CAPÍTULO 11

 

A Igrexa de Xerusalén vence as súas reservas e acepta os pagáns conversos

 

1Os apóstolos e os irmáns da Xudea sentiron dicir que tamén os pagáns recibiran a palabra de Deus. 2Cando Pedro subiu a Xerusalén, os da circuncisión botábanlle na cara:

3‑¡Ti fuches á casa de incircuncisos e comiches con eles!

4Entón Pedro explicóullelo punto por punto.

5‑Estaba eu na cidade de Iope, orando, cando tiven en éxtase unha visión: era un obxecto talmente coma un gran lenzo, que baixaba do ceo pendurado polas catro puntas e chegou onda min. 6Mirando para el e observando con atención, vin os cuadrúpedes da terra, as feras, os réptiles e os paxaros do ceo; 7e sentín unha voz que me dicía: "Érguete, Pedro, mata e come". 8Pero eu dixen: "De ningunha maneira, Señor, porque nunca levei á boca nada profano ou impuro". 9Por segunda vez sentín a voz do ceo: "O que Deus purificou, non o chames ti profano". 10Isto pasou tres veces, e despois retirouse todo para o ceo.

11E, fixádevos, nisto preséntanse na casa onde estabamos tres homes que mandaran desde Cesarea en busca miña. 12Díxome entón o Espírito que fose con eles sen reparos. Viñeron tamén comigo estes seis irmáns, e entramos na casa do home, 13que nos contou como vira ó anxo presentárselle na súa casa e dicir: "manda alguén a Iope a por Simón, chamado Pedro; 14el hache dicir palabras polas que te salvarás ti e todos os da túa casa". 15E cando comezaba eu a falar, veu o Espírito Santo sobre eles talmente como veu sobre nós ó comezo. 16Lembrei entón as palabras do Señor, cando dicía: "Xoán bautizou con auga, pero vos bautizarédesvos co Espírito Santo". 17E pois, se Deus lles concedeu o mesmo don ca a nós, por creren no Señor Xesús Cristo, ¿quen era eu para me opoñer a Deus?

18O sentiren isto, acougaron e glorificaron a Deus, comentando; "¡De xeito que Deus tamén concedeu ós pagáns o arrepentimento, para acadaren a vida!".

 

 

EXPANSIÓN DA IGREXA FÓRA DE PALESTINA

 

Antioquía, primeira Igrexa de pagáns conversos. Unión coa Igrexa de Xerusalén

 

19Os que se dispersaran fuxindo da persecución orixinada por cousa de Estevo, chegaron ata a Fenicia, Chipre e Antioquía, sen predicaren a ninguén a palabra, agás ós xudeus. 20Con todo, houbo algúns de entre eles, homes de Chipre e de Cirene, que chegados a Antioquía comezaron a falar tamén cos gregos, anunciándolles  a Boa Nova do Señor Xesús. 21A man do Señor estaba con eles e moitos creron e convertéronse ó Señor.

22Chegaran estas novas ós oídos da Igrexa de Xerusalén, e mandaron a Antioquía a Bernabé. 23Cando chegou e viu a graza de Deus, encheuse de alegría e animaba a todos a se conservaren unidos ó Señor co corazón firme, 24pois era un home bo, cheo de Espírito Santo e de fe. E foi moita a xente que se uniu ó Señor.

25Daquela, Bernabé foi a Tarso en busca de Saulo 26e, cando o atopou, levouno para Antioquía. Durante un ano enteiro estiveron xuntos naquela Igrexa, adoutrinando a moita xente. Foi en Antioquía onde por primeira vez ós discípulos lles chamaron "cristiáns".

27Por aqueles días baixaron a Antioquía uns profetas de Xerusalén. 28Un deles, chamado Agabo, ergueuse e, movido polo Espírito, anunciou que ía haber unha gran fame por toda a terra (foi a que houbo no tempo de Claudio). 29Os discípulos ordenaron de mandar un auxilio ós irmáns de Xudea, cadaquén conforme ós seus posibles. 30E así o fixeron mandándollelo ós responsables pola man de Bernabé e de Saulo.

