Capítulos 6-10

 

Preitos dos cristiáns nos tribunais pagáns

 

CAPÍTULO 6

 

1Cando algún de vós ten un preito con outro, ¿como é que se atreve a ilo demandar diante dos pagáns e non dos cristiáns? 2¿Ou é que non sabedes que os cristiáns xulgarán o mundo? E, se vós ides xulgar o mundo, ¿seredes incompetentes para xulgar unhas cousas de nada? 3¿Non sabedes que xulgaremos os anxos? ¡Canto máis as cousas desta vida! 4Pois logo, ¿como é posible que, cando tedes preitos por cousas desta vida, vaiades poñer de xuíces a aqueles que a Igrexa desbota?

5¿Seica non tedes vergonza? ¿Ou é que non hai entre vós ningún home bo que poida facer unha avinza entre irmáns? 6Pero, non, van  ó preito irmán contra irmán e iso diante dos non crentes. 7Desde logo, xa bastante baixeza é que haxa preitos entre vós. ¿Por que non aguantades, máis ben, a inxustiza? ¿Por que non vos deixades, máis ben, roubar? 8¡Pero non, sodes vós os que facedes inxustiza e roubades ós outros; iso que son irmáns!

9¿Non sabedes que os inxustos non herdarán o Reino de Deus? Non vos levedes a engano: nin os indecentes, nin os idólatras, nin os adúlteros, nin os efeminados, nin os homosexuais, 10nin os ladróns, nin os avaros, nin os borrachos, nin os faltóns, nin os caciques herdarán o Reino de Deus. 11E iso erades algúns de vós. Pero xa vos lavastes, xa vos consagraron e xa quedastes xustificados no nome do Señor Xesús Cristo e no Espírito do noso Deus.

 

A pureza cristiá

 

12"Todo me está permitido" ‑pero non todo me presta; "todo me está permitido" ‑pero eu non me deixarei dominar por nada.

13Os alimentos son para o ventre e o ventre para os alimentos, ademais o Señor destruirá unha cousa e mais a outra.

Pero o corpo non é para a fornicación, senón para o Señor; e o Señor é para o corpo. 14E Deus, que resucitou xa a Cristo, tamén nos ha resucitar a nós polo seu poder.

15¿Non sabedes que os vosos corpos son membros de Cristo? ¿E vou coller os membros de Cristo e convertelos en membros dunha prostituta? ‑¡De ningunha maneira! 16¿Ou non sabedes que quen se achegue á prostituta, faise un mesmo corpo con ela? Porque está dito: Faranse os dous unha soa carne. 17Pola contra, quen se xunta ó Señor, é un mesmo espírito con El. 18Fuxide da fornicación. Calquera pecado que o home poida cometer, cae fóra do corpo; pero quen fornica peca contra o seu propio corpo. 19¿Ou non sabedes que o voso corpo é templo do Espírito Santo que está en vós, porque o recibistes de Deus e que polo tanto non sodes donos de vós? 20Porque, en verdade, compróusevos a bo prezo. Glorificade, por tanto, a Deus co voso corpo.

 

 

RESPOSTAS ÁS CONSULTAS DOS CORINTIOS. MATRIMONIO E VIRXINDADE

 

O matrimonio: dereitos e deberes

 

CAPÍTULO 7

 

1E agora falemos do que me escribistes.

Ben lle está ó home non tocar muller; 2pero, para evitar a fornicación, que cada home teña a súa muller, e que cada muller teña o seu home. 3Que o home cumpra coa súa muller, e o mesmo a muller co seu home. 4A muller non é a dona do seu corpo, éo o home; e do mesmo xeito, o home non é o dono do seu corpo, éo a muller. 5Non vos privedes un ó outro, a non ser de común acordo por algún tempo, a fin de terdes vagar para a oración; despois volvede ó mesmo, para que non vos tente Satán por culpa da vosa incontinencia.

6Isto que vos digo é unha concesión, non un precepto. 7Eu ben quixera que todos os homes fosen coma min; pero cada un recibe de Deus a súa graza particular: uns dun xeito, outros doutro.

8Os solteiros e ás viúvas dígolles que lles era ben quedaren coma min. 9Pero, se non aguantan, que casen, que máis vale casar que abrasarse.

10Os casados dígolles non eu, senón o Señor: que a muller non se separe do seu home. 11En caso de que chegue a separarse, ou que siga sen casar ou que se poña a ben co home. E que o home non repudie á súa muller.

