CARTA DE SANTIAGO

 

 

 

 

CAPÍTULO 1

 

Saúdo

 

1Santiago, o servidor de Deus e do Señor Xesús Cristo, saúda as doce tribos que están na emigración.

As tentacións

2Cando vos vexades envoltos en diferentes tentacións, meus irmáns, tédevos por moi ditosos, 3porque xa sabedes que aquilo que somete a proba a vosa fe xera paciencia. 4Pero cómpre que a paciencia vaia acompañada de boas obras, de xeito que sexades perfectos e completos sen fallardes en cousa ningunha.

5Se algún de vós está necesitado de sabedoría, que lla pida a Deus, que llela dá a todos abondosamente e sen roñar; 6e a ese tal tamén lla ha dar. Pero cómpre que pida con fe e sen dubidar para nada, que quen dubida é coma as ondas do mar, que o vento abala e leva de aquí para acolá. 7Un home así non pense recibir cousa ningunha do Señor: 8é un indeciso e un inconstante en todos os seus camiños.

9Que o irmán de condición humilde se glorie da súa gran dignidade; 10e o rico, da súa humillación, porque pasará coma a flor da herba: 11soérguese o sol coa súa fogaxe e queima a herba, cáelle a flor e pérdese a súa fermosa aparencia; pois así mesmiño murchará o rico nas súas empresas.

12Benia o home que resiste na tentación, porque, como a supere, recibirá o premio da vida, que Deus prometeu ós que o aman. 13Que ninguén diga ó se ver tentado: "Deus é quen me tenta", porque nin o mal tenta a Deus nin Deus tenta a ninguén. 14A cadaquén téntao a súa cobiza cando o arrastra e engaiola: 15despois a cobiza concibe e pare o pecado; e o pecado, en consumándose, xera morte. 16Non vos trabuquedes, irmáns queridiños. 17Todo bo regalo e toda dádiva perfecta vén de arriba, do Pai dos luceiros, en quen nin hai cambios nin tempos de sombras. 18Pola súa vontade tróuxonos á vida coa palabra da verdade, para que fosemos como as primicias das súas criaturas.

 

Escoitar a palabra e cumprila

 

19Xa o sabedes, meus irmáns benqueridos: que todo home sexa espelido para escoitar, calmo para falar e calmo tamén para o anoxo, 20porque o anoxo do home non leva á conduta que Deus pide.

21Polo tanto, rexeitando calquera lixo ou resto de ruindade, acollede docilmente a Palabra enxertada en vós, que pode salvar as vosas vidas. 22Sede cumpridores da Palabra e non vos contentedes con escoitala xustificándovos con razóns enganosas. 23Porque quen escoita a Palabra e non a pon en práctica é coma o home que se puxo a ollar a súa propia cara nun espello; 24mirouse ben nel pero, ó que deu media volta, esqueceulle como era. 25En cambio, quen afonda no coñecemento da lei perfecta, a que dá a liberdade, e se mantén nela, non para a escoitar e a esquecer deseguida, senón para a poñer por obra, ese será feliz na súa actuación.

26Se alguén se tiver por home relixioso sendo un badueiro que engana o seu propio corazón, a súa relixiosidade sería baleira. 27A relixión limpa e sen lixo ningún ós ollos de Deus Pai é esta: mirar polos orfos e polas viúvas nas súas coitas e gardarse da contaminación deste mundo.

 

 

 

CAPÍTULO 2

 

Distingos nas comunidades

 

1Meus irmáns, a fe que temos no noso Señor Xesús Cristo, o glorioso, non cadra ben con certos distingos entre persoas. 2Entra na vosa asemblea ‑é un supoñer‑ un home cun anel de ouro, vestido con moita galanura, e entra tamén un pobre vestido con farrapos; 3se vos fixades no que vai ben vestido, e lle dicides: "ti acomódate ben aquí", e ó pobre "ti queda de pé aí", ou "senta no chan ós meus pés", 4¿non estades facendo distincións entre vós mesmos, converténdovos en xuíces de criterios inicuos?

5Escoitádeme ben, meus irmáns queridiños: ¿seica non escolleu Deus os pobres deste mundo para seren ricos na fe e herdeiros do Reino que Deus prometeu ós que o aman? 6Vós, en troques, abafastes o pobre. ¿Seica non son os ricos os que vos asoballan e os que vos levan a xuízo? 7¿Non son eles tamén os que aldraxan o fermoso nome que se invocou sobre vós? 8Facedes moi ben se, con todo, cumprides á perfección a Lei rexia da Escritura que di: "Amarás o teu próximo coma a ti mesmo". 9Pero se andades con favoritismos, pecades, e a lei havos acusar de transgresores. 10Porque quen garda toda a Lei, aínda que só quebrante un mandado, ten que responder de todos, 11pois o que dixo: "non fagas adulterio", tamén dixo: "non mates".