 

 

 

CAPÍTULO 12

 

Herodes persegue a Igrexa. Martirio de Santiago. Prisión e liberación de Pedro

 

1Por ese tempo o rei Herodes botou man dalgúns membros da Igrexa, para os maltratar. 2Mandou matar coa espada a Santiago, o irmán de Xoán, 3e, vendo que iso lles agradaba ós xudeus, mandou prender tamén a Pedro. Era a semana da Pascua. 4Prendeuno, logo, e meteuno na cadea, gardándoo con catro piquetes de catro soldados cada un. Quería presentalo diante do pobo despois da Pascua. 5Mentres Pedro estaba retido no cárcere, a Igrexa rezaba intensamente a Deus por el.

6A noite antes de que Herodes o presentase diante do pobo, estaba Pedro durmindo entre dous soldados, ligado con dúas cadeas, e unhas sentinelas facían a garda diante da porta da prisión. 7De súpeto, presentouse o anxo do Señor, e unha luz resplandeceu na cela; e, tocándolle no costado, espertou a Pedro e díxolle:

‑¡Érguete correndo!

E caéronlle as cadeas das mans.

8Entón díxolle o anxo:

‑Pon o cinto e calza as sandalias.

E así o fixo. Despois díxolle:

‑Bota o manto por riba e sígueme.

9Pedro saíu e seguiuno, sen se dar conta que era realidade o que se facía por medio do anxo, pois coidaba que era unha visión. 10Atravesaron a primeira garda e logo a segunda, e chegaron á porta de ferro que daba á cidade e abriuse ela soa. E ó saíren á rúa, logo o deixou o anxo.

11Entón Pedro, volvendo en si, dixo: "agora realmente vexo que o Señor mandou o seu anxo, para me librar das mans de Herodes e de todo o que esperaba o pobo xudeu". 12E xa con todo o acordo, dirixiuse á casa de María, a nai do Xoán, chamado Marcos, onde había moita xente reunida rezando. 13Petou na porta da entrada e unha criada, chamada Rode, foi ver quen era. 14Recoñeceu a voz de Pedro e deulle tal alegría, que, se había de abrir o portal, correu a avisar que Pedro estaba na porta. 15"¡Estás tola!", dixéronlle. Mais ela aseguraba que era certo. Os outros dicían: "será o seu anxo".

16Pedro seguía petando. Entón abriron, e ó velo, ficaron pasmados. 17Acenoulles coa man para que calasen e contoulles como o Señor o librara da prisión e díxolles:

‑Mandádelle recado a Santiago e ós irmáns.

E liscou de alí para outro sitio, 18O abrir o día armouse un bo rebumbio entre os soldados, preguntándose que sería de Pedro. 19Cando Herodes mandou por el e non o encontraron, interrogou ós gardas e mandounos executar. Despois baixou de Xudea a Cesarea e quedou alí.

 

Morte de Herodes Agripa I

 

20Herodes estaba aborrecido cos de Tiro e Sidón. Estes presentáronselle en comisión e, logo de gañaren para a causa deles a un tal Blasto, xefe da casa do rei, solicitaron a paz, pois o seu país dependía economicamente do territorio do rei. 21No día sinalado, Herodes, revestido co manto real e sentado na tribuna, dirixiulles un discurso. 22O pobo berraba: "¡é a voz dun deus, non a dun home!" 23E no intre feriuno o anxo do Señor por non ter dado gloria a Deus. Morreu comesto dos vermes.

 

Bernabé e Saulo volven para Antioquía

 

24A palabra de Deus medraba e multiplicábase. 25Bernabé e Saulo, cumprida a súa misión en Xerusalén, volvéronse levando con eles a Xoán, de sobrenome Marcos.

 

 

 

PRIMEIRA VIAXE DE PAULO

 

 

CAPÍTULO 13

 

O Espírito e a Igrexa de Antioquía mandan a Bernabé e Paulo á primeira viaxe misioneira

 

1Había na Igrexa de Antioquía profetas e mestres: Bernabé, Simeón chamado Níxer, Lucio de Cirene, Menahén ‑compañeiro de infancia do tetrarca Herodes‑, e Saulo. 2Estando nunha reunión litúrxica con xaxún, dixo o Espírito Santo:

‑Apartade a Bernabé e Saulo para a obra á que os teño chamados.