12Os outros dígolles eu, non o Señor: se un irmán ten unha muller que non cre, pero que consente en vivir con el, que non a bote. 13E se unha muller ten un home que non cre, pero que consente en vivir con ela, que non o bote. 14Pois o home que non cre queda santificado pola súa muller; e a muller que non cre queda santificada polo marido crente. Se non fose así, os vosos fillos serían impuros, cando a verdade é que son santos. 15Pero, se o non crente se quere separar, que se separe. En tal caso o irmán ou a irmá non quedan escravizados: Deus chamouvos para vivirdes en paz. 16Porque ¿que sabes ti, muller, se vas salvar a ese home? ¿Ou que sabes, ti, home, se vas salvar a esa muller?

17Fóra disto, que cadaquén viva conforme o Señor lle asignou, no estado en que Deus o chamou. Tal é o que dispoño en todas as igrexas.

18¿Que a chamada o colleu circuncidado? ‑Non o disimule. ¿Que a chamada o colleu incircunciso? ‑Non se circuncide. 19Nada vale a circuncisión, nada vale a incircuncisión: o que vale é cumprir os mandamentos.

20Que cadaquén siga no estado en que o chamaron. 21¿Que te chamaron sendo escravo? ‑Non teñas pena. E, aínda que puideses facerte libre, mellor aproveita a túa condición. 22Porque aquel a quen sendo escravo chamou o Señor, é liberto do Señor. Igualmente, aquel a quen chamou sendo libre, é escravo de Cristo. 23Mercáronvos a bo prezo: non vos fagades escravos dos homes. 24Irmáns, que cadaquén siga ante Deus no estado en que o chamaron.

 

Os non casados e os viúvos

 

25Polo que toca ós non casados non teño orde do Señor, pero dou un parecer coma persoa que, pola misericordia de Deus, é digna de creto. 26Coido eu que, por culpa da calamidade presente, é ben que cadaquén quede como está. 27¿Que estás ligado a unha muller? ‑Non teimes por librarte. ¿Que non estás ligado a muller? ‑Non busques muller. 28Non obstante, aínda que cases, non pecas; e, aínda que case unha moza, tampouco peca. Pero os que casen terán tribulacións na carne, e eu quixera librarvos delas.

29O que vos digo, irmáns, é que o tempo é contado. O que importa, é que os que teñen muller vivan coma se non a tivesen; 30os que choran, coma se non chorasen; os que están alegres coma se non se alegrasen; os que comercian, coma se non tivesen nada; 31os que gozan no mundo, coma se non gozasen. Porque o mundo, na súa configuración actual, está a pasar.

32Eu quixera vervos libres de preocupacións. O non casado preocúpase das cousas do Señor, da maneira de lle agradar. 33Pero o casado preocúpase das cousas do mundo, da maneira de lle agradar á muller; 34e así está repartido. A muller non casada, o mesmo cá rapaza solteira, preocúpanse das cousas do Señor, procurando seren santas de corpo e alma. Pero a casada preocúpase das cousas do mundo, da maneira de lle agradar ó seu home. 35Dígovos isto polo voso propio interese, non para vos amarrar botándovos un lazo; ó contrario, para vos guiar no que é honesto e leva sen divisións ó Señor.

36Pero se alguén se encontra en dificultade respecto da súa noiva, porque está moi apaixonado e xa non pode aguantar, que faga o que queira: non peca, que casen. 37Pola contra, quen está firme no seu corazón e non sente unha compulsión irresistible, senón que permanece dono da súa vontade: se se decidiu no seu interior a respectar a súa noiva, fai moi ben. 38De maneira que quen casa coa súa noiva obra ben e o que non casa obrará aínda mellor.

39A muller está ligada ó seu home mentres el viva. Pero, se o home morre, queda libre para casar con quen ela queira, sempre que sexa cun cristián. 40Non obstante será máis feliz, se se deixa estar así. Ese é o meu parecer e paréceme que tamén eu teño o Espírito de Deus.

 

 

AS CARNES SACRIFICADAS ÓS ÍDOLOS

 

Os principios teóricos

 

CAPÍTULO 8

 

1No que toca ás carnes inmoladas ós ídolos, é ben sabido que todos temos coñecemento. Pero o coñecemento incha, mentres que a caridade é construtiva. 2Se alguén cre que xa coñece algo, aínda non coñece como hai que coñecer. 3En troques, se alguén ama a Deus, Deus coñéceo a el.