E, se non adulteras pero matas, xa non cumpres coa Lei. 12Falade e facede as cousas como acae a quen a lei da liberdade vai xulgar, 13pois terá un xuízo sen misericordia o que non foi misericordioso; a misericordia está por riba do xuízo.

 

A fe móstrase nos feitos

 

14Irmáns benqueridos, ¿que proveito lle trae a un dicir que ten fe, se non ten feitos? ¿Acaso o poderá salvar esa fe? 15Se un irmán ou unha irmá andan espidos e necesitados do pan de cada día, 16e vai un de vós e dilles: "ídevos en paz, quentádevos e fartádevos", pero non lles dá aquilo que lle cómpre ó seu corpo, ¿que proveito levan? 17Pois o mesmiño pasa coa fe: se non ten feitos, leva a morte no seu cerne.

18Pode dicir alguén: "ti tes a fe, eu teño os feitos". ‑Móstrame a túa fe sen feitos que eu polos feitos heiche de mostrar a miña fe.

19¿Ti cres que só hai un Deus? ‑Fas ben, pero iso tamén o cren os demos e mais tremen.

20¿Queres entender dunha vez, parvo, que a fe sen feitos está morta? 21Os feitos xustificaron ó noso pai Abraham, cando ofreceu o seu fillo Isaac enriba do altar, ¿non si? 22¿Fíxaste como a fe colabora cos seus feitos e como polos feitos a fe chegou á súa madurez? 23Así se cumpriu a Escritura que di: "Abraham tivo fe en Deus e iso valeulle de xustificación", de xeito que mesmo se lle chamou amigo de Deus. 24Xa vos decatades de como son os feitos os que xustifican o home e non só a fe. 25O mesmo podemos dicir da prostituta Rahab: ¿seica non a xustificaron os feitos, cando recibiu os mensaxeiros e os encamiñou logo por outros carreiros? 26O mesmo que un corpo sen alento está morto, así tamén a fe sen feitos morta está.

 

 

 

CAPÍTULO 3

 

A verdadeira sabedoría

 

1Meus irmáns, que non haxa moitos de vós a se poñeren de mestres; xa sabedes que ós mestres os han xulgar con maior severidade, 2porque todos pecamos moitas veces. Se hai alguén que non falte no falar, ese é un home perfecto, que pode refrear o seu corpo enteiro. 3Ollade: ós cabalos poñémoslles un freo na boca para que nos obedezan e así controlamos o seu corpo. 4E o mesmo os barcos: con seren tan grandes e iren empurrados por ventos tan fortes, gobérnanse cun temón pequeno cara a onde o temoeiro os quere levar.

5Pois outro tanto pasa coa lingua: ser é un membro ben pequerrecho, pero pode gabarse de grandes cousas. Aí o tedes: ¡cunha fogueiriña cantas fragas poden arder! 6E a lingua é un lume, un mundo de ruindade. A lingua é unha parte dos nosos membros que contamina o corpo enteiro e, por estar inflamada polo inferno, fai arder ela tamén, pola súa banda, toda a nosa vida desde os comezos.

7Calquera caste de bestas ou paxaros ou cóbregas ou peixes pode domeala o home e, de feito, doméaa; 8a lingua, en troques, ninguén a dá domeado: é un mal sen acougo, cheo de solimán de morte. 9Con ela bendicimos a Deus, o noso Pai; e con ela maldicimos os homes, creados semellantes a Deus. 10Dos mesmos beizos saen a bendición e mais a maldición. E isto, irmáns, non debía ser así. 11¿É que hai fonte que polo mesmo picho bote auga doce e auga amarga? 12Meus irmáns, ¿é que pode dar olivas a figueira ou figos a videira? E tampouco unha fontela salgada pode dar auga doce.

13¿Quen de vós ten bo xuízo e experiencia? Pois quen o teña que manifeste coa súa boa conduta as obras feitas con asisada mansedume. 14Pero, se tedes o corazón cheo de celos acedos e de liortas, deixádevos de fachendas e non andedes mentindo contra a verdade; 15esta sabedoría non vén de arriba senón que é da terra, animal, endiañada. 16Pois onde hai receos e liortas, dáse tamén alí o descontento e toda caste de ruindades. 17Pola contra, a sabedoría que vén do ceo é primeiramente pura e despois pacífica, sinxela, acolledora, chea de misericordia e de bos froitos, imparcial, sen finximento. 18O froito da xustiza seméntano coa paz os que van facendo a paz.

 

 

 

CAPÍTULO 4

 

As cobizas fan as divisións

 

1¿De onde veñen esas guerras e liortas que se dan entre vós? ¿Non será das vosas cobizas, que loitan no voso interior? 2Degoirades e non tedes; enrabechádesvos e andades cheos de envexa e non logrades cousa; combatédesvos e facédesvos a guerra e non conseguides porque non o pedides 3e, se pedides, non recibides, porque pedides só co devezo de satisfacerdes as vosas cobizas.