3Entón, logo de xaxuaren e oraren, impuxéronlles as mans e despedíronos.

 

En Chipre. O meigo e a conversión do procónsul

 

4Por tanto, mandados polo Espírito Santo, baixaron a Seleucia e desde alí embarcaron para Chipre. 5Chegados a Salamina, comezaron a anunciar a palabra de Deus nas sinagogas dos xudeus, levando a Xoán de axudante. 6Despois de atravesaren toda a illa ata Pafos atoparon alí un xudeu, meigo e falso profeta, chamado Barxesús, 7que estaba co procónsul Serxio Paulo, home prudente. Este mandou chamar a Bernabé e Saulo, arelando escoitar a palabra de Deus. 8Pero Elimas, "o meigo" (que así se traduce o seu nome), opúxoselles, procurando arredar da fe ó procónsul. 9Entón Saulo, tamén chamado Paulo, cheo do Espírito Santo, fixando nel os seus ollos, 10exclamou:

‑Estás cheo de andrómenas e de ruindade, fillo do demo, inimigo de todo o bo; ¿non deixarás de torcer os camiños rectos do Señor? 11Pois agora vai vir sobre ti a man do Señor; ficarás cego, e non verás a luz do sol por algún tempo.

E no instante caeron enriba del a escuridade e as tebras e, tentando ó arredor, buscaba quen o guiase pola man. 12Entón o procónsul, vendo o sucedido, abrazou a fe, impresionado pola doutrina do Señor.

13Paulo e os seus compañeiros embarcaron en Pafos, e dirixíronse a Perxe de Panfilia. Pero Xoán deixounos e deu volta para Xerusalén.

 

A predicación de Paulo ós xudeus en Antioquía de Pisidia

 

14Eles, desde Perxe, seguiron a Antioquía de Pisidia. Un día de sábado entraron na sinagoga e sentáronse. 15Despois da lectura da Lei e dos Profetas, os xefes da sinagoga mandáronlles dicir:

‑Irmáns, se tedes algunha palabra para animar o pobo, falade.

16Paulo entón, levantándose, acenoulles coa man e dixo:

‑Israelitas e os que seguides ó noso Deus, escoitade: 17o Deus deste pobo de Israel escolleu a nosos pais e engrandeceu este pobo durante o seu exilio na terra de Exipto; despois tirounos de alí coa forza do seu brazo. 18Durante corenta anos soportounos no deserto, 19e, despois de destruír sete nacións na terra de Canaán, deulles en posesión a súa terra: 20isto durou uns catrocentos cincuenta anos. Despois diso deulles xuíces ata o profeta Samuel; 21logo pediron un rei e Deus deulles durante corenta anos a Xaúl, fillo de Quix, da tribo de Benxamín; 22despois que o refugou, deulles por rei a David de quen testemuñou dicindo: Atopei a David, fillo de Iexé, home conforme o meu corazón, que fará en todo a miña vontade. 23Da súa descendencia é da que Deus, segundo a promesa, mandou un Salvador para Israel: Xesús. 24Antes da súa chegada, Xoán tiña proclamado a todo o pobo de Israel un bautismo de conversión, 25e cando estaba rematando o seu camiño, dicía: "non son eu quen vós pensades; pero mirade, vén despois de min un de quen non son digno nin de desatarlle o calzado dos pés".

26Irmáns, descendentes de Abraham e os que seguides ó noso Deus: é a nós a quen se nos manda esta mensaxe de salvación. 27É certo que os veciños de Xerusalén e os seus gobernantes descoñeceron a Xesús e, condenándoo, cumpriron as palabras dos profetas, que se len todos os sábados. 28Aínda que non atoparon nel nada que merecese a morte, pedíronlle a Pilato que o mandase matar. 29E, cando cumpriron todo o que acerca del estaba escrito, baixárono do madeiro e puxérono nun sepulcro. 30Pero Deus resucitouno de entre os mortos; 31e durante moitos días apareceuse ós que subiran con El de Galilea para Xerusalén, que son agora as súas testemuñas diante do pobo.

