor a Porcio Festo. E querendo congraciarse cos xudeus, deixou preso a Paulo.

 

 

 

CAPÍTULO 25

 

Co novo gobernador romano novo xuízo. Paulo apela ó emperador

 

1Os tres días da súa chegada á provincia, subiu Festo de Cesarea a Xerusalén. 2Os sumos sacerdotes e os principais dos xudeus presentáronse ante el acusando a Paulo e pedíanlle 3de favor, con mala idea, que o fixese ir para Xerusalén, con mentes de prepararen eles unha trapela para o mataren no camiño.

4Pero Festo respondeu que Paulo estaba preso en Cesarea e que el mesmo marcharía axiña. 5E dixo:

‑Que os principais de entre vós veñan comigo e, se hai algúns delito nese home, que o acusen.

6Logo de botar entre eles non máis de oito ou dez días, baixou a Cesarea e para o outro día sentou no tribunal e mandou traer a Paulo. 7Cando chegou, rodeárono os xudeus que baixaran de Xerusalén, presentando contra el moitas e graves acusacións, que non eran capaces de probar. 8Paulo, pola súa banda, defendíase dicindo:

‑Non faltei en nada nin contra a Lei dos xudeus, nin contra o Templo nin contra o César.

9Entón Festo, querendo poñerse a ben cos xudeus, respondeulle a Paulo:

‑¿Queres subir a Xerusalén e que te xulguen alí sobre todo isto na miña presenza?

10Pero Paulo respondeu:

‑Estou diante do tribunal do César e é aquí onde se me debe xulgar. Non lles fixen mal ningún ós xudeus, como ti mesmo sabes ben. 11Se son culpable e cometín algunha cousa que mereza a morte, non me nego a morrer; pero, se non hai fundamento en ningunha das cousas de que eles me acusan, ninguén ten o dereito de me entregar  a eles. ¡Apelo ó César!

12Entón Festo, logo de consultar os seus conselleiros, respondeu:

‑¡Xa que apelas ó César, irás ó César!

 

O gobernador fálalle de Paulo ó rei Agripa

 

13Pasados algúns días, o rei Agripa e Berenice chegaron a Cesarea, a saudar a Festo. 14Como botaron alí días, Festo informou ó rei do caso de Paulo, dicíndolle:

‑Hai aquí un home que Fiz deixou preso, 15a quen acusaron os sumos sacerdotes e os senadores dos xudeus, estando eu en Xerusalén e pediron a súa condena. 16Respon-dinlles que non é costume romano entregar un home sen enfrontalo cos seus acusadores e dándolle a posibilidade de se defender da acusación. 17Viñeron comigo ata aquí e, sen demorarme nada, sentei para o outro día no tribunal e mandei traer o home. 18Os acusadores compareceron, pero non presentaron ningunha acusación dos delitos que eu sospeitaba; 19só tiñan en contra del unhas cuestións acerca da súa relixión e dun certo Xesús defunto, de quen Paulo afirma que vive. 20Sen saber que decidir nestas cuestións, pregunteille se quería ir a Xerusalén para xulgalo alí; 21pero Paulo apelou, pedindo que o seu caso fose reservado ó xuízo do emperador e mandei que o gardasen ata mandarllo ó César.

22Entón Agripa díxolle a Festo:

‑Gustaríame a min tamén escoitar a ese home.

Respondeulle:

‑Mañá sentiralo.

 

Paulo diante de Agripa

 

23O día seguinte, viñeron Agripa e Berenice con grande pompa, e entraron na sala da audiencia, rodeados dos tribunos e dos principais da cidade. A unha orde de Festo, levaron a Paulo.

24Festo dixo:

‑Rei Agripa e todos os que estades aquí presentes connosco: ese é o home contra quen todos os xudeus viñeron onda min, tanto en Xerusalén coma aquí, berrando que non debería vivir máis. 25Eu recoñecín que non fixera nada que mereza a morte; pero, como el apelou ó emperador, decidín mandarllo. 26Pero non sei que lle hei de escribir en concreto do seu caso ó emperador. Por iso mandeino traer á vosa presenza, sobre todo á túa, rei Agripa, para que, feito o interrogatorio, teña algunha cousa que escribir, 27pois paréceme que non ten xeito mandar un preso sen indicar os cargos que hai contra el.