4¡Desleigados! ¿Seica non sabedes que a amizade con este mundo é inimiga de Deus? E así quen quere ser amigo deste mundo faise inimigo de Deus. 5¿Ou é que coidades que a Escritura di sen razón aquilo de que "o Espírito que puxo en nós ten arelas fortes"? 6Pero meirande é a graza que nel concede. E por isto di: "Deus arrepónselles ós soberbios, pero ós humildes dálles a súa graza".

7Sédelle, logo, ben mandados a Deus; facédelle fronte a Satán e arredará de vós. 8Achegádevos a Deus e El achegarase a vós. Lavade as mans, pecadentos, limpade os corazóns, homes falsos. 9Apalpade as vosas miserias, poñede o loito e chorade; que o voso riso se converta en pranto; e a vosa alegría, en tristura. 10Abaixádevos no acatamento do Señor, que El vos ha soerguer. 11Non andedes falando mal uns dos outros, irmáns. Quen fala mal de seu irmán ou xulga a seu irmán, fala mal da Lei e xulga a Lei; e, se xulgas a Lei, xa non es cumpridor da Lei, senón o seu xuíz. 12Só un é lexislador e xuíz: o que pode salvar e perder. Pero ¿quen es ti para xulgares o próximo?

 

¡Pobres dos comerciantes e dos ricos!

 

13Reparade agora no que dicides: "hoxe ou mañá imos ir para esta ou aquela cidade, botaremos alí o ano, negociaremos e teremos beneficio". 14Pero ¡se non sabedes o que vai ser de vós mañá! Porque ¿que é a vosa vida? Unha fumarediña que aparece e desaparece no mesmo intre. 15En vez diso debiades dicir: "se Deus quere e chegamos alá, imos facer isto ou aquilo". 16Pero vexo que vós sodes uns farfalláns e semellante fachenda é mala. 17O que coñece o ben que ten que facer e non o fai, comete pecado.

 

 

 

CAPÍTULO 5

 

1E vós, os ricos, chorade e berrade polas desgrazas que van vir enriba de vós. 2A vosa riqueza está podrecida; a vosa roupa chea de couza; 3o voso ouro e a vosa prata, enferruxados; e a mesma ferruxe será testemuño en contra vosa e, coma se for lume, comerá as vosas carnes. ¡Estades atesourando na fin dos tempos! 4¡Atención! O xornal que non lles pagastes ós obreiros que vos fixeron a seitura está clamando e o seu berro chega ós oídos do Señor dos Exércitos. 5Vivistes na terra cheos de fartura e cebastes os vosos corazóns nos praceres para o día da matanza. 6Condenastes o xusto e matástelo sen que el vos fixese fronte.

 

Saber agardar

 

7Tede, logo, paciencia, irmáns, deica a volta do Señor. Reparade en como o labrego coa esperanza posta nos preciosos froitos da terra agarda con paciencia as augas temperás e as serodias. 8Tede tamén vós paciencia e collede folgos, porque o Señor axiña chegará. 9Non vos queixedes, irmáns, uns dos outros, para que non vos sentencien; mirade que o xuíz está xa á porta. 10No sufrimento e na paciencia, irmáns, seguide o exemplo dos profetas que falaron no nome do Señor. 11Mirade que agora nós chamámoslles benaventurados ós que aturaron todo. Tedes oído falar da paciencia de Xob e xa vedes a fin que lle concedeu o Señor, porque o Señor é compasivo e misericordioso.

12Sobre todo, irmáns, non xuredes: nin polo ceo nin pola terra, nin por cousa ningunha; que o voso si sexa si e que o voso non sexa non, para que non vos sometan a xuízo.

 

A oración

 

13¿Anda magoado algún de vós? Que rece. ¿Séntese alegre? Que cante salmos. 14¿Algún de vós ten unha doenza? Faga traer os anciáns da comunidade, para que recen por el, unxíndoo con aceite no nome do Señor. 15E a oración feita na fe salvará o enfermo; o Señor fará que se erga e, se tiver pecados, perdoaránselle. 16Así que confesádevos mutuamente os vosos pecados e rezade uns polos outros para que teñades saúde. Moito pode a oración teimosa do xusto. 17Elías era un home coma calquera de nós; pediu afervoadamente que non chovese e non choveu nada en tres anos e medio; 18volveu pedir e o ceo mandou auga e a terra deu os seus froitos.

19Meus irmáns, se algún de vós se arreda da verdade e outro o trae ó bo camiño, 20tede seguro que quen fai que un pecador volva dos seus camiños trabucados, salvará a súa alma da morte e soterrará unha chea de pecados.