32E nós anunciámosvos a boa nova de que a promesa feita ós nosos pais 33a cumpriu en nós, os seus fillos, resucitando a Xesús, conforme estaba escrito no salmo segundo: Ti es o meu Fillo: eu xereite hoxe.

34E que o resucitou de entre os mortos, para non volver nunca mais á morte, díxoo así: Heivos conceder os beneficios asegurados a David. 35Por iso di noutra pasaxe: Non permitirás que o teu Santo experimente a corrupción. 36Ora ben, David, logo de cumprir no seu tempo o plan de Deus, morreu, xuntouse cos seus pais e experimentou a corrupción, 37mentres que aquel que Deus resucitou non coñeceu corrupción ningunha.

38Sabede, logo, irmáns, que por medio del se vos anuncia o perdón dos pecados, e que de todo aquilo do que vós non vos puidestes xustificar mediante a Lei de Moisés, 39pode, mediante El, xustificarse todo o que cre. 40Moito coidadiño de que non vos pase o que din os Profetas:

41¡Mirade, os escépticos,

para que vos pasmedes e caledes,

vou facer nos vosos días tal obra,

que, se vola contan, non a credes!

42O saíren, pedíanlles que para o outro sábado lles seguisen falando do mesmo asunto. 43Cando se desfixo a asemblea, moitos xudeus e prosélitos practicantes seguiron a Paulo e Bernabé, que, falando con eles, os animaban a perseverar na graza de Deus.

 

Paulo e Bernabé deixan os xudeus, e diríxense ós pagáns de Antioquía. Problemas

 

44Para o outro sábado xuntouse case toda a cidade para escoitar a palabra de Deus, 45pero os xudeus enchéronse de envexa, ó veren tanta xente, e opoñíanse cos insultos ó que Paulo dicía. 46Entón Paulo e Bernabé dixeron ousadamente:

‑Tiñamos que anunciarvos a palabra de Deus primeiro a vós; pero, visto que a refugades e non vos considerades dignos da vida eterna, volvémonos cara ós pagáns; 47pois así nolo mandou o Señor: Púxente como luz das nacións, para levares a salvación ata os confíns da terra.

48Os pagáns, sentindo isto, enchíanse de alegría, loando a mensaxe do Señor; e creron todos os que estaban destinados á vida eterna. 49Deste xeito a palabra de Deus espallábase por toda a bisbarra.

50Pero os xudeus encirraron ás señoras de alta categoría que eran devotas e ós principais da cidade e promoveron unha persecución contra Paulo e Bernabé, expulsándoos do  seu territorio.

51Estes, sacudindo contra eles o po dos seus pés, marcharon para Iconio, 52mentres os discípulos ficaban cheos de alegría e do Espírito Santo.

 

 

 

CAPÍTULO 14

 

Evanxelizan en Iconio. Perseguidos polos xudeus, teñen que marchar

 

1En Iconio sucedeu o mesmo: entraron xuntos na sinagoga dos xudeus e falaron de tal xeito que creron moitos xudeus e gregos; 2pero os xudeus que non creron, enlizaron e puxeron a mal ós pagáns contra os irmáns. 3Con todo botaron alí bastante tempo, e falaban con ousadía, pois confiaban no Señor que testemuñaba a mensaxe da súa graza realizando por medio deles sinais e prodixios.

4Entón dividiuse a xente da cidade en bandos: uns estaban polos xudeus e outros polos apóstolos. 5Pero visto que se organizou unha manifestación de pagáns e xudeus, cos seus xefes á fronte, para os maltrataren e apedraren, 6eles, que se decataron, fóronse refuxiando nas cidades de Licaonia: na de Listra, na de Derbe e nos arredores; 7e alí anunciaban a Boa Nova.

 

Con palabras e obras evanxelizan en Listra e Derbe. Seguen os problemas cos xudeus

 

8Xacía en Listra, tolleito dos pés, un home que era coxo de nacemento e que nunca puidera andar. 9Estaba escoitando a Paulo, que falaba. Paulo, mirando para el e vendo que tiña fe para se curar, 10díxolle en voz alta:

‑¡Érguete, e tente dereito sobre os teus pés!