4Así que verbo de comer as carnes sacrificadas ós ídolos, sabemos que ningún ídolo existe de verdade no mundo, nin deus ningún fóra do Único. 5Porque, aínda que haxa moitos deuses de nome, tanto no ceo coma na terra ‑e hai efectivamente moitos deuses e moitos señores‑, 6para nós non hai máis ca un só Deus, o Pai, de quen todo procede e para quen nós estamos feitos; nin hai máis ca un só Señor, Xesús Cristo, por quen todo existe e por quen existimos nós mesmos.

 

O punto de vista da caridade

 

7Pero non todos teñen este coñecemento. Algúns, por estaren afeitos ata agora á mentalidade idolátrica, comen esa carne coma se fose sagrada; entón, a súa conciencia, por non estar segura, quédalles lixada. 8Desde logo, non é a comida o que nos achega a Deus: non imos ser menos por non comer, nin por comer imos ser máis. 9Pero tede coidado de que esa liberdade vosa non sexa tropezo para os débiles. 10Porque, se alguén te ve a ti, que tes coñecemento, sentado á mesa nun templo idolátrico, ¿non é certo que, a quen non está aínda seguro, o vai tentar a conciencia a comer o sacrificado ós ídolos? 11Así, polo teu coñecemento pérdese o débil, ese irmán por quen morreu Cristo.

12Dese xeito, pecando contra os irmáns e ferindo a súa débil conciencia, pecades contra Cristo. 13Por iso, se unha comida escandaliza a un irmán meu, endexamais non probarei a carne, para non escandalizar a meu irmán.

 

O exemplo de Paulo

 

CAPÍTULO 9

 

1¿Non son eu libre? ¿Non son apóstolo? ¿Logo non vin a Xesús, o noso Señor? ¿Non sodes vós a miña obra no Señor? 2Se para outros non son eu apóstolo, para vós si que o son; pois vós sodes, no Señor, o selo do meu apostolado.

3Esta é a miña defensa contra os que me demandan: 4¿Acaso non temos dereito a comer e beber? 5¿Non temos dereito a levar connosco unha muller irmá, o mesmo cós demais apóstolos e os irmáns do Señor e Pedro? 6¿Ou é que soamente eu e mais Bernabé carecemos do dereito de non traballar? 7¿Quen foi algún día á guerra gastando do seu? ¿Quen planta unha viña e non come o seu froito? ¿Quen coida un rabaño e non se alimenta do seu leite?

8¿Ou estou falando con criterios humanos? ¿Non di tamén a Lei iso mesmo? 9Pois é precisamente na Lei de Moisés onde está escrito: Non lle poñas o bozo ó boi que malla. ¿Impórtanlle acaso os bois a Deus? 10¿Ou non está ben claro que o di por nós? Sen dúbida está escrito por nós, pois quen labra precisa labrar con esperanza e tamén o que malla: coa esperanza de levar a súa parte. 11Se nós sementamos en vós os bens espirituais, ¿é moito que fagamos colleita nos vosos bens materiais? 12Se outros teñen tal dereito sobre vós, ¿non temos nós máis? Pero nós nunca nos aproveitamos dese dereito. O contrario, aturamos todo para non lle poñer ningún tropezo ó Evanxeo de Cristo.

13¿Non sabedes que os que celebran o culto viven do templo, e que os que serven no altar teñen parte nel? 14Do mesmo xeito, o Señor prescribiulles ós que anuncian o Evanxeo que vivan do Evanxeo. 15Pero eu non me aproveitei de nada diso. Nin escribo estas cousas para aproveitarme agora: mellor morrer que... Non, a miña gloria ninguén ma tirará.

16Porque o mero feito de predicar o Evanxeo non é para min gloria ningunha: é unha necesidade que teño enriba de min. ¡Pobre de min se non predico o Evanxeo! 17Pois así: se fago isto polo meu gusto, xa teño premio; pero, se o fago a contragusto, é un simple cargo que estou obrigado a administrar. 18¿Onde está, logo, o meu premio? ‑En que, cando predico o Evanxeo, fágoo gratuitamente, renunciando ós dereitos que este Evanxeo me confire.

19Pois, sendo como son libre con respecto a todos, de todos me fixen escravo para gañar os máis posibles. 20Fíxenme xudeu cos xudeus, para gañar os xudeus; suxeito a Lei cos que están baixo a Lei ‑eu que non o estou‑, para gañar os que están baixo a Lei. 21Cos que están sen a lei, fíxenme coma sen lei ‑non estando eu sen a Lei de Deus, tendo como teño a Lei de Cristo‑ para gañar os sen lei. 22Cos débiles fíxenme débil, para gañar os débiles. Fíxenme todo con todos, para salvar algúns a toda costa. 23Todo o fago polo Evanxeo, para ter algunha parte nel.