El deu un brinco e botou a andar. 11A xente, ó ver o que fixera Paulo, berraba en idioma licaonio: "Os deuses baixaron a nós en forma humana". 12E chamaban Zeus a Bernabé e a Paulo Hermes, porque era o que lles falaba.

13Entón o sacerdote do templo de Zeus, que estaba á entrada da cidade, levando ás portas touros e grilandas, de acordo coa xente, pretendía ofrecerlles un sacrificio. 14Os apóstolos Paulo e Bernabé, en canto se decataron, racharon os seus vestidos e correron cara á xente, 15berrando:

‑¿Que facedes? Nós non somos máis ca homes coma vós, e o que vos predicamos é que deixedes eses falsos ídolos e vos convertades ó Deus vivo que fixo o ceo, a terra, o mar e todo o que hai neles. 16Nas xeracións pasadas permitiu a todas as nacións seguiren os seus propios camiños; 17pero nin por iso deixou de dar testemuño de si coa súa regalía, dándovos desde o ceo chuvias e estacións frutíferas, enchendo de mantenza e de alegría os vosos corazóns.

18E con todas estas palabras, traballiño lles custou impedir que lles ofrecesen un sacrificio.

19Pero chegaron de Antioquía e de Iconio uns xudeus que convenceron á xente. Apedraron a Paulo e arrastrárono fóra da cidade, coidando que estaba morto. 20Mais, cando o rodearon os discípulos, ergueuse e entrou na cidade. Para o outro día marchou con Bernabé cara a Derbe.

21Logo de anunciaren a Boa Nova naquela cidade e de faceren bastantes discípulos, volveron para Listra, Iconio e Antioquía, 22enfortecendo o espírito dos discípulos e animándoos a perseveraren na fe, porque ‑dicíanlles‑ temos de pasar por moitos traballos, para entrarmos no Reino de Deus. 23E despois de designarlles presbíteros en cada Igrexa, oraban, xaxuaban e encomendábanos ó Señor, en quen creran.

 

Regresan a Antioquía de Siria

 

24Atravesando a Pisidia, chegaron a Panfilia 25e, logo de anunciaren a palabra en Perxe, baixaron cara a Atalía. 26De alí embarcaron para Antioquía, desde onde foran confiados á graza de Deus para a misión que viñan de cumprir. 27Chegando, reuniron a Igrexa e contaron todo canto Deus fixera con eles e como lles abrira ós pagáns a porta da fe. 28Botaron alí moito tempo cos discípulos.

 

 

 

 

O  CONCILIO  DE  XERUSALÉN

 

 

CAPÍTULO 15

 

A fe en Xesús e a Lei de Moisés: o problema preséntase en Antioquía

 

1Algúns que baixaron desde Xudea ensinaban ós irmáns: "se non vos circuncidades conforme á tradición de Moisés, non vos podedes salvar". 2Como se orixinou un desacordo e unha disputa non pequena de Paulo e Bernabé contra eles, acordaron que Paulo, Bernabé e algúns outros subisen a Xerusalén a tratar a cuestión cos apóstolos e os responsables. 3Así que a Igrexa deulles o preciso para a viaxe e eles atravesaron Fenicia e Samaría relatando como se convertían os pagáns e alegrando así a todos os irmáns.

 

O concilio de Xerusalén resolve a cuestión da Lei

 

4O chegaren a Xerusalén, recibiunos a Igrexa, os apóstolos e os responsables e eles contaron todo o que Deus levaba feito con eles. 5Pero erguéronse algúns da seita dos fariseos, que creran, e dicían:

‑Cómpre circuncidalos e mandarlles cumprir a Lei de Moisés.

6Entón os apóstolos e os responsables xuntáronse para examinaren a cuestión. 7E, despois de moito discutiren, ergueuse Pedro e díxolles:

‑Irmáns, ben sabedes que desde os primeiros días me escolleu Deus de entre vós, para que os pagáns oísen pola miña boca a palabra da Boa Nova e cresen. 8E Deus, que coñece os corazóns, testemuñou en favor deles, dándolles o Espírito Santo coma a nós. 9Non fixo ningunha discriminación entre eles e nós, pois purificou o seu corazón pola fe. 10¿Por que, logo, tentades a Deus, querendo cangar no pescozo dos discípulos un xugo que nin nosos pais nin nós fomos quen de aturar? 11Non; nós cremos que nos salvamos pola graza do Señor Xesús e que eles se salvan igualiño ca nós.

12Toda a asemblea ficou en silencio e escoitaban como Bernabé e Paulo contaban todos os sinais e prodixios realizados por Deus entre os pagáns por medio deles.

13Cando calaron, falou Santiago dicindo:

‑Irmáns, escoitádeme:

14Simeón contou como desde o principio Deus procurou entre os pagáns un pobo para si, 15e con isto cadran as palabras dos Profetas, conforme está escrito:

16Logo disto hei volver

e reconstruirei a tenda caída de David,

reedificarei as súas ruínas

e poñereina en pé,

17para que o resto dos homes busquen o Señor,

así como todas as nacións que xa invocan o meu nome:

dío o Señor, 18que deu a coñecer estas cousas desde tempos antigos.

19Por iso coido que non se debe importunar ós que de entre os pagáns se converten a Deus; 20chega con escribirlles que se absteñan das contaminacións dos ídolos, das unións deshonestas, das carnes afogadas e do sangue; 21pois Moisés ten desde tempos antigos predicadores en cada cidade e todos os sábados o lemos nas sinagogas.

 

Resolución do concilio

 

22Entón os apóstolos e os responsables de acordo con toda a Igrexa, decidiron elixir algúns de entre eles e mandalos a Antioquía, xunto con Paulo e Bernabé; Xudas, chamado Barsabás, e Silas, homes que destacaban entre os irmáns. 23E por medio deles mandaron esta carta:

"Os irmáns apóstolos e responsables saúdan ós irmáns de orixe pagá, que están en Antioquía, Siria e Cilicia. 24Somos sabedores de que algúns, saídos de aquí e a quen non demos mandato ningún, andan por aí desacougándovos coas súas palabras; 25decidimos escoller uns delegados e mandárvolos, xunto cos nosos benqueridos Bernabé e Saulo, 26que teñen dedicado a súa vida á causa de noso Señor Xesús Cristo; 27mandámos-vos, logo, a Xudas e Silas, que vos dirán de palabra as mesmas cousas. 28Porque decidimos, o Espírito Santo e mais nós, non impoñervos máis cargas cás precisas: 29absterse de carnes ofrecidas ós ídolos, do sangue, de animais afogados e da unión deshonesta; faredes ben en gardarvos destas cousas. Saúde".

30Déronlles o encargo e baixaron a Antioquía, onde reuniron a xente e entregaron a carta; 31ó que a leron, alegráronse con aquel consolo. 32Xudas e Silas, que eran profetas, con moitas palabras animaban  e fortalecían a fe dos irmáns. 33O cabo dun tempo, os irmáns déronlles a paz de despedida, pois volvían onda quen os mandaron. 35Paulo e Bernabé quedaron en Antioquía, ensinando e predicando con moitos outros a palabra do Señor.

 

 

EXPANSIÓN  DA  IGREXA  POLO  MUNDO  GREGO

SEGUNDA  VIAXE  DE  PAULO

 

Separación de Paulo e Bernabé. Segunda viaxe misioneira

 

36De alí a uns días, díxolle Paulo a Bernabé:

‑Volvamos visitar os irmáns en todas as cidades nas que anunciamos a palabra do Señor, para vermos como lles vai.

37Bernabé quería levar tamén a Xoán, o chamado Marcos; 38pero Paulo coidaba que non o debían levar, porque se separara deles na Panfilia e non participara no traballo. 39Alporizáronse a tal punto, que se apartaron un do outro: Bernabé colleu a Marcos con el, e embarcou para Chipre; 40Paulo, pola súa banda, escolleu a Silas e, encomendado polos irmáns á graza do Señor, marchou 41atravesando Siria e Cilicia e animando as comunidades.