24¿Non sabedes que os corredores no estadio, corren todos, pero soamente un leva o premio? Correde, logo, de maneira que levedes premio. 25Todos os que compiten impóñense unha disciplina total; iso que eles é para conseguiren unha coroa perecedoira; nós en cambio, unha imperecedoira. 26Eu, pola miña parte, corro, pero non ó que saia; loito, pero non dando golpes ó aire. 27O contrario, castigo duramente o meu corpo e trátoo coma un escravo: non vaia suceder que despois de lles predicar ós outros, quede eu descualificado.

 

O exemplo dos israelitas no deserto

 

CAPÍTULO 10

 

1Porque eu non quero, irmáns, que ignoredes que os nosos pais estiveron todos baixo a nube; que todos pasaron polo medio do mar; 2que, na nube e no mar, todos recibiron o bautismo de Moisés; 3que todos comeron o mesmo alimento espiritual ‑4pois bebían da pedra espiritual que os acompañaba: e esa pedra era Cristo‑. 5Pero, con todo, a maior parte deles non lle agradou a Deus, xa que os seus cadáveres ficaron estrados polo deserto.

6Isto sucedeu coma un exemplo para nós, a fin de que non teñamos degaros do mal, coma eles os tiveron. 7Nin vos fagades idólatras, o mesmo que algúns deles; como está escrito: Sentou o pobo a comer e a beber, e logo levantáronse para se divertiren.  8Nin nos entreguemos á impureza, como fixeron algúns deles, e nun día caeron vinte e tres mil. 9Nin tentemos o Señor, coma algúns deles o tentaron e pereceron mordidos polas serpentes. 10Nin murmuredes, coma algúns deles e pereceron vítimas do Exterminador.

11Isto sucedeulles a eles coma exemplo, pero escribiuse para o noso escarmento: para nós que vivimos na fin dos tempos. 12¡De xeito que o que crea estar de pé, teña coidado de non caer! 13E a vós non vos viñeron tentacións que superen as forzas humanas. Fiel é Deus, que non consentirá que teñades tentacións superiores ás vosas forzas: coa tentación havos dar tamén os medios para poder saír dela.

 

O banquete sagrado e os banquetes profanos

 

14Polo tanto, meus benqueridos, fuxide da idolatría. 15Fálovos como se lle fala á xente asisada: xulgade vós mesmos o que digo. 16A copa da bendición que bendicimos, ¿non é unha comuñón co sangue de Cristo? O pan que partimos, ¿non é unha comuñón co corpo de Cristo? 17E como hai un único pan, tamén nós, sendo moitos, formamos un único corpo, porque todos participamos dese único pan.

18Ollade para o Israel histórico: os que comen as vítimas ¿non están en comuñón co altar? 19¿Que quero dicir entón? ¿Que a carne inmolada ós ídolos é algo? ¿Ou que é algo o ídolo? 20O contrario, digo que os sacrificios que ofrecen os pagáns honran ós demos e non a Deus; e eu non quero que entredes en comuñón cos demos. 21Non podedes beber a copa do Señor e a copa dos demos. Non podedes participar na mesa do Señor e na mesa dos demos. 22¿Ou é que queremos desafiar o Señor? ¿Ou somos nós máis fortes ca El?

 

Solucións prácticas

 

23"Todo está permitido", ‑pero non todo me presta; "todo está permitido" ‑pero non todo é construtivo. 24Que ninguén busque o seu propio interese, senón o dos demais.

25Comede todo o que se vende na cortadoría, sen preguntar cousa ningunha por motivos de conciencia, 26pois do Señor é a terra e todo o que a enche.  27Se algún infiel vos convida e queredes ir, comede todo o que vos poñan e non preguntedes nada por motivos de conciencia. 28Pero se un vos di: "isto foi sacrificado ós ídolos", daquela non comades: por causa de quen vos avisou e pola conciencia. 29Refírome non á vosa conciencia, senón a do outro.

‑Pero, ¿por que a miña liberdade vai ter de xuíz a conciencia doutro? 30E, se eu cando participo nunha comida llo agradezo a Deus, ¿por que me teñen que criticar por algo que como dándolle as grazas?

31‑Ollade: tanto que comades, como que bebades, coma calquera cousa que fagades, facédeo todo para gloria de Deus. 32Non sexades tropezo nin para os xudeus, nin para os gregos, nin para a Igrexa de Deus.

33Así tamén eu procuro agradar a todos en todo, non buscando a miña comenencia, senón a da maioría, para que se